#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Racing Vilalbés e Sarriana abren oco na zona alta de Terceira RFEF

O Trío de Ases Panadería O Cantón déixanos unha xornada moi positiva para os conxuntos lucenses de Terceira RFEF. O Racing Vilalbés segue na segunda praza tras vencer na Madalena ao Boiro. Só un posto máis abaixo está a Sarriana, que abre fenda na táboa logo de gañar nun gran encontro ao Estradense. O Polvorín, no debut de Álex Ortiz no banquiño, venceu ao Vilalonga, mentres que o Viveiro sumou un punto na casa fronte ao Gran Peña amosando cada vez unha imaxe máis sólida.

Na Preferente, o Escairón venceu no derbi provincial ao Ribadeo e engánchase á pelexa pola permanencia. O Pol igualou no Municipal co Mugardos e o Lemos caeu de forma abultada no campo do líder, o Montañeros.

O Racing Vilalbés non cede na pelexa polo liderado tras gañar pola mínima ao Boiro (1-0)

Os chairegos seguen na segunda praza a dous puntos do líder. O Racing controlou a primeira parte e non tardou en xerar perigo. David García puxo a proba a Borja Rey nos primeiros compases. Os de Alberto López controlaron os ataques boirenses que sempre partían das botas de Álex Rey para que finalizaran os atacantes Pedrosa ou Sylla. Preto do descanso, un balón de Make á espalda da defensa recolleuno Brais Pedreira, regateou ao seu defensor e cruzou o balón lonxe do alcance do porteiro.



No segundo tempo un centro de Anthony rematouno Make e Borja Rey salvou aos seus in extremis. Borja Míguez tamén tivo o segundo gol nas súas bota tras asistencia de Cañi. O Racing Vilalbés sufriu nun tramo do segundo tempo e atopou en Álex Santomé o seu mellor valor. O gardameta salvou dúas ocasións moi claras do ribadense Pedrosa. Os trocos deronlle aire aos chairegos que se defenderon nos últimos minutos sen demasiados atrancos.

A Sarriana remonta fronte ao Estradense, cuarto clasificado, e suma a cuarta vitoria consecutiva (3-2)

Prosegue a xeira da Sarriana que foi quen de vencer a un Estradense que o perseguía n a clasificación. O encontro comezou cunha alta presión dos visitantes que lle dificultou o xogo aos de José Antonio Rodríguez. Rulo rematou un córner aos once minutos e adiantou aos de Manuti e pouco despois Porrúa aproveitou un erro de Piay para facer o segundo. Sobrepasada a media hora de xogo Azael logrou recurtar diferencias tras varios rexeites.



A Sarriana comezou a segunda metade coas ideas máis claras e xogou en superioridade numérica a partir do minuto 52 pola expulsión de Marcos Mella por doble cartón amarelo. Os locais xogaron máis cómodos. Nun saque de esquina, Maxi estableceu a igualada. Eran os mellores minutos da Sarriana e Boedo logrou o terceiro. Chegaron máis ocasións da Sarriana, varias delas de Guitián, pero non entraron. No último intre de xogo, o Estradense gozou dunha boa ocasíon que solventou sen atrancos Javi Liz.

O Polvorín vence ao Vilalonga no día do retorno de Álex Ortiz ao banquiño (1-0)

Volveu Álex Ortiz ao banquiño do Polvorín, adestrador co que o filial albivermello acadou tres temporadas atrás o ascenso a Segunda RFEF. E fíxoo cunha vitoria necesiaria diante do Vilalonga nun encontro disputado cos dous conxuntos realizando unha presión alta e cun xogo vertical. A primeira metade foi escasa de ocasións. O Polvorín optou polo control do balón e o Vilalonga tentou saír á contra.

Na segunda metade o encontro abriuse máis e os locais adiantáronse cun tanto de Antón que rematou un centro lateral de Freire. O Vilalonga deu un paso adiante, trocou de sistema e gozaron dalgunha ocasión, ás que Candal respostou con acerto. O Polvorín, en varios contragolpes, puido sentenciar, pero o gardameta Rodri e a falta de acerto fixo que os albivermellos tiveran que defender a mínima vantaxe ata o final.

O Viveiro mereceu mellor premio fronte ao Gran Peña (0-0)



Os celestes realizaron o mellor encontro con Adrián Benavides no banquiño. O Viveiro amosouse moi superior no primeiro tempo. Os mariñáns foron quen de levar a iniciativa do xogo e circularon o balón con criterio. German e Rolle gozaron de grandes ocasións que salvou providencial o gardameta. O Gran Peña amosou unha faceta conservadora e apenas chegou á portería defendida por Ayoub.

Tras o paso por vestiarios, o Viveiro seguiu sendo moi superior, sobre todo nos primeiros quince minutos nos que Rolle contou cunha ocasión moi clara cun testarazo que saiu fóra por moi pouco. Diego Santín enganchou unha volea que tamén rozou o pao. O balón non entrou e os mariñáns tiveron que conformarse co empate.

A fulgurante saída do Escairón dalle os tres puntos fronte ao Ribadeo (2-1)

O derbi provincial caeu do lado dun Escairón que se engancha á pelexa pola permanencia. O Ribadeo afonda na súa mala xeira. Tres puntos nas últimas sete xornadas sitúan aos de Luchi con só catro puntos de marxe sobre o descenso directo e afastados do décimo terceiro posto, que case garante a tranquilidade. O encontro comezou cun Escairón que saiu en tromba e sorprendeu aos mariñáns con dous tantos case consecutivos. O primeiro chegou nun disparo de Bamba que bateu no pé de Mario e colouse na portería. Acto seguido, un centro lateral de Julito rematouno Yann ao fondo da portería. A partir de aí o Ribadeo fíxose co control do balón fronte a un Escairón replegado. Só Castrín foi quen de inquedar a Marcos Macía antes do descanso.

Na segunda parte o Ribadeo seguiu un guión semellante. O Escairón posicionouse en bloque baixo e defendeuse con criterio, pero os de Luchi foron quen de atacar con máis sensación de perigo mediante balóns á espalda da defensa e saques de falta laterais ou córners. Pedrinho dispuxo dun man a man diante do gardameta que non aproveitou. Tras varios saques de esquina nos que o Ribadeo xerou ocasións de gol, noutro deles Álex Meitín foi quen de recurtar diferencais, pero xa sen tempo para máis.

O Pol suma a novena xornada sen perder, aínda que merece un maior premio diante do Mugardos (0-0)

O Pol dominou o encontro practicamente durante os noventa minutos. Iago Buján e David contaron con grandes ocasións de gol no primeiro tempo que non atoparon portería. O Mugardos non foi quen de inquedar a área dos de Manolo García e o gardameta Marcos foi un espectador máis.

No segundo tempo o dominio local foi máis intenso, tamén en número de ocasións. O colexiado anulou un tanto moi dubidoso a Laye, xusto antes de que Omar se atopara coa gran intervención do gardameta David Gómez. O Pol non se rendiu e seguiu intentando acadar o gol. David estrelou un balón na madeira preto do final.

Derrota estrepitosa dun Lemos con moitas baixas no campo do líder (9-0)

Encontro sen historia en San Pedro de Visma. O líder pasou por riba dun Lemos que acudiu en cadro e con varios xuvenís na convocatoria. Jorge Otero abriu o marcador aos poucos minutos e os monfortinos mantiveron o tipo ata sobrepasada a media hora de xogo cando o mesmo Jorge Otero convertiu o segundo tanto. A partir de aí os locais xogaron a pracer.

Pape e Real acadaron sendos hat-tricks e Álex Suárez completaron a goleada.

Racing Vilalbés e Sarriana abren oco na zona alta de Terceira RFEF

As contas da Terceira Futgal

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *