A Copa Deputación 2026 da Segunda e da Terceira Futgal comezou na zona sur coa clasificación de dous equipos da 3ª ante conxuntos da 2ª. O Quiroga eliminou ao Portomarín e o Taboada B fixo o propio co Monterroso B.
Con todo, coma no norte, foron máis os clubs de Segunda que avanzan de rolda. Becerreá, Paradela, Lemos B, Friol e San Lázaro superaron os seus cruces. Nos partidos entre rivais da mesma categoría, o Antas e o Palas valéronse dos penaltis para clasificarse ante a Sarriana B e o Sober, respectivamente. De encontros da Terceira, o Corgo venceu claramente ao Incio.

Coa chegada da Copa Deputación 2026 estreamos unha nova sección: O Ás de Copas. Nela repasamos os encontros do torneo copeiro e baixo o seu paraugas nomearemos un xogador destacado de cada eliminatoria.
Un ás é unha persoa que sobresae nunha actividade especialmente deportiva. As copas xóganse e tamén se desfrutan. Por iso, O Ás de Copas contará todo o que dea de si o torneo promovido pola entidade provincial.
O Corgo mantén na Copa as estatísticas da liga
O club corgués é o líder da zona sur da Terceira Futgal. Tras unha gran primeira volta, con só unha derrota, o equipo preparado por Abel Rochela continúa co ritmo tamén na Copa. Venceu ao Incio (0-4) e xogará co Friol os dezaseisavos de final.
O mal estado do terreo dificultou o xogo de ambos equipos. O Corgo buscou que o balón estivese en campo contrario a maior parte do tempo e aí gañar as disputas e coller as segundas xogadas. Lográrono e foron claros dominadores na primeira parte, na que se adiantaron con goles de Stalin e David.
O colexiado anulou dous tantos máis aos visitantes e contaron con varias ocasións que non materializaron. No segundo tempo, O Incio empezou mellor e tivo algunha oportunidade para recurtar distancias.
Os trocos déronlle folgos ao Corgo, que logrou marcar en dous córners sacados por Rubi, que remataron Rubio e Brais. O conxunto amarelo, que só tiña un cambio, xogou con dez varios minutos por lesión.
O Friol botou man dos penaltis para impoñerse ao Carballedo
O conxunto friolés igualou co Carballedo (1-1) e clasificouse a través dos penaltis. Na seguinte fase visitará ao Corgo.
Partido no que os locais empezaron moi intensos e gozaron dun par de ocasións moi claras. O Friol buscou xerar perigo nas transicións, aínda que o Carballedo foi capaz de solventalo. Nun erro defensivo, Monchito aproveitou para poñer o 1-0.
Na segunda metade, os locais quedaron cun futbolista menos pola expulsión de Raúl. Aínda en inferioridade, o Carballedo xerou algunha acción de perigo, pero nunha contra chegou o empate por medio do goleador Dani Roca. O club friolés buscou o triunfo nos últimos intres sen éxito. Nos penaltis foron mellores os pupilos preparados por Martín Rodríguez.
O Becerreá fixo gala do seu potencial ofensivo ante o Relámpago
Un dos equipos referencia da Segunda Futgal, luciuse con éxito na primeira rolda da Copa. O Becerreá superou ao Relámpago (0-6). Na seguinte fase, xogará co seu actual perseguidor no liderado da Segunda Sur, o Santa Comba, exento da primeira eliminatoria.
A diferenza de categoría palpouse dende o principio. O Becerreá foi moi superior, a pesar de facer rotacións cos que menos minutos acumularon ata agora. Kevin asinou un dobrete e tamén marcaron Santín, Andrés, Christian e Higi.
O Palas avanza nos penaltis
O Palas botou man dos penaltis para superar ao Sober, tras o 0-0 nos 90 minutos. Agora xogará nos dezaseisavos de final co Paradela.
Foi un duelo sen moitas ocasións. Aínda que os locais tiveron dúas boas opcións, que entre o porteiro do Palas e a defensa conseguiron despexar. Javi Ouro tivo a máis clara para o Palas, pero tampouco estivo acertado.
Nos penaltis, a pesar do fallo de Tene, o acerto en dúas penas máximas de Mateo foi clave para a consecución final do pase do cadro palense.
O Paradela eliminou ao Bóveda
O conxunto do Ganadarón mantense na Copa ao superar ao Bóveda (0-2). Con todo, non leva a Copa ao seu campo e actuará tamén de visitante ante o Palas.
Foi un partido moi igualado na primeira metade. Logo do pase polos vestiarios, o Bóveda saíu con menos intensidade e o Paradela aproveitouse dos erros defensivos dos locais para resolver o partido. Manu asinou un dobrete.
O Antas fixo seus os penaltis na Ribela
O cadro da Ulloa superou á Sarriana B nas penas máximas, despois de igualar a un gol nos 90 minutos. Mantense como visitante nesta Copa e na seguinte rolda xogará na casa do Ferreira.
O Antas esperou pola Sarriana B, que dominou a posesión do balón. Á contra, os visitantes intentaron facer dano, sen moito éxito na primeira parte.
O segundo tempo, comezou co gol local de Rubén. O filial non ampliou a vantaxe e o Antas logrou igualar por medio de Méndez. Despois a eliminatoria resolveuse nos penaltis cunha parada clave de Lucas.

O Taboada B sorprende no encontro de filiais
O Taboada B venceu 2-1 ao Monterroso B. Non se notou tanto a diferenza de categoría entre dous equipos que están facendo unha boa campaña nas súas divisións. Agora o filial do Taboada xogará co Rubián, un dos conxuntos cos que loita polos postos de ascenso na Terceira.
O Monterroso B tivo máis chegadas na primeira parte, aínda que o filial taboadense puido marcar nun balón que petou no pau. Nun lanzamento dende fóra da área, Rubén adiantou ao cadro adestrado por Óscar Pampín.
As tornas cambiaron no segundo tempo. Un Taboada B máis intenso logrou igualar por medio de Álex Pita. Nos últimos intres de encontro, novamente Álex Pita marcou o tanto da vitoria.
Un gol de Guti resultou clave para a vitoria do Lemos B
O Lemos B venceu pola mínima a Piringalla (0-1). O filial lemista seguirá xogando de visitante en dezaseisavos. Visitará As Rapadas para xogar co Páramo.
O conxunto de Monforte impúxose en Lugo nun encontro no que amosou novamente a gran solidez defensiva. Mediada a primeira parte, logrou adiantarse por medio de Guti.
A pesar de só facer un cambio, os pupilos preparados por Yesi aguantaron do marcador nas Gándaras. Nos últimos intres foi expulsado Dani Blanco.
Gachan marcou o gol do triunfo do Quiroga
Un gol do ex adestrador Adrián González ‘Gachan’ foi decisivo no triunfo do Quiroga ante o Portomarín (1-0). Mantén a Copa no San Martiño e recibirá polo Entroido ao San Lázaro.
Primeira parte con moita presión dun Portomarin, a priori, superior por categoria. O Quiroga sufriu moitas perdas de balón que ocasionaron ocasións do rival. Aínda así, xerou algunha situación de perigo. Na última xogada da primeira parte, chegou o gol por medio de Gachan que subiu a rematar.
No segundo tempo, os locais metéronse atrás e saíron á contra para tratar de sentenciar. O Portomarín buscou o empate e no último tramo de encontro o asedio xa foi continuo. Con todo, os xogadores preparados por Diego Rey non estiveron atinados de cara a porta e deixaron escapar a oportunidade de avanzar na Copa.
O San Lázaro deixou no camiño ao Río Sil
O conxunto capitalino impúxose na Carqueixa ao Río Sil (0-2), con dous goles que chegaron a partir da hora de xogo. Agora viaxarán a Quiroga nos dezaseisavos de final.
A primeira metade estivo igualada. Ambos equipos gozaron de oportunidades de gol para adiantarse no marcador.
No segundo tempo, os visitantes controlaron máis os tempos. Sobrepasado o minuto 60, puxéronse por diante por medio de Martín. Instantes despois, lograron o segundo grazas a Álex Freire. Deste xeito, permitiulles controlar o partido ata o final.
O Ás de Copas do sur:
O Entroido tamén será de Copas:
A Segunda e a Terceira Futgal non teñen xornada de liga a fin de semana do Entroido (14 e 15 de febreiro). Os 32 equipos vivos na Copa xogarán aí a eliminatoria correspondente aos dezaseisavos de final. A maiores dos clubs mencionados, aparece o cruce entre o SD Chantada B e San Roque. Este partido xa quedou fixado dende o sorteo e ambos estiveron exentos da primeira rolda.
Eliminatorias dezaseisavos de final:
Corgo – Friol
Becerreá – Santa Comba
Palas – Paradela
Ferreira – Antas
SD Chantada B – San Roque
Taboada B – Rubián
O Páramo – Lemos B
Quiroga – San Lázaro

