Que piden aos Reis os equipos de Primeira?

Non é momento de mirar cara atrás, pois os principios de Ano sempre invitan a pensar nun futuro brillante. É o caso dos equipos lucenses da Primeira Futgal, que afrontan o 2026 con paso firme na procura dos obxectivos. Porén, para saber ata onde queren chegar, teñen que saber tamén de onde veñen.

Reis

O flamante líder, a SD Chantada, leva anos facendo as cousas ben e quedando coa mel nos beizos, preto do ascenso de categoría. Semella que os de Traste colleron experiencia e tratarán de conservar —xunto ao seu bo fútbol— unha gran solidez defensiva que os manteña no alto da táboa. A Residencia de Rafa Casanova, pola súa parte, ten que voltar ao nivel amosado ata o mes de novembro, repoñerse da derrota que sufriu na casa do líder e recuperar o sorriso dun equipo que brilla dentro e fóra do campo.

O Ribadeo, dirixido por Dani Moirón de xeito interino, deu pasos adiante no último mes do 2025. Coa entrada do 2026, seguirá camiñando paseniño para establecer o seu proxecto con xente da casa. As catro vitorias seguidas dun Racing Villalbés desatado permiten que os de Iván Lamas se atopen en zona nobre e que soñen con facer algo grande para o club, pero sen perder a cabeza e mantendo o seu obxectivo formativo por riba de todo.

Fernandito xa avisara de que o Monterroso era candidato a todo

Tamén o Monterroso —tal e como avisou Fernandito no verán— quere colarse na promoción de ascenso. Do seu partido aprazado contra o Xove dependerá onde durman na Noite de Reis, pero os de Cerdeiriños están amosando un nivel espectacular. Escairón e Milagrosa pechan un grupo perseguidor baseándose nas súas boas defensas e no alto ritmo que impoñen nos seus partidos, co que preteden competir ata o último intre polos play-off.

Na oitava praza aséntase o Outeiro de Rei: aínda que lles custou arrincar, os de Fer Corredoira están collendo o pulso da categoría e queren fuxir da zona baixa o antes posible, mentres que Guntín, Castro e Foz empatan a puntos xusto por debaixo: os laranxas caeron nunha mala dinámica que tratarán de cambiar, os de Dumi non están a rendir ao nivel agardado —condicionados polas baixas e un curto cadro de xogadores— e os de Pelayo teñen que traballar as finalizacións para ser máis efectivos e sumar puntos que, se cadra, merecen.

Preto deles atópase o Lourenzá, cuxas transicións seguirán sendo unha dor de cabeza para os seus rivais no 2026, mentres que o Iberia e o Oural buscarán consolidar a súa experiencia e ser máis decisivos nas áreas. Particularmente os de Moro, que queren a permanencia logo de moitos anos lonxe da categoría. As pezas dos sarriáns, pola súa banda, semellan estar xa engranadas e amosaron un altísimo nivel no último mes de competición.

O Santaballés saiu do descenso coa última victoria do curso, e procurará manterse lonxe deses postos por medio dun grupo que ten calidade suficiente para non pasar apuros. Na zona vermella están o Chantada Atlético, o Taboada e o Xove. Cada un deles ten unha materia pendente se queren saír dese pozo.

Os chantadinos terán que reducir os goles encaixados para cambiar a súa dinámica, mentres que o Taboada necesita unha maior regularidade. O Xove, porén, precisa mellorar os números ofensivos para deixar de ser o colista.

Mención aparte para un Brollón que, a pesares de ser un recén ascendido e de competir fóra da provincia, está demostrando que a provincia de Lugo conta con grandes xogadores e compite a gran nivel. Os de Chura teñen acadada unha salvación virtual e soñan con chegar á zona nobre do Grupo 4 ao longo do 2026.

Imaxe de portada: Roberto Carreira