Os xogos de palabras que acompañan o titular seguro que se escoitaron esta semana polo sur da provincia. Ou, polo menos, algo parecido. A frase «Que ben, Kevin» serve para definir modestamente o gol que o dianteiro do Becerreá marcou en Chantada.
O comentario «Panizo, a que fixo», designa a excelente execución de falta co que o futbolista de Sober lle deu os tres puntos ao Río Sil no Baliño. No caso deste último, facéndolle honra a súa parroquia, a frase tamén podería ser: «O de Figueroa, fíxoa boa».
Son dous dos nomes que foron tendencia nunha fin de semana de golazos no fútbol provincial. Por suposto, teñen papel principal en #ONoso11Futbolinlugo. Iso si, acompañados de máis compañeiros como os dianteiros que lideran aos invictos da categoría, o Meira e o Roupar.
Pleno do Meira e do Roupar:
Na zona norte, só dous equipos manteñen o pleno de vitorias nas tres xornadas desputadas. O Meira e o Roupar encabezan a clasificación exemplificando o seu poderío no olfacto goleador de Rubén Vidal ‘Seixosmil’ e en Sebas. Ambos marcaron cadanseu dobrete.


O Meira é o primeiro clasificado polo diferencial de goles. Superou na Lomba a un Cabreiros que se presentou con once xogadores debido a varias baixas causadas por motivos persoais. O encontro quedou sentenciado xa na primeira metade cun 4-0.
Cos dous goles de Rubén Vidal ‘Seixosmil’ incluídos. O dianteiro séguelle facendo no nome honra a súa parroquia a base de goles e boas actuacións. No segundo tempo, o premio ao esforzo ‘dos once’ dos visitantes chegou co gol da honra.
O Roupar conseguiu unha vitoria de peso na súa visita á Rúa ante a Candelaria. Non foi un bo partido do cadro adestrado por Abel Eijo que recoñeceu o xusto triunfo do rival. O conxunto verde foi mellor en intensidade e gañas e tivo o partido controlado na maior parte do tempo.

O Guitiriz, terceiro:
Sendo o único equipo con sete puntos, preséntase o Guitiriz na terceira praza. Derrotaron na casa ao equipo co que tamén podían facer un pareado no nome, o Goiriz. Os locais gozaron de varias ocasións na primeira metade e tiveron no central Jaba a un dos referentes na creación de perigo.
O central dos Vilares foi máis Jaba ca nunca na súa 20ª temporada no club da súa vila. Adiantou aos seus cun remate a saída dun córner. Permitiuse o luxo de tirar fóra un penalti e aínda volveu ter outra clara oportunidade noutro balón parado dende a esquina. Aínda así, o ‘Guiti’ logrou o segundo gol por medio de Erik.
O Goiriz recurtou diferenzas aínda no primeiro acto, pero non foi suficiente para equilibrar o partido. Cora tivo que axustar posicións e o habitual dianteiro Fidel xogou de mediocentro. Ademais, ante a ausencia do porteiro Marcos, foi Juan quen asumiu as responsabilidades baixo paus e non desentoou.
Iberia, Alfoz, Candelaria e Muimenta con seis puntos:
Catro equipos suman seis puntos neste inicio de competición. O Iberia e o Alfoz (que xogaron xuntos a pasada finde) completan agora mesmo os postos de play off. Seguidos pola xa mencionada Candelaria e o Muimenta.
O Iberia non lle puido poñer fin as festas do San Miguel de Reinante cunha vitoria. Non foi un bo partido dos pupilos preparados por José Manuel. Foron de máis a menos, conseguindo xerar ocasións ao comezo e poñéndose por diante cun bo gol de Jordane.
Pouco a pouco, o Alfoz foise facendo co peso do partido. Conseguiu empatar por medio de Lorigados antes do tempo de lecer. Esta dinámica seguiu na segunda metade e o cadro verdiblanco logrou a remontada.
O Iberia quedou con dez no tramo final, aínda así tentou a igualada pero non deu coa tecla. O adestrador do Alfoz, Nico Veiga tamén foi expulsado ao recriminarlle ao árbitro a decisión tomada nunha falta en contra.
O conxunto adestrado por José Manuel rompeu deste xeito unha xeira de doce partidos de liga sen perder (once vitoias e un empate). A última derrota fora o seis de febreiro, precisamente co mesmo resultado en contra na casa (1-2, co Sanci).
O Muimenta sumou o segundo triunfo do curso nun duelo de proximidade ante o Castro B. De proximidade e de contrastes porque a veteranía dos celestes enfrontouse a xuventude dos vermellos.
E no primeiro tempo a veteranía foi superior. O cadro de Basi entrou moi ben ao partido e marchou ao descanso cun 0-2 a favor. Ao pouco de comezar o segundo acto, conseguiron o terceiro.
Cando todo parecía decidido, os rapaces adestrados por Isaac Rouco sacaron o orgullo e marcaron dous goles. Nunha contra o Muimenta marcou o cuarto, pero aínda se volverían meter no partido os locais co terceiro tanto. O filial apertou pero finalmente non consumou o empate.

Na metade da clasificación sitúanse con catro puntos o Folgueiro, o Cabreiros e a Comercial. O equipo do Vicedo protagonizou un encontro de goles e emoción xunto co Cospeito na Fonte. Poderiamos dicir que os erros primaron sobre os acertos nun partido con oito goles. Pero viuse bo fútbol cun Cospeito ao que lle afectou o gol visitante xusto antes do descanso e lle faltou calma no segundo acto.
Kiños marcou un dobrete para o Folgueiro e Paulo, que viña de mancarse na anterior xornada, tamén fixo dous para os da casa. Pola súa banda, Xoán marchou do campo lesionado antes do recreo ao torcer un nocello. Foi Martín de penalti quen igualou o resultado nos últimos intres conseguindo así, o primeiro punto da campaña para os seus.
As primeiras da Comercial e do Fonsagrada:
Pola súa parte, a Comercial logrou a primeira vitoria ante un Celta Barreiros que polo de agora non puntou. Non obstante, no partido xogado no Cascabeiro houbo ocasións para ambos equipos. Foi a Comercial que conseguiu batir a portería dun René que tamén realizou unha boa actuación persoal.
O primeiro triunfo tamén o conseguiu a Fonsagrada na casa ante o Xermade. Os locais souberon aproveitar moi ben as súas ocasións ante un desafortunado rival.
Jorge detivo un man a man e acto seguido os seus adiántanse no marcador. Máis tarde, o porteiro parou un penalti e ao pouco, a pena máxima foi a favor dos locais. Nunha fin de semana de máximo explendor das maciñeiras (en plena época da recollida de mazás), o lucense Maci non erra no lanzamento e marcou o segundo.

O Becerreá lidera:
Na zona sur, o Becerreá manda na cabeza en solitario. Sumou a segunda vitoria da campaña na súa visita ao Chantada B. Kevin foi un dos grandes protagonistas do partido co gol que rompeu a igualada. O atacante de Cervantes marcou de falta cun balón que entrou pola escadra. Os locais acabaron con nove debido a expulsión de dous xogadores.
Cinco equipos suman cinco puntos na táboa. O Paradela lidera o quinteto logo de empatar nun encontro de seis goles ante a Milagrosa. Gran partido para o espectador no Gandarón no que os locais foron mellores no primeiro tempo. 3-2 era o resultado cando o árbitro asubiu o final dos primeros 45 minutos. Na reanudación do xogo a Mila tivo a capacidade de ser mellor e igualou nun erro individual dos locais.
Con cinco puntos tamén está o Oural que sumou de un ante o Carballedo. Sen goles ao descanso no Catro Ventos. Marcaron o primeiro os locais, que posteriormente quedaron cun futbolista menos por expulsión de Miguel e non lograron manter o resultado. Aínda así, sumaron un valioso punto, en parte grazas as boas paradas de Fran.
Cinco tamén acumula o San Roque na clasificación ao empatar por segunda fin de semana consecutiva. Desta volta foi ante o Corgo como visitantes. A primeira parte foi máis frouxa dos de Montirón que destacaron no segundo tempo. Aínda así, foron os locais quen se puxeron por diante. Ao pouco, os capitalinos lograron empatar. Tiveron algunha máis para acadar a remontada pero non batiron máis a porta rival.

Guntín e Río Sil suman de tres:
O Guntín sumou de tres por primeira vez no curso, logo de comezar con dous empates seguidos. Superou pola mínima ao Sporting Lucense. Foi un encontro igualado no que os do Ladairo foron mellores na última parte do encontro. Nese tempo aproveitaron para facer o gol do triunfo.
Traxectoria paralela ao Guntín é a que leva agora o Río Sil. Gañou por primeira vez na campaña ante Ferreira. Os de Pantón perdoaron ante nunha gran actuación do gardamallas Adrián ‘Cuba’. E no tramo final apareceu Panizo para executar de xeito maxistral unha falta a uns seis metros da area grande. Antes do asubío final, o cadro de Sober sufriu para termar do resultado pero finalmente fíxose cos tres puntos.
Terceiro empate do San Lázaro e estrea de tres do Friol:
Catro puntos teñen os xa mencionados Milagrosa e Ferreira; ademais do Brollón e o Friol. O cadro da Pobra igualou na súa visita ao San Lázaro. Os locais foron superiores no primeiro terzo do encontro, pero o dominio foise repartindo e ao descanso non houbo goles. Na semana na que se retirou o dianteiro ‘Pipita’ Higuaín, o porteiro ‘Pipita’ Borja Figueiras tamén colleitou unha boa actuación.
É que na segunda parte, os visitantes entraron mellor, dispuxeron de ocasións e acabaron marcando nunha boa internada por banda dereita de Maza. Máis adiante, o San Lázaro logrou empatar. Yelko aproveitou un despiste rival para facer o seu terceiro gol do curso. A gran fichaxe para o ataque está respondendo e é o autor dos tres goles que leva o equipo na campaña.
O Friol tamén gañou por vez primeira na tempada nesta xornada. Derrotou pola mínima ao filial do Lemos B na Reigosa. Un dos veteráns da categoría, Jesús liderou aos seus camiño dos tres puntos. O filial lemista estreará adestrador na próxima xornada. Melchor Rodríguez farase cargo dos rapaces este venres e xa se sentará no banco no partido da finde. O ata agora preparador Óscar Moure asume esas funcións no primeiro equipo logo da marcha de Josito Jul.