A Primeira comprímese moito por abaixo
-
Santi Real | 10/02/2026
- 0
- 6min de lectura
A Primeira Futgal, da man de Salvatierra Abogados, segue a deixar emoción e duelos vibrantes na provincia. A SD Chantada aproveita o pinchazo da Resi, o Monterroso colócase terceiro e a zona baixa aprétase cada vez máis.
O Ribadeo tropeza e o Taboada saca un punto de moito mérito (0-0). O estado do Pepe Barrera condicionou completamente o choque entre ambos conxuntos. Os de Dani Moirón trataron de levar a iniciativa, pero o entramado defensivo do cadro de Martín Murado, e as ameazas de transición, frearon a ofensiva dos mariñáns. Co paso dos minutos, o céspede foise deteriorando e as defensas venceron sobre os ataques. Ao final, empate sen goles en Ribadeo.
O Brollón competiu pero non sacou nada positivo do feudo do segundo (3-1). Aínda que os lucenses trataron de competir de ti a ti, o equipo local levou o peso do xogo. Logo do gol que abriu o electrónico (1-0), Damián empatou nun intre chave, xusto antes do descanso. Porén, un gol en propia meta pouco despois da reanudación voltou inclinar a balanza a prol dos ourensáns, que pecharon o resultado co definitivo 3-1 cando restaban 10′ minutos.
O Monterroso mantense solvente a costa do pechacancelas (3-1). A falta de contundencia defensiva dos visitantes valeulles aos de Cerdeiriños para anotar dous goles na primeira media hora. Foi entón cando chegou a reacción mariñá, cun golazo de falta directa. No comezo da segunda metade, o Xove procurou con insistencia a meta local, pero os vermellos souberon defenderse sen pasar moitos apuros e pecharon o choque co 3-1 definitivo a 20′ do asubío final.

O Lourenzá cae na Santa Cruz diante do Outeiro (0-2). O temporal tamén condicionou o estado do feudo laurentino, de xeito que as accións a balón parado tornáronse decisivas. Os chairegos transformaron un rexeite logo dun saque de esquina que petou primeiro no traveseiro. A practicidade visitante notouse desde o 0-1 e, xa na segunda metade, aproveitaron un disparo de falta directa para facer o 0-2. Aínda que o primeiro envío petou no longueiro de novo, Saúl colleu o rexeite e definiu para dar aire ao Outeiro e asfixiar lixeiramente aos locais.
O Atlético Escairón gaña no Ladairo (0-1). A boa posta en escea dos visitantes valeulles para adiantarse na primeira media hora por medio de Sellal. Desde o 0-1, o Guntín medrou no partido e comezou a inquedar a portería rival. Porén, o Escairón está a demostrar que é un equipo moi fiable unha vez se adianta e, sumando iso ao estado do céspede do Ladairo, conseguiron manter a renda ata o asubío final diante dun cadro laranxa impotente.
O Chantada Atlético colle aire logo de vencer ao Foz (3-2). Houbo unha parte para cada equipo no Sangoñedo. O Foz fixo o 0-1 nunha indecisión dos locais e, aínda que os chantadinos igualaron pouco despois, os mariñáns voltaron adiantarse —agora nun saque desde o curruncho— aínda na primeira metade. No segundo tempo, o Chantada Atlético mellorou moito e deu a volta ao electrónico. Os visitantes tiveron as súas opcións ao contragolpe, pero a intensidade local impúxose e os puntos quedaron na vila do Asma co definitivo 3-2.
O Castro asalta a Liga (1-3). A lama da Liga foille ben a un Castro que estivo moito mellor que os seus rivais na recta inicial. Anotaron dous goles e puideron facer máis, aínda que o 0-3 non chegou ata o segundo tempo, cun balón ás costas. O Santaballés, porén, mellorara moito tras a reanudación e recurtou diferenzas desde o punto de penalti. Os locais tiveron ocasións para achegarse máis no electrónico, pero pagaron a falta de efectividade e a relaxación inicial.
Empate a 2 na Fonte logo dun penalti, unha expulsión e un gol no 99′ (2-2). Ao gol inicial do branquiazul Manu logo dun roubo na banda non puido responder o Racing ata o 10′ do segundo tempo, cando Borja fixo o empate. Porén, a «Resi» puxo o 1-2 pouco despois desde os once metros (Dani Renda) logo de que Mauro forzase á perfección o penalti.
Co paso dos minutos, o dominio do Racing Villalbés ‘B’ foi a máis, especialmente desde a expulsión de Chiqui. Ademais, unha lesión nas filas visitantes fixo que a Residencia xogara con 9 futbolistas todo o tempo engadido. Os chairegos aproveitaron para subir a intensidade e obtiveron o premio á súa insistencia no 99′, cando Iván rematou un centro de Diego para poñer o definitivo 2-2 en Cospeito.
A SD Chantada suma e segue no Oural (1-3). Os de Traste tamén se saben adaptar ao xogo directo e, como proba, Pedro fixo dous goles na primeira media hora (nun centro lateral e nunha falta desde o costado, respectivamente) para dar tranquilidade a unha SD que enviou dous balóns aos paus antes do descanso.
Na segunda metade, Yago aproveitou un resbalón da zaga visitante para poñer o 1-2 e o medo no corpo dos rivais, pero os chantadinos souberon administrar a vantaxe e Tino puxo renda de por medio cun gran disparo que pechou o choque no 89′, 1-3 no Luis Pallín.
A Milagrosa soña coa promoción e o Iberia entra en descenso (1-0). Os locais foron mellores na primeira metade: xeraron perigo a balón parado ata que Rafa fixo o 1-0 logo dunha asistencia coa testa de David. O Iberia mellorou co paso dos minutos, pero a Milagrosa dificulta moito o xogo aos seus rivais no Gorgoso. Un gol anulado por fóra de xogo foi a situación máis clara para o cadro mariñán, mentres que os albivermellos estiveron preto de ampliar a renda.
