Xa é oficial. A Comisión Delegada da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) fixo oficial neste venres o que xa era un secreto a voces. O plan de anular os descensos e manter os ascensos saiu adiante. Polo tanto, o PM Friol vivirá unha temporada máis o Reto Iberdrola (Segunda División Nacional). O Rácing Villalbés e o Polvorín seguirán unha campaña máis na Terceira División. Con respecto á suba de categoría, disputarase un play off entre os catro primeiros clasificados no grupo galego. Sempre e cando Sanidade o permita, algo que semella realmente complicado. No caso de non celebrarse estas eliminatorias en sede única, todo indica que o ascenso sería para o Compostela. O primeiro clasificado no momento en que o virus detivo o mundo e a competición. Ademais, o Lugo xuvenil mantense na División de Honra.
E que pasa co resto dos equipos lucenses? Todo fai indicar que se manterá este mesmo formato no fútbol afeccionado. Que Viveiro acompañaría a chairegos e capitalinos na Terceira, que Foz non baixaría, que Atlético Escairón e Santaballés xogarían na Preferente… Pero aquí precísase a confirmación da Real Federación Galega de fútbol (RFGF). Algo que moitos esperaban nestas próximas horas ou días. E pola que seguramente teremos que esperar algo máis. No máximo estamento do balompé galego queren ter todo moi ben atado para evitar o máximo número de denuncias e reclamacións posibles. O vicepresidente da RFGF Carlos Negrín recoñece que se atopan «limando flecos» xa que «vai haber reclamacións seguro, algún equipo non vai estar de acordo tómese a decisión que se tome».
Aproveitando a chamada a Negrín e a súa dispoñibilidade, analizamos con el os tres escenarios posibles que se lles plantexaron aos clubs. E coas súas respostas, temos claro por onde vai a folla de ruta do fútbol galego.
1. Anular todo. «Non gusta nada entre os equipos, xa que non se valoraría nada todo o esforzo feito. Estaría ben se leváramos só o 20% da temporada disputado. Pero chegamos ao 60-70% na maioría dos casos».
2. Finalizar a temporada 19-20 máis ala do verán. «Poderíase facer pero é moi compricado. Iríamos a contracorrente coa Federación española. Imaxina que eles empezan a Terceira División en outubro e nós aínda estamos finalizando a Preferente. Non podemos».
3. Dar a temporada por rematada con ascensos e sen descensos. «É a que máis forza ten pero hai matices. Necesitamos o respaldo xurídico e cando tomas unha decisión non podes volver atrás».
Ese punto de non retorno é a principal preocupación da RFGF. Por iso «hai que ver todos os casos e adoptar a decisión menos mala, a máis xusta para todos os clubs», sinala o vicepresidente do estamento. A data límite para a circular máis agardada da temporada, na que se defina como remata a mesma, situouna Negrín no 25 de maio. «Ese día temos Asemblea. Ou dicimos algo antes ou nesa propia Asemblea. Máis tarde, non». «Atopámonos, como dicía, analizando casos particulares que hai que mirar con lupa. Hai que ir ao reglamento e a apartados concretos del», engade.
Parte desas situacións particulares e interrogantes abertas son as que aquí detallamos. E estas foron as súas respostas.
-Ascenso a Primeira para o San Ciprián ou para o Sporting Pontenova. «É sumamente compricado que suban os dous. Esta mesma situación, con variantes, dase en toda Galicia. Imos ir caso por caso. Eu non son avogado. Este é un dos casos máis compricados, que son para o Secretario Xeral. Pode ser que se rixa polo artigo 201. Que indica que ao non xogarse o segundo partido entre eles, se vaia ao golaverage xeral». (O golaverage xeral e do Sporting Pontenova.
-Play off de ascenso a Segunda Galicia. «É unha opinión persoal. Os protocolos de actuación fan que sexan case imposibles. A maioría dos propios clubs non queren saber nada deles. Ademais, da complexidade das datas. Habería que mirar o mérito deportivo para ese terceiro ascenso. Pero repito, é unha opinión persoal».
-Fútbol feminino. «Hai que ser coherente con el, e deberanse seguir os mesmos criterios que co masculino».
-Fútbol base. «Estamos estudando o tema dos xuvenís e valorando co comité de expertos cal é a mellor opción».
-Posible desaparición da Terceira a temporada que vén. «É moi compricado que desapareza esta categoría. O que temos que ter claro é que a próxima tempada é de transición. E que non e o mesmo comezar en setembro, que en novembro ou xaneiro. E veremos se hai rebrote. Por esa razón aínda non nos puxemos cos plans competicionais. O posible rebrote tería que quedar contemplado neles».
Por último, Carlos Negrín destacou o «chapeau comportamento dos clubs da provincia de Lugo, aínda habendo xente implicada». «Entenden a situación, saben a que é», aclara. Feito salientable e moi diferente ao que sucede noutras provincias, nas que sabemos que hai grandes presións de determinados equipos para conseguir os seus obxectivos.