PM Friol e Antas non fallan ante os pechacancelas

O PM Friol vence a un Sárdoma que conseguiu anotar dous tantos

En 18 xornadas de Tercera RFEF, o Sárdoma (pechacancelas) só conseguira anotar 5 goles e, malia que o PM Friol se puxera por diante cos tantos de Fati (m.7) e Keisy (m. 45); as locais conseguiron empatar o encontro nada máis saír dos vestiarios, cos tantos de Judith e Adriana.

Aínda así, o dominio friolés en canto a posesión e ocasións era total, mais o balón resistíase a entrar. Non foi ata o 85′ cando por fin Leti volveu a pór por diante ás friolesas e Paula, só 3 minutos despois, anotaba o definitivo 2-4 que mantén ao conxunto amarelo metido de cheo na loita polo play-off.

O Antas golea sen piedade ao Sárdoma B

Dominio absoluto do Antas na casa ante un Sárdoma B segundo pola cola. As de Óscar Méndez gañaban xa 4-0 ao descanso cos tantos de Nuria (2), Elisa e Yanire.

O partido non tivo máis donas en todas as facetas que as ulloás, que certificaron unha vitoria clara e sen recibir nin un só disparo a porta rival, co definitivo 5-0 anotado por Elisa no 57.

Derrota dun San Lázaro abandoado pola sorte

Non quixo o fútbol sorrirlle ao San Lázaro, que caeu ante o Eirís pola mínima (3-2).

As celestes non se atoparon cómodas en ningún momento do partido, sen conseguir adaptarse ás dimensións do campo e o estilo de xogo das rivais, que apostaron por un fútbol directo e con moitas disputas.

Malia adiantarse o San Lázaro en dúas ocasións no marcador, os detalles determinaron o partido. Erros garrafais do San Lázaro propiciaron os goles do cadro local penalizando con creces ás lucenses, que remataron por perder o partido co definitivo 3-2 anotado por elas mesmas en propia porta.

Un partido no que, quizais, o resultado máis xusto tivera sido un empate.

O exceso de confianza sáelle caro á Milagrosa

Derrota totalmente inesperada da Milagrosa ante un rival da zona baixa da táboa: o Nicrariense (4-1).

A nula intensidade amosada polas lucenses deixa un dos partidos máis negativos – non só en canto ao resultado, senón en canto a xogo e sensacións – de toda a tempada.

Xogadoras da Milagrosa. Foto cedida

Héctor Expósito, adestrador milagrosista, confía en poder «pasar páxina e aprender desta experiencia». Aínda así, a Milagrosa mantense de cheo na loita polo play-off da Segunda Futgal.

O Cruces golea con claridade ao Carballedo

Partido con dúas partes moi diferentes. As de Sementa saíron ao partido mordendo en ataque e desfrutando de varias ocasións claras para adiantarse no luminoso. Porén, nunha contra o Cruces abriu o marcador e axiña chegou o segundo tanto, de xeito case consecutivo.

O Carballedo non baixou os brazos e así chegaría o tanto de Vero (2-1) pero a semana fíxoselle longa ás rosas despois do partido de Copa e, unido ás lesións, as dificultades físicas propiciaron o resultado claro final: 5-1 para un Cruces moi superior na segunda parte.

O Chantada remonta e golea á Comercial

Comezaron gañando as xogadoras da Comercial, anotándolle grazas a unha xogada de saque dende o curruncho a nada máis e nada menos que o líder da Terceira Futgal: Chantada.

Porén, as ocasións eran claras para as chantadesas e axiña Noela anotaría o gol do empate. Saray fixo o propio para enviar o partido xa encamiñado ao descanso para o Chantada. Á volta dos vestarios, de novo as mesmas goleadoras anotaron outros dous goles para pór o definitivo 1-4 que mantén ás chantadesas líderes e á Comercial como pechacancelas.

Comercial-Chantada. Foto Róber Carreira.

Tarde de goles en Bandeira

Partido de alta voltaxe entre o Bandeira e o Monte Forte que caeu finalmente do lado local. Adiantárase o Bandeira co gol de Eva no 9′, mais Marián puxera o empate no 18′ para o Monte Forte.

De novo Eva adiantaba ás súas no 29′ e no 31′ Alba aumentaba a vantaxe ao 3-1. Eva, en estado de doce, puxo o 4-1 co seu hat-trick, mais o Monte Forte seguiu loitando e Moji anotaría o segundo para as lemesas.

Alba de novo encargouse de deixar claro que a vitoria sería para o Bandeira poñendo o 5-2 e os goles posteriores de Marián (5-3) e Pdemer (5-4) non abondaron para que o Monte Forte sacara algún punto da súa visita a un dos campos máis complexos da Terceira Futgal.

Xogadoras do Monte Forte. Foto cedida

Dominio total do PM Friol B ante o San Roque

Partido cunhas soas donas: as friolesas. O San Roque sabía da perigosidade das amarelas e máis no seu campo, e aínda que o equipo mantivo en todo momento as forzas necesarias para dar a cara, non foi suficiente para frear a un PM Friol tremendamente efectivo, pero si para amosar as ganas de traballar do conxunto verde.

Andrea (2), Patri, Nerea (3) e un gol en propia porta deron a vitoria friolesa: 7-0. A boa actuación de Cris baixo paus evitou un resultado máis abultado.

A Copa segue adiante sen sorpresas

O festivo do Día do Pai serviu para que a Copa Deputación Feminina siga adiante e xa coñezamos aos conxuntos semifinalistas.

Na Copa Deputación 2026 estreamos unha nova sección: O Ás de Copas. Nela repasamos os encontros do torneo copeiro e baixo o seu paraugas nomearemos unha xogadora destacada de cada eliminatoria.

Un ás é unha persoa que sobresae nunha actividade especialmente deportiva. As copas xóganse e tamén se desfrutan. Por iso, a Ás de Copas contará todo o que dea de si o torneo promovido pola entidade provincial.

San Lázaro, Milagrosa, Antas e PM Friol B (que xogara xa o pasado domingo) impóñense nos seus respectivos encontros ante Chantada, Carballedo, Monte Forte e San Roque; aos que xa chegaban como favoritos.

O San Lázaro puxo a directa e aos vinte segundos xa dominaban no marcador do Sangoñedo. Dou firmou un dobrete para rematar o partido cun 0-3 sobre o Chantada.

A Milagrosa, pola contra, deixou os deberes para o final. O Carballedo deu batalla na primeira metade e o encontro chegou ao descanso dominado pola Milagrosa pola mínima. O físico, as lesións e a diferenza de calidade desequilibraron a balanza na segunda metade cun hat-trick de Albita para a clara vitoria milagrosista.

Pola súa parte, o Antas non tivo piedade ante un Monte Forte moi inferior. Malia que Méndez deu minutos ás xogadoras menos habituais e así aproveitar para descansar as pernas dun equipo cun calendario moi apretado e esixente, a calidade non baixou.

Durante o primeiro tempo o partido estivo máis igualado, porén; o paso polos vestiarios puxo fin ao ti a ti e o Antas pasou a ser único dominador do encontro no seu segundo acto, dándose un festín goleador ata chegar ao 0-7 final.

As semifinais están previstas para o vindeiro 5 de abril cos choques entre Milagrosa e San Lázaro no Luis Gorgoso e o PM Friol B – Antas na Reigosa.

PM Friol e Antas non fallan ante os pechacancelas

PM Friol e Antas non fallan ante