- As amarelas derrotaron ao Chantada no Sangoñedo arrebatándolles o liderato e a posterior vitoria do Monte Forte ante o Cruces asegurou o ascenso das friolesas
- No resto de partidos da xornada, pleno de vitorias lucenses
O Antas non levanta o pé do acelerador e gaña na Pastoriza
1-3 impúxose o Antas na súa visita á Pastoriza aínda que o luminoso reflicte un resultado algo enganoso xa que, na segunda metade, o Antas sufriu moito e non foi ata o 90 cando sentenciou o encontro co tanto de Elisa, que xa anotara o segundo para as celestes.
A Pastoriza, terceira pola cola, loitou de ti a ti o encontro; como é habitual. O equipo pastoricense remata todos os seus partidos con resultados axustados malia que normalmente non caian ao seu favor.
Comezara ben o Antas, com moito dominio e un par de chegadas claras pero sen conseguir adiantarse e foi aí cando comezaron as présas que se traducían en perdas. Despois da primeira media hora, chegou o primeiro gol do Antas das botas de Nuria, o cal deu confianza e tranquilidade ás de Óscar Méndez, que comezaron a mover con calidade a pelota para que Elisa puxera o 0-2 antes do descanso.

Pero na segunda metade todo mudou. Aínda que o Antas comezou cómodo, o paso dos minutos levaban a unha mellora clara da Pastoriza e á inversa das celestes. As indecisións foron medrando e así chegou o tanto pastoricense, que se veu arriba véndose coa oportunidade de rascar algún punto do partido.

As xogadas a balón parado fixeron dano ao Antas. As locais chegaron a anotar un 2-2 que, finalmente, foi anulado por man.
Foi Elisa quen, despois dun mal rexeitamento do Pastoriza, aproveitou para pór o 1-3 da calma que daba ao Antas outros tres puntos para seguir na terceira posición da táboa.
Procesión da cofraría dos goles da Milagrosa
‘Santa Irene‘ podería ser a patroa da Milagrosa esta tempada. Cada domingo, como se fora unha cuestión de fe, Irene acude á cita dos goles e xunto a ela acompáñana un equipo solidario e que cre, o que lles permite estar en postos de play-off de Segunda Futgal o mesmo ano que ascenderon a esta liga.

Este domingo, o equipo que sufriu a «gracia divina» que vive a Milagrosa foi un Brexo Lema que encaixou un tanto por cada día da Semana Santa, ata 7.
A Milagrosa dominou de inicio a fin cunha grandísima primeira metade na que puido anotar moitos máis goles que o obrado por Irene no minuto 13. Foi na segunda metade cando entraron as ocasións que non quixeran facelo na primeira e a Milagrosa se deu un festín con media ducia de goles para chegar ao 7-0 final. Irene (3), Pérez, Ángela, Candela e Martínez firmaron a súa autoría.
Tras esta vitoria as de Héctor Expósito pensan xa no partido de semifinais de Copa Deputación desta fin de semana: nada máis e nada menos que un derbi ante o San Lázaro.
O San Lázaro sabe sufrir e imponse pola mínima ao Cee
Partido moi desputado entre dous equipos moi semellantes (e separados tras a vitoria do San Lázaro por só un punto) no que as celestes amosaron unha gran colocación sobre o verde e cun gran xogo en especial na primeira metade.
Xa na segunda, o Cee mellorou cos cambios e o partido igualouse. Aínda Así, o gol de Mary no 33′ e o de Anita no 79′ deron a vantaxe necesaria para levar os tres puntos malia o tanto en contra que conseguiu anotar o Cee no 80′, por medio de Anita.

O San Lázaro tivo que meterse atrás para certificar a vitoria, pero amosou saber sufrir para firmar a que é xa a 11ª vitoria para elas no que vai de liga.
Rubén Candal e as súas encaran a semana pensando xa na Copa.
Duelo de xigantes no Sangoñedo con vitoria visitante
Partido con moito en xogo o vivido este sábado no Sangoñedo. O Chantada, que chegaba líder da Terceira Futgal, podía certificar o seu ascenso se gañaba ao PM Friol B, segundo clasificado.

Como era de agardar, o partido estivo moi igualado, especialmente na primeira metade tras un primeiro cuarto de hora na que as amarelas amosaron a súa capacidade de asedio.
Porén, o Chantada non se achicou e nas botas de Caseiro estivo unha oportunidade de ouro para que as locais se puxeran por diante. Pero en fronte atopouse con Isa, a gardameta friolesa, que conseguiu evitar que o man a man se convertise en gol.
Pola contra, sería Nerea quen abriría o marcador cun disparo dende fóra da área que remataría no fondo da rede. Un auténtico golazo da chantadesa que milita nas filas do PM Friol (Tercera RFEF) e que combina ademais o xogo no filial amarelo.
A partir de entón, os tantos frioleses foron sucedéndose. Carla, Patri e Ana puxeron o 0-4 final. Unha derrota coa que de momento o Chantada non pode celebrar o ascenso que «chegará seguro porque o merecen», tal e como loaba o adestrador visitante, Ángel Villar, ao remate do encontro.
Foi no serán do domingo cando a vitoria (inesperada) do Monte Forte sobre o Cruces (3º clasificado), certificou o ascenso dun PM Friol B que aínda non ten decidido que fará coa praza que acaban de gañar para Segunda Futgal (a pasada campaña renunciaron a xogar en tal categoría).
O Monte Forte imponse ao Cruces nun partido cheo de goles no Luis Bodegas
De ti a ti mirou o Monte Forte a un Cruces que, sen dúbida, é un dos rivais máis difíciles de bater da categoría. Comezaron de feito adiantándose as rivais, xa no primeiro minuto, grazas a un tanto de Samia.

Porén, as monfortinas puxeron o empate no 14 grazas ao tanto de Erea. Mais pouco lle duraba a igualdade. De novo Samia adiantou ao Cruces no 22 e, a partir de aí, o luminoso foi dominado polas visitantes ata que, no 60, Paulita igualou o encontro de novo.
O Monte Forte veuse arriba e Camila, cinco minutos despois, poñía por vez primeira ás locais por diante no marcador (3-2). Pero Samia seguía decidida a levar algún punto do Luis Bodegas, anotando o terceiro para ela e para o seu equipo e devolvendo as táboas ao marcador (3-3). Finalmente foi Paulita, no 71, quen anotou o seu dobrete particular para darlle a vitoria ao Monte Forte.


