O PM Friol suma tres puntos máis a domicilio
Partido controlado de inicio a fin polas amarelas na visita a O Val. Malia xogar nun campo de caucho no que a circulación do balón se dificultaba por momentos, as friolesas firmaron un gran partido empurradas dende o inicio polo tempraneiro gol de Yoleidis (3′). Malia dominar con claridade, unha contra puxo o empate no luminoso no minuto 13′, pero antes de marchar aos vestiarios Yoleidis volvería a adiantar ás súas.

Na segunda metade o PM Friol puido certificar a vitoria aumentando a súa vantaxe grazas a un golazo pola escuadra da súa fichaxe de inverno, Paola.
Con esta vitoria o PM Friol segue enganchado na loita polo campionato e postos de promoción, a só 5 puntos do líder, As Celtas B.
O Antas golea pese a unha primeira metade nefasta
Despois de ter vencido a pasada xornada a todo un Rosalía, que chegaba líder invicto, as ulloanas firmaron esta fin de semana un primeiro tempo para esquecer ante o Cambre.


Con todo, as celestes conseguiron chegar ao descanso gañando e é que, xa no primeiro minuto, Jenny abrira o marcador para o Antas. Mais lonxe de aproveitar esa vantaxe, as celestes fixeron unha mala lectura do partido. O equipo visitante adiantou moito a liña defensiva deixando espazos atrás que podía ter aproveitado o Antas, pero a precipitación constante penalizounas.
O partido empatouno o Cambre por medio de Paula no 11′. Os goles chegaron alternos, volvendo adiantar ás lucenses Mel (2-1) no 22′. Nuria puxo máis terra de por medio no 27′ (3-1) pero de novo o Cambre volvía achegarse con gol de Carmen no 39′ (3-2).
O paso polos vestiarios beneficiou a un Antas que mellorou o seu xogo para que de novo Nuria no 50′ e Jenny no 59′ selaran o definitivo 5-2.
Xustas tablas entre o San Lázaro e o Dumbría
O San Lázaro repartiu puntos co Dumbría nun partido no que probablemente ningún dos dous equipos merecera gañar, pero de seguro, ningún merecera perder.

O San Lázaro conseguira adiantarse no 38′ por medio de Mire, e dominou no marcador durante prácticamente todo o partido ata que, xa no 80′, o encontro semellou volverse tolo.
O Dumbría puxo o empate grazas ao tanto de Paula que, de novo e xa no 87′, adiantaba ao Dumbría. Cando todo semellaba que remataría coa derrota dun San Lázaro que dominara o luminoso durante todo o encontro, Dou puxo xustiza anotando xa no tempo de desconto o definitivo e xusto 2-2.
A Milagrosa segue imparable malia facer un partido gris
Coma se se tratara do tempo meteorolóxico que nos acompaña «ultimamente» (ou non tan últimamente), a Milagrosa pasou esta fin de semana por fases do partido tremendamente grises ante un equipo, o Orillamar, que a priori non debera darlle demasiados problemas.

As de Héctor Expósito, un dos equipos sensación no que vai de tempada na Segunda Futgal, non amosou a súa mellor versión pero, aínda así, resolveu con éxito. Candela puxera por diante ás albivermellas no 38′. Mais Daniela empataría o partido para o Orillamar no 65′. Lucía, xa no 74′, anotou o 2-1 definitivo para que a Milagrosa siga sumando e posicionada no play-off de ascenso.
Derbi no sur provincial con vitoria chantadesa
O partido da xornada na Terceira Futgal foi, sen dúbida, o derbi entre o Chantada e o Monte Forte que acolleu o Sangoñedo. A rivalidade papeira-rabuda caeu esta vez do lado vermelo grazas aos tantos de Iria e Saray, que conseguiron remontar un partido que comezara gañando o Monte Forte grazas ao tanto de Marián no 17′.

Ademais da sempre excelsa Iria, xogadoras máis novas apuntan maneiras en Chantada. Noa Meilán e Uxía certificaron un gran partido para asinar tamén unha nova vitoria que consolida á SD Chantada no liderato da Terceira.
O San Roque vence para gañar algo máis que 3 puntos
As verdibrancas enfrontáronse esta fin de semana ao Lalín conscientes da necesidade non só de sumar unha vitoria polos 3 puntos para a clasificación, senón sobre todo, para volver a coller unha dinámica positiva na competición.
O partido comezou con intensidade por ambas partes e o Lalín soubo aproveitar para adiantarse no luminoso xa no minuto 5′. Dende aí, o San Roque tirou de resiliencia, traballando e loitando con moita tranquilidade no campo, conscientes de que, por merecemento, a oportunidade para o seu gol chegaría.

As luguesas amosaron un bo xogo, defendendo ben e encomendándose tamén a unha gran actuación de Cris, a porteira, que salvou unha vantaxe maior do Lalín grazas a unha memorábel parada nun man a man.
Con todo, houbo que agardar á segunda metade para que Paula, no 48′, anotara dende fóra da área. Malia que co empate o Lalín apertou máis, o traballo de todo o San Roque deu froitos de novo para que Eva, nunha xogada propia da súa valentía e traballo, loitando por cada balón, foi capaz de chantarse diante da portería rival e definir con absoluta tranquilidade e perfección para darlle a vitoria ás súas (2-1).
A Comercial mellora no xogo, mais non no resultado
Nova derrota da Comercial, desta volta ante o Cruces (7-1) malia amosar melloras no seu xogo e o gol de Ferro.

As de Vicky continúan traballando para tratar de sumar algún punto, na vindeira xornada.


