Os equipos lucenses xa saben cales son os seus primeiros rivais nos play off de ascenso das súas respectivas categorías. Un derbi na Terceira RFEF entre a Sarriana e o Racing Vilalbés fará que como mínimo un lucense estea na final da fase galega. No da Primeira Futgal, a Residencia xogará ante o Sporting Celanova e o Castro fronte o Polígono San Ciprián. Na Segunda Futgal, o Sada e o Soneira serán os rivais do San Roque e o Riotorto.
Un ascenso do que estarán atentos os arrastres
O ascenso que poida haber na Terceira RFEF polo play off é o único que pode salvar ao Oural, que ao ser decimoterceiro cunha menor puntuación é o que estaría afectado polo arrastre do descenso do Compostela á quinta división do fútbol nacional. Nesa opción hai dous lucenses que o poderían conseguir. Sarriana e Racing Vilalbés enfrontaranse nun derbi provincial que asegura a un equipo de Lugo na final galega, que de gañala daría acceso a unha eliminatoria nacional.
Residencia e Castro, listos para a batalla
O play off de ascenso da Primeira Futgal fará que tanto Residencia coma Castro teñan que superar dúas eliminatorias para ascender á Preferente. Os encontros disputaranse na primeira rolda o 25 de maio e 1 de xuño e na segunda o 8 e o 15 de xuño. Os pupilos de Rafa Casanova, que xogarán a volta da súa eliminatoria na Cheda, enfrontaranse ao Sporting Celanova. Os branquiazuis xogarán o primeiro encontro no campo de San Rosendo de céspede natural ante un rival que ven de tres encontros sen coñecer a vitoria pero que son o segundo mellor equipo no apartado defensivo do Grupo 4, con só 28 goles encaixados.
O sorteo deparou un doble enfrontamento entre o grupo ourensán e o grupo lucense, xa que ao Castro tocoulle xogar na primeira das eliminatorias ante o Polígono San Ciprián. O encontro en San Cibrao das Viñas disputarase no estadio Antonio González Blanco de herba artificial. O clube, que quedou segundo por detrás dun Antela que dominou por completo, foi capaz de anotar 72 goles a favor e de só recibir 35 tantos.


O play off da Segunda Futgal xa toma forma
Tamén será o turno dos dous equipos lucenses da Segunda Futgal para que traten de lograr o ascenso no play off. Un ascenso faría que se liberase un arrastre en ambos grupos. A primeira rolda xogarase entre o 18 e o 25 de maio e a segunda o 1 e o 8 de xuño. O San Roque enfrontarase esta fin de semana ao Sada. O conxunto do Grupo 1 coruñés quedou terceiro do seu grupo, o que implica que a volta será en Lugo, e xogarán no campo de fútbol As Mariñas-Andrés Pena, de herba artificial. Anotaron 71 tantos e só recibiron 36 goles en contra.
Pola outra parte, o Riotorto, que tamén xogará a volta no seu estadio, terá coma rival na primeira eliminatoria do play off ao Soneira, que rematou coma terceiro clasificado na Liga da Costa. O equipo disputa os seus encontros no municipal de Vimianzo, de herba artificial, e ven de gañar por 13-0 ante o Coristanco para pechar a súa clasificación á promoción. Foron capaces de anotar 73 tantos e só recibiron 32 goles en contra.
