Hai futbolistas que naceron para xogar na posición na que seu equipo o precise. E máis cando se é capitán do conxunto da parroquia que te viu nacer. É o caso de Pedro Rodríguez Barreiro (29-05-1986, Matela – Outeiro de Rei), central do Matela da Terceira Galicia grupo norte, e nos «momentos libres» tamén porteiro do equipo. Mesmo houbo un ano que chegou a xogar de dianteiro. O dito, onde faiga falta. Na pasada semana foi o protagonista das notas futbolinlugo sendo o ás da xornada. Coa súa actuación contribuíu a vitoria do seu equipo por 1-0 ante o Cazás.
O club con máis historia do concello de Outeiro de Rei leva anos pelexando polo ascenso á Segunda Galicia. Afeito xa a varias promocións, este ano pelexa por outra ou mesmo con aspiracións de ocupar as dúas primeiras prazas. Despois de colocarse na primeira metade da primeira volta como líder da categoría (man a man co Ourol), agora é cuarto na clasificación.
E no medio deste equipo, como dicimos, hai un nome que sobresae, o do capitán Pedro Rodríguez. Leva dous partidos seguidos tendo que poñerse baixo paus, cando a súa posición habitual é a de central. «Temos tres porteiros, pero os tres están lesionados» afirma Pedro que admite que prefire xogar de central: «xogo donde faiga falta, pero gústame máis de central. A pesar de que ó fútbol sala xogo de porteiro, no fútbol campo a portería é bastante grande. Haise que tirar e hai que saber caer«. E que Pedro compaxina ambos deportes, ademais de no Matela xoga ó fútbol sala no Begonte, equipo que milita na Primeira Autonómica. «Hoxe vou xogar a Ourol co Matela ás 16:15 horas, vimos e as 20:00 horas temos partido no fútbol sala«, así contaba a súa atarefada actividade deportiva de sábado.
Cando Pedro conta o que fai dentro do Matela, vense á cabeza ese perfil de home de club que poñía en valor Fernando Currás hai uns días no seu artigo de opinión. Ademais de central e porteiro, Pedro é membro da directiva do Matela (a súa irmá Tareixa Rodríguez é a presidenta), encargado de pintalo campo e poñelas redes os días de partido. «Se non hai alguén que o faga isto non sae adiante», asegura Pedro que é o único xogador do equipo que é da parroquia, de aí que tamén teña un especial cariño polo club.
«Este fútbol á xente nova gústalles menos»
Como xogador experimentado nisto do fútbol afeccionado (leva 14 anos vestindo a camiseta do Matela) opina sobre a situación do fútbol lucense: «cada vez quedamos menos. Por unha parte os recortes en publicidade dos equipos e polo outro que este fútbol á xente nova cada vez gústalles menos. Non é que lles guste menos xogar, pero si vir adestrar e ter un compromiso cun equipo«. Esta situación provoca que na actualidade a Terceira Galicia grupo norte teña só once equipos e para Pedro faise bastante corta: «Fallas tres ou catro partidos e xa case perdes a oportunidade de estar aí arriba. Ben cadra que está a promoción, é polo menos tes un motivo para competir».
Esta fin de semana o Matela tivo un partido importante en Galdo ante o Ourol para calibrar as súas opcións de ascenso. E ante este partido, a Pedro véuselle a memoria unha época na que xogou tamén como dianteiro: «houbo unha temporada que acabara como pichichi do equipo. Lémbrome que en 75 minutos lle metera catro goles ó Ourol». Nesta ocasión non foi quen se encargou de metelos, senón de paralos. En fronte estivo un rival que para Pedro «son fortes en todos lados, pero na casa deles aínda máis. Na primeira volta xa nos gañaron». O Ourol demostrou a súa valía gañando 3-0 ó Matela e batindo por tres veces ó noso protagonista.
Máis aló do último resultado, Pedro e o Matela seguirán desfrutando dos partidos polos campos de fútbol. Uns partidos, que se poden xogar grazas á persoas coma Pedro, que sen nada a cambio adican parte do seu tempo a que o fútbol da súa parroquia siga tendo protagonismo, xa sexa como central, porteiro ou encargado do material.