Tal vez sexa a velocidade na que vivimos e a falta de costume para deternos a reflexionar e tomar consciencia do que nos rodea o que, a maoiría das veces, nos leva a dubidar e desconfiar das certezas dos nosos coñecementos. Falo dende a distancia pois levo tres anos desvinculado da primeira liña do fútbol, nesta última etapa como adestrador. Aínda así aproveito e agradezo a oportunidade que me ofrece Futbolinlugo.es para reflexionar sobre o fútbol da nosa provincia. Contarei as miñas sensacións como xogador e adestrador, sen esquecerme do posto de directivo, que non vivín, o cal supón un risco considerable pois entendo, que unha opinión respetable (non o dereito a opina) débese apoiar nas vivencias, experiencias e coñecementos adquiridos na práctica, asumindo que as nosas actuacións teñen responsabilidades e consecuencias no futuro.
No espello do fútbol lucense atoparemos situacións sociais tan diferentes como as das localidades afectadas polo despoboamento rural que sen ter xogadores nativos, materia prima fundamental, senten con orgullo o seu escudo e contan con esforzadas directivas empeñadas en formar equipo. Na outra banda atoparemos núcleos poboacionais con xogadores e recursos a mansalva, apostados en escolas deportivas que cando abrazan modelos de fútbol profesional só aspiran a conquistar postos de categoría superior. Fichando lonxe da contorna, fórmula que pecha a porta ós xogadores nativos, minguando paseniñamente o sentimento social colectivo necesario para que o fútbol en moitas localidades se manteña vivo porque o fútbol é da xente, dos afeccionados tal como o demostra o exemplo do Lourenzá.
O posto de adestrador é un posto de moita mais responsabilidade da que a simple vista aparenta… O adestrador ten que liderar, conducir, orientar e debe ser figura referencial en tódolos ámbitos de competencia.
Sabendo que somos observados con lupa debemos cuidar cada detalle, debemos mellorar as respostas dunha serie de preguntas que nos faremos a miúdo. Coidamos os detalles á hora de adestrar? Somos exemplo para os xogadores nas distintas facetas?Os adestradores saen dos cursos cos coñecementos futbolísticos necesarios para desempeñar a súa labor? É o mesmo adestrar que ensinar? Os profesores das escolas de adestradores son referentes futbolísticos? (vaia por diante que estiven 5 anos como profesor da escola e non me considero referente ningún) Primamos expedir titulacións de adestrador ou crear profesionais preparados e cualificados?
O verde é o que dicta sentencia, e a profesionalidade non a define o título, senón as capacidades, habilidades e competencias que sexas capaz de demostrar no día a día… Por elo o ideal sería que houbera coincidencia entre titulación e formación, e neste aspecto a miña experiencia díme que non, non saímos coa formación necesaria, nin medianamente capacitados para o desempeño do posto. Aí comeza a fallar o sistema, porque se un non está capacitado non pode esixir, empeza a transixir, a permitir… A esixencia perde peso e entramos nun círculo que dentro duns anos se amosa ó exterior cun futbolista afeccionado ó que vanagloriamos públicamente, pero nos cónclaves internos criticamos con dureza, cando o xogador é o que menos culpa ten de todo este proceso, porque el é un produto das nosas accións. Da falta de esixencia, do uso do móbil no adestramento, da falta de preparación, de non ensinar (adestrar adestra calquera, ensinar é outra cousa), de non fomentar OS VALORES, de non EDUCAR …
Se preguntamos polas cualidades dun bo adestrador, a palabra ‘motivador’vai estar entre elas. Aquí xorde unha pregunta: Quen motiva ó adestrador? Tal vez sexa o xogador que che dice o venres ás catro da tarde: –“Non vou adestrar porque vou me depilar”… ou o que che di: –“O domingo non vou xogar porque teño unha comida familiar”… “ ou “- Este domingo non estou para xogar porque marcho de finde”. Incluso poidera ser: “o xogador ao que corrixes no adestramento porque ten potencial de mellora e de súpeto empeza a doerlle o pé e abandoa o adestamento porque non pode seguir” cando, realmente, se sente atacado no seu ego. Estas condutas están á orde do día no fútbol afeccionado. Como é posible? Continuará…
Roberto Ramallal Comendeiro. Historia viva do fútbol lucense.