Cando os compañeiros de Futbolinlugo me propuxeron colaborar para escribir este pequeno artigo sobre o noso fútbol, dubidei sobre o tema que podería desenvolver. Xa que, a infinidade de detalles, historias e anécdotas que implican ser un xogador amateur durante todos estes anos son infinitas.
Decidín pois, deixarme levar pola lóxica e comezar polo principio. E foi entón cando, recordando o comezo, apareceu o elemento que me acompañou durante todos estes anos, a portería, a miña amiga portería. E é que, sen porterías non hai fútbol, xa sexa na praia cando a marcamos con dous montóns de area ou na praza con dúas pedras… No meu caso, a portería do Municipal da Veiga, alí foi onde comezou todo.
Alí foi onde, aconsellado por Román, adestrador do equipo infantil do C.D. San Ciprián por aquel entón, comecei a adestrar como porteiro sen saber aínda todo o que iso significaba. Neses inicios nin sequera tiña guantes para adestrar. Recordo nos días de chuvia as mans cheas de barro e os dedos entumecidos, a roupa mollada que facía que o peso que tiñas que desprazar se multiplicara. O caso foi que me gustou, sen haber un motivo claro.
Aqueles anos nos que comezaba a ser porteiro coincidiron coa explosión do fenómeno Íker Casillas no Real Madrid. Creo que todos os porteiros da miña xeración que empezabamos na portería por aquel entón, a principios do 2.000, ou queríamos ser como Íker ou o tiñamos como gran referente de que se podía ser porteiro e ser importante nun equipo. Facendo paradas espectaculares e decidindo partidos desde a portería.
O problema foi constatar que as tarefas dun porteiro do noso fútbol non se transmiten a través da televisión. No meu caso, fun afortunado de pasar un ano da miña etapa xuvenil na Sociedade Deportiva Cervo – Sargadelos. Naquela tempada competiría co equipo xuvenil na liga comarcal pero tamén adestraría e acompañaría o primeiro equipo que por aquel entón competía en Segunda Rexional. Alí foi onde comecei a entender o que significaba ser o porteiro dun equipo do noso fútbol, grazas o adestrador Jaime Pérez e o porteiro do equipo, Ratoeira.
Os sábados xogaba co equipo xuvenil e todos os domingos asistía desde o banco de suplentes a un exemplo en vivo do que significaba ser o porteiro dun equipo: ordenar a defensa, estar ben colocado, saír nos corners e estratexias rivais… Non había moitas paradas espectaculares como as de Casillas pero todas esas pequenas cousas que facía “Rato” eran importantísimas para o
Despois está claro que o importante é xogar e poder levar a cabo en partido todas estas premisas. Teño que agradecer a paciencia e confianza dos meus compañeiros do Cervo cando comezaba a competir en Segunda e Primeira Rexional e facía algunha das miñas. Sobre todo a dos máis veteranos daquela: Félix, Marcos Reimunde, Trigo… Os defensas son os que mais “sofren” as experimentacións dun porteiro no seu proceso de aprendizaxe. Tamén os meus adestradores Abel Eijo e Ibán Gayol.
Todas estas vivencias permitíronme de volta ao C.D. San Ciprian visitar porterías como as de Catro Ventos en Cazás ou as do Ventiño de Goiriz, daquela en Terceira Rexional. Coñecer outras “Veigas” en Meira e en Riotorto, sen esquecerme nunca da miña portería por onde agora pasan equipos sobranceiros do noso fútbol como o Club Lemos ou a S.D. Chantada.
Percorrer pois o camiño desde formar o equipo na Terceira Rexional ata competir todos os domingos en Primeira desde fai xa cinco anos. Neste camiño ademais de ter compañeiros excepcionais que xa non están no equipo como Poceiro e Carra, outros que seguen como Borja Mella, Antón, Carlos, Óscar Blanco, Dani Sante, Fabián…. Destaca o binomio Chusky e Villy. Sen eles dous e o seu traballo desinteresado, estou seguro que a portería da Veiga probablemente ficaría soa e triste, sen equipo que a defendera. E é que sen porterías non hai fútbol, pero sen todas esas persoas que nos acompañan no camiño todos os domingos tampouco.
Javier Pérez Madariaga. Porteiro do San Ciprián e amante do noso fútbol.