Ospina e Cayuela volveron ser determinantes na vitoria do Oural. Traballo no medio do campo e goles ante o San Roque. Ospina anotou dende o propio centro do terreo de xogo. Cayuela deulle de vaselina no borde da área. O Oural mantense primeiro na Segunda sur e lidera o ránking de puntos e goles.
Os datos das nove primeiras xornadas en ‘O Noso 11 A Chaira’:
- Equipos que menos perderon: Racing Villalbés B, Iberia, Pastoricense, San Ciprián, Xermade e Oural (un partido)
- Equipos que non gañaron: Roupar e Chantada B.
- Equipos que máis puntuaron: Oural (22 pts)
- Equipo que máis goles marcou: Oural (26 goles)
- Equipo que menos goles encaixou: Palas (4 goles)
- Máximo goleador: Mario Puerta – Oural (12 goles)
- Porteiro que menos encaixa: Javi – Palas (3 goles en 719 minutos)
- Tendo en conta as últimas tres xornadas…
- Equipos na mellor xeira: Iberia, Pastoricense e Oural (tres vitorias seguidas – no caso do Oural son 4 seguidas)
- Futbolista na mellor xeira: Dani Roca – Friol (5 goles)
Gabri Blanco triunfa en Roupar
Na zona norte, o filial do Racing Villalbés continúa sendo o primeiro polo diferencial de goles, pero empatado co Iberia e o Pastoricense. Mentres o primeiro equipo conseguía gañar por fin na Madalena, o filial volveu ao camiño do triunfo en Roupar. Sexta vitoria da temporada para alcanzar xa os 20 puntos.
O Racing B adaptouse ben ao terreo de xogo do Novo. Saíu moi metido no partido e púxose por diante cedo cun gol de Gabri Blanco. Tivo a opción de empatar o Roupar nun penalti que parou Edgar.
Xa no segundo tempo volvérono intentar os locais, pero o que terminaría chegando foi o segundo visitante. Volveu anotar Gabri. Sétimo gol do xogador de Burgás que no equipo rival tiña outro veciño da parroquia, Xosé.


O Iberia segue o ritmo do líder
O cadro de San Miguel de Reinante enlazou o seu terceiro triunfo consecutivo. O sexto en total para manterse empatado na cabeza. Derrotou ao Cospeito que polo momento non termina de engancharse a zona de privilexio (está a dous do play off).
Os locais saíron moi metidos no partido dende o minuto 0 e xerando ocasións. Adiantáronse tras unha boa xogada pola banda de Ángel que foi rematada a gol por Samuel. Antes do tempo de lecer, o Cospeito si conseguiu igualar.
Con todo, no segundo acto, o Iberia controlou máis o choque. Un centro de Jordane (que entrou dende o banco) posibilitou o gol de Pisco cun remate de cabeza. Noutra combinación, chegoulle a Antón Teijeira un pase en profundidade que rematou a gol de vaselina.

O Pastoricense non achica
O club da Pastoriza tamén suma a sexta vitoria do curso e acumula vinte puntos. Ao igual que o Iberia suma tres seguidas. Venceu nun duelo de proximidade ao Mondoñedo no Viñas da Veiga.
Entraron moi tarde ao partido os locais. Circunstancias que aproveitou o Pastoricense cun dominio claro. Edu adiantou aos seus na primeira metade. O propio Edu ou Borja Corbelle puideron ampliar a vantaxe.
Con todo, a diferenza no marcador era mínima e o Mondoñedo estaba no partido. Mediado o segundo tempo, Manu Penedo marcou o segundo gol e xa encamiñou definitivamente o triunfo.

Tolemia de goles en Xermade
O San Ciprián mantén o posto de fase de ascenso. Empatou en Xermade e aínda ten un partido pendente de xogar. Está a cinco puntos do trío de cabeza. O Xermade queda como sexto da táboa empatado coa zona de promoción (márcaa o Folgueiro con 14 puntos).
O partido foi vibrante cunha parte dominada por cadanseu equipo. Os locais marcaron tres goles no primeiro tempo. Estiveron liderados por Mario Fraga ‘Fraguita’, que se incorporou ao club hai unhas semanas.

Na segunda parte reactivouse o Sanci. Marcaron rápido o primeiro gol para alimentar as súas esperanzas. Con todo os seguintes tantos tardaron en chegar. Foi por medio de penaltis.
Como curiosidade, o gardamallas Juan do Xermade tivo que actuar como xogador de campo. A falta de efectivos nos locais viuse acrecentada coa lesión de Andy por un golpe.
Unha práctica Comercial non perde a vista da parte alta
O conxunto capitalino volveu gañar tras dúas derrotas. Está a un punto do play off. Realizou un encontro serio no Pichón para vencer a un Muimenta ao que lle custou xerar oportunidades.
A Comercial marcou un gol en cada parte. Adiantouse cedo e volveu anotar mediado o segundo tempo. Os goleadores foron os centrocampistas Fran e Martín.
Importante triunfo da Candelaria ante o Abadín, rival directo
A Candelaria e o Abadín quedan igualados a dez puntos na táboa clasificatoria. De aí a importancia que este triunfo ten para o cadro da Rúa. Nestes momentos, son dous rivais directos por non meterse en problemas con respecto ao descenso.
O vento foi un factor moi influínte ao longo do encontro. Tamén o feito de que o Abadín non puidera contar con ningún dos seus porteiros por lesión. O xogador de campo Carreiras asumiu o papel baixo paus.
A Candelaria contivo ben as cometidas dos visitantes. Marcou tres goles e incluso tivo opcións para anotar algún máis.

O Alfoz gaña por segunda xornada e corta a xeira do Folgueiro
Partido desputado no Municipal cun Alfoz que se adiantou no primeiro acto cun gol de Chinclavo. O Folgueiro conseguiu igualar no segundo tramo a balón parado. Ambos equipos tiveron ocasións, pero estiveron máis acertados os locais para levarse a vitoria.
O cuarto partido sen perder do Alfoz ascéndeo ata a metade da táboa. Colócase a dous puntos do play off que marca precisamente o Folgueiro.
Tamén está na zona media o Sporting Pontenova. O conxunto da Mina acumula catro xornadas sen gañar. Con todo, volveu sumar logo de tres derrotas seguidas. Empatou na casa ante un Cabreiros que segue en descenso.
Púxose por diante o Pontenova. Xa daquela o Cabreiros estaba sen Alberte Ledo no campo por lesión. Non puido refrendar a súa boa estrea da semana anterior. Máis tarde foi expulsado o capitán local Borja. Termaron os pupilos preparados por Castro ata o descanso. Ao pouco de comezar a segunda metade, igualou o Cabreiros por medio de Chema.
O Pontenova foi capaz de volverse poñer por diante. Logo volveu empatar Joan Tembrás. Houbo ocasións para ambos pero o marcador non se moveu máis.
O Muimenta é 13º con nove puntos. O Mondoñedo ocupa a antepenúltima posición con oito puntos. En descenso directo están o Cabreiros (7 pts.) e o Roupar (1 pts.).

Oural, líder con pegada e golazos
Nova vitoria do Oural para chegar aos 22 puntos e seguir cunha vantaxe de tres no liderado. Mentres a Sarriana sacaba un meritorio empate nas Eiroas, na Ribela comezaba a xogarse o encontro entre o Oural e o San Roque.
Foi noticia que non marcara Mario, pero si houbo un dobrete de Cayuela, outro de Abreu e tamén marcou Ospina. Non foi unha boa primeira parte dos locais, pero marcharon ao descanso con dous goles de vantaxe.
O San Roque non se veu a baixo e pelexou. Foi capaz de achegarse no marcador. A sorte virouse en contra cando ao sacar de centro o cadro local, Ospina marcou de xeito directo ante o despiste rival. Terceiro gol consecutivo de Ospina, que ocupa unha posición ben distinta do seu compatriota máis coñecido David Ospina.
O máximo goleador do equipo é Mario (12 goles), pero nas últimas xornadas xogadores como Ospina ou Cayuela tamén están contribuíndo. Precisamente Cayuela pechou o marcador co 4-1 definitivo noutra gran acción.
O Friol mantense segundo
O cadro friolés gañou pola mínima na Reigosa ante un competitivo Lemos B. Lombao realizou unha boa parada antes de que os locais tivesen as ocasións máis claras. Nun remate de Dani Roca puxéronse por diante. Logo defenderon ben.
O Friol continúa segundo a tres puntos da cabeza. O filial lemista aguanta con once puntos na zona media da táboa.
O Antas vence no derbi da Ulloa e rompe a imbatibilidade do Palas
Sete partidos consecutivos leva o Antas sen perder. Volveu ao camiño da vitoria no derbi da Ulloa ante o Palas. É terceiro na clasificación a cinco puntos do líder. Pola contra, o Palas queda oitavo (iso si, con 13 puntos igualado coa 5ª praza).
Os locais dominaron na primeira metade e puideron adiantarse. O Palas estivo moi ben posicionado atrás, amosando o nivel de xornadas anteriores. Levaba tres xornadas sen encaixar e segue a ser o que menos goles recibe. O Antas tamén defendeu ben as transicións rivais.
Mellorou o Palas no segundo acto e as ocasións foron a menos. Foi o Antas quen atinou co gol nos últimos intres de derbi por medio de Marcos.
O Becerreá dá un paso adiante ante o Ferreira
O Becerreá é 4º clasificado con 16 puntos. Aínda lle falta por recuperar un partido. Xogará o 23 de decembro co Brollón. Agora mesmo está a seis puntos do Oural. O Ferreira sae da zona de promoción pero queda igualado con ela (13 puntos).
Moita intensidade nun primeiro tempo no que o Becerreá marcou dous goles. Jesu e Xairo déronlle vantaxe aos seus. No segundo acto, foi o Ferreira quen se impuxo máis. Conseguiron marcar antes da recta final. Tentaron a igualada que finalmente non lograron.
O San Lázaro entra en promoción
O San Lázaro pasa a ser o 5º clasificado. Lidera un grupo de catro equipos que ten 13 puntos (Brollón – un partido menos -, Ferreira e Palas). Venceu a un Paradela que non corta a súa mala xeira. Sete derrotas seguidas.
Primeira vitoria fóra da casa do San Lázaro que marcou dous goles moi rápido. O Paradela estivo no partido e deulle traballo a Borja ‘Pipita’. Non logrou marcar e os visitantes marcaron o terceiro nos últimos intres. Jul volveu anotar un dobrete para o equipo capitalino.
O Brollón volveu ao camiño da vitoria, despois de non xogar a fin de semana anterior. Superou con contundencia ao Incio. Nos primeiros minutos xa marcou Damián. Antes do descanso ampliou vantaxe cos goles de Iago e Miguel Casanova.
A segunda metade o Brollón marcou tres goles máis. Dous por medio de penaltis. O Incio tivo a lesión do seu porteiro e quedou o central Edu baixo paus. A súa vez foi expulsado nunha das accións dos penaltis.

O Quiroga aséntase na zona media coa terceira vitoria
O Quiroga alcanza os doce puntos. Superou como visitante ao filial da SD Chantada. É a primeira vez no curso que logra vencer fóra da casa. Ata o de agora só fora quen de sumar un punto ante o San Lázaro. A derrota provoca que o cadro chantadés entre en descenso directo.
Dominio alterno nos primeiros minutos, pero o Quiroga marchou gañando 0-2 ao descanso con dobrete de Jato. Ao comezar o segundo acto, Sergio Pollo marcou o terceiro. Non foi ata a recta final cando a SD acertou de cara a porta de xeito moi merecido. Marcou dous goles pero non lles deu para igualar o encontro.
O Carballedo e o Sporting Lucense suman un punto para a salvación
Ambos equipos tiveron as súas ocasións ao longo do partido. Debutou no Sporting Lucense o porteiro Jean ante a ausencia de Pablo e deixou a súa porta a cero.
Máis protagonista foi o gardamallas Fran ante as ocasións que xerou o Sporting Lucense sobre todo no segundo tempo. Con todo, o marcador non se moveu.
O Incio é 13º con sete puntos. O Sporting Lucense ocupa a antepenúltima posición con seis puntos. En descenso directo están o Chantada B (5 pts.) e o Paradela (4 pts.).
