A penúltima xornada da primeira fase de Terceira División déixounos un triunfo e dous empates dos nosos representantes. O Racing Vilalbés non errou na Madalena e venceu ao Paiosaco, mentres que Polvorín e Viveiro sumaron un punto a domicilio. O filial do C.D. Lugo empatou en Vista Alegre diante do Estudiantil nun encontro no que foi superior. Os mariñáns sumaron no campo do líder e foron quen de tutear ao Bergantiños.
O Polvorín mereceu un premio maior diante dun Estudiantil que se conformou co empate (0-0).
Malia ser segundo na clasificación, o Polvorín aínda non ten matemáticamente acadada a súa clasificación para a fase de ascenso e dictará sentencia a derradeira xornada na que se enfrontará ao Arzúa.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
Debutou co filial albivermello unha das fichaxes de inverno do C.D. Lugo, Bakary N’Diaye con ficha do Polvorín, que ocupou o centro da zaga a carón de Jesús. A baixa do habitual Dani Vidal foi suplida por Fidalgo e o capitán Marcos foi titular no canto de Morais, sancionado. Foi moi superior o cadro adestrado por Álex Ortiz, sobre todo na primeira metade. O Estudiantil tan só inquedeou a portería de Julen cun bo testarazo de Catú.
Non tardaron en chegar as ocasións para os lucenses. Aos tres minutos Manu Núñez logo dunha boa xogada individual na que deixou atrás a varios defensores disparou moi preto do pao. Pouco despois Iago Novo conectou con Cristian, pero o ariete disparou demasiado cruzado. De novo Cristian foi protagonista da seguinte ocasión. Con Antón Escobar en posición inmellorable, o pichichi do Polvorín decidiu finalizar e atopouse cunha gran intervención de Cristopher. Aínda houbo tempo para dúas ocasións claras nos primeiros corenta e cinco minutos. As dúas nas botas de Antón Escobar.
Na segunda metade o Estudiantil repregouse aínda máis e ao Polvorín costoulle superar a liña defensiva do cadro santiagués e non foi quen de xerar ocasións claras de gol. Os de Gelucho anularon o xogo de Manu Núñez e Iago Novo e foron quen de sumar un punto.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
O Racing Vilalbés gañoulle ao Paiosaco e chega á última xornada con opcións de xogar a fase de ascenso (2-0).
O encontro diante do Silva decidirá o posto que ocupe o Racing Vilalbés ao rematar a primeira fase. Os de Simón Lamas deberán sumar os tres puntos e agardar que Somozas ou Polvorín erren, aínda que aos chairegos poderíalles chegar un punto para ser terceiro.
Comezou ben o conxunto de Simón Lamas cun Santi Gegunde protagonista das ocasións máis claras. Intentouno en dúas ocasións ata que á terceira foi a vencida. Aos vinte minutos de encontro, unha internada de Pedrosa polo perfil esquerdo do ataque rematou co pase do ribadense ao centro da área onde Santi Gegunde rematou lonxe do alcance de Rama. Foi o seu oitavo tanto da temporada.
Co marcador a favor, o Racing cedeu o dominio a un Paiosaco que amosou a súa falta de pegada e só tentou sorprender con centros laterais que non foron quen de inquedar a unha zaga chairega na que López ocupou o sitio de Buyo no perfil esquerdo e Javi Varela foi lateral dereito.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
No segundo tempo a igualdade foi a tónica ata que no minuto 58 o cadro visitante quedou cun home menos pola expulsión de Edu Dias con cartón vermello. O central derribou a Pedrosa cando este encaraba a portería e o colexiado interpretouno como ocasión manifesta de gol. A falta xerou dúas boas ocasións para o Racing. Santi Gegunde lanzou o balón ao pao e Ángel no rexeite atopouse coa boa intervención de Rama. Pouco despois, Sandá bateu de novo coa inspiración do porteiro visitante que detivo o disparo do coruñés.
Non tardou en chegar o segundo tanto. Aitor recibiu dentro da área e definiu ante o gardameta do Paiosaco. Nos vinte últimos minutos o Racing Vilalbés controlou o partido sen pasar apuros e incluso puido incrementar o marcador cun lanzamento de Santi Gegunde desde fóra da área.
O Viveiro sumou un meritorio empate no campo do Bergantiños, pero non depende de si mesmo para acadar a permanencia (0-0).
Punto moi valioso o sumado polo Viveiro nas Eiroas. O todopoderoso Bergantiños, líder sólido da Terceira e firme candidato ao ascenso viu como os mariñáns plantexaron un encontro atrevido e no que non foron inferiores aos de José Luis Lemos.
O cadro adestrado por Chusky enfrontarase na derradeira xornada ao Fabril, tamén implicado na pelexa pola permanencia. Os mariñáns deberán gañar e agardar que Silva ou Arzúa non o fagan para obter a salvación pola vía rápida.
O Viveiro tivo a primeira ocasión do encontro nas botas de Rolle, pero o disparo do canteirán estrelouse no longueiro. O propio Rolle e tamén Asier tiveron claras ocasións para adiantar ao conxunto viveirense no marcador. Os locales tamén xeraron perigo diante da portería de Manu Cedrón. Duque e Martín Lamelas tiveron as máis claras.
Na segunda metade ámbolos dous conxuntos baixaron o seu nivel. Comezou mellor o Bergantiños que chegou con certo perigo por medio de Marcos Remeseiro. A máis clara tívoa Martín Lamelas que estivo preto de acadar un gol olímpico, en boa parte grazas ao forte vento que sopraba nas Eiroas. Co paso dos minutos o Viveiro foi medrando e rematou mellor que o rival. Arturo, con dúas boas ocasións, tivo nas súas botas traer os tres puntos para terras mariñás.