Miguel Gomes Varela ‘Rocky‘ fixo historia no Celta Barreiros ao anotar seis goles en menos de media hora. Foi na Veiga do Olmo fronte ao Castroverde onde o caboverdiano fixo que os mariñáns se sitúen no pelotón de cabeza. O San Roque, no grupo sur, é líder en solitario tras vencer ao Antas nun choque con sete goles. Os de Piru levan pleno de puntos logo das cinco xornada disputadas.
Analizamos a totalidade da xornada en #ONoso11AChaira.
Folgueiro e Riotorto igualan en cabeza
O Alfoz e o Folgueiro empataron (3-3) nun encontro con dúas metades ben diferenciadas. No primeiro tempo os de Javi Chinchón explotaron á perfección as súas armas e foron quen de poñerse con tres goles de vantaxe en apenas media hora de xogo. Cici abriu o marcador tras un bo roubo de balón e Iván, en dúas ocasións, acadou unha gran vantaxe para os locais. No último intre do primeiro tempo, a balón parado, Oki recurtou diferencias. O Folgueiro mellorou no segundo tempo e Álvaro apretou o marcador novamente nunha xogada de estratexia. Desta forma chegou tamén o empate, obra de Oki. O Alfoz tivo ocasións para facer o cuarto, sen éxito.
Riotorto e Guitiriz asinaron táboas (2-2) nun encontro no que o Riotorto dominou na primeira media hora ante unha mala posta en escea dos visitantes. Echavarri marcou os dous goles dos de Isaac Rouco. Na recta final do primeiro tempo o Guitiriz comezou a medrar no partido. A segunda metade resultou máis igualada e Diego logrou recurtar diferencias a balón parado. Pouco despois, Novo realizou unha boa xogada individual e asistiu para o remate axustado ao pao de Óscar que significou o empate. O cansancio fixo mella nun último tramo no que o partido puido caer para calquera lado.



Celta Barreiros e Goiriz golean sen piedade
Era a tarde de Rocky na Veiga do Olmo, onde o Celta Barreiros goleou ao Castroverde (0-7). Os mariñáns, que afrontaron o encontro con varias baixas, comezaron mellor e contaron con varias ocasións para adiantarse no marcador, entre elas un gol anulado a Rocky. Os locais conseguiron igualar as forzas e puxeron a proba a un Flavio que respostou con éxito. Antes do descanso, Congui abriu o marcador tras rematar un centro ao segundo pao. No segundo tempo, o Celta Barreiros anotou dous goles case que consecutivos que fixeron que o Castroverde baixara os brazos. Estes dous e os catro tantos restantes levaron a sinatura de Rocky.
O Goiriz pasou por enriba do Matela (8-0), nun encontro moi cómodo para os de Manu Veiga. Vizoso, Edu e Nico fixeron cadanseu doblete nun choque no que os locais apenas concederon ocasións ao longo dos noventa minutos e amosaron a súa fame durante todo o encontro.
Mariñáns e chairegos son terceiro e cuarto na clasificación con dez puntos.
O Candelaria vence no derbi cervense
Os de Rúa impuxéronse ao San Ciprián (2-4) nun encontro no que Félix exerceu de técnico local logo da renuncia de Javi Ruíz. O encontro comezou fulgurante con tres tantos case que consecutivos. O Sanci comezou mandando e o Candelaria respostou ao momento, pero o segundo gol local non se fixo agardar. A expulsión de DaniGP dificultou o encontro para os da Veiga e os de Jaime Matouse déronlle a volta ao partido cun hat-trick do seu dianteiro Manu.
Xermade e Sporting Pontenova gañan pola mínima
O Xermade venceu a un Pastoricense (2-1) que suma a segunda derrota consecutiva. Os de Juanma adiantáronse aos cinco minutos cun gol de Cristian logo dun rexeito de gardameta local. O Xermade, que xa avisara en dúas ocasións previamente por medio de Chungui e Pedro, marcharon ao descanso por detrás no marcador. O Pastoricense soubo contrarrestar o xogo directo xermadino, ata que no segundo tempo Álex Gimeno igualou a contenda. No último suspiro, nun saque desde o curruncho, chegou o gol do triunfo local cun remate de Fran.
O Sporting Pontenova remontou diante do Casás na estrea de Lucas no banquiño (2-3). Comezou moi ben o partido para os locais, que se puxeron con dous goles de vantaxe. Maira asistiu e Luis marcou os dous tantos. Antes da media hora de xogo o Casás quedou con dez e o Sporting Pontenova xa recurtou diferencias antes do descanso. No segundo tempo os capitalinos tiveron algunha ocasión nas botas de Héctor que non aproveitaron. Os de Lucas remontaron cun doblete de Alesuco. As forzas igualáronse no último cuarto de hora coa expulsión do visitante Marcos Martínez, pero o marcador non se moveu.
O Meira logra a primeira vitoria do curso
Foi diante do Cabreiros (3-1), encontro no que os meiregos dominaron boa parte do choque. O Cabreiros, que comezara moi ben a temporada, foron quen de adiantarse cun tanto de Chema. Na segunda metade o encontro igualouse, pero no corpo a corpo saíron vitoriosos os locais. Empataron o marcador e no tramo final consumaron a remontada. A balón parado lograron o segundo por medio de Farra, e co Cabreiros na procura do empate, chegou o terceiro a porta baleira por medio de Sergio.

Quinta vitoria consecutiva para o San Roque
O San Roque gañou fronte ao Antas cun tanto no último suspiro (4-3). O líder comezou moi ben e antes de cumprirse o primeiro minuto xa mandaba no marcador, e antes dos dez minutos xa fixo o segundo. O Antas non realizou un bo primeiro tempo, pero Méndez logrou meter aos seus no partido antes do tempo de lecer.
No segundo acto, igualouse máis o xogo. O Antas foi outro, a pesar de que no comezo os locais marcaron o 3-1. A partir de aí, Álex e Nico igualaron o encontro. Nos últimos intres, un córner a favor dos visitantes rematou nunha transición rápida a favor do San Roque na que o colexiado asubiou penalti. Os locais marcaron e seguen coa boa xeira de gañar todo o que xogan nestes cinco partidos de liga.
O Becerreá non se afasta do liderado
Triunfo do Becerreá nun encontro moi parello diante do Chantada B no Sangoñedo (0-1). Os de Javi Gómez aproveitaron un erro do gardameta local para facer o único gol do partido por medio de Xairo. No segundo tempo, ámbolos conxuntos gozaron de ocasións para que o resultado fose diferente. O filial chantadés tivo o empate nos último intres nun man a man ante Dani que se marchou alto.
Monterroso B e Santa Comba mantéñense na zona alta
O filial monterrosino non pasou do empate co San Lázaro (0-0), nun encontro moi parello con ocasións para o San Lázaro nun primeiro tempo no que cando esmorecía quedaron cun xogador menos por expulsión de Jesús. O Monterroso B atacou na procura do gol, pero os visitantes repregáronse e aguantaron as embestidas dos de Pampín.
O Santa Comba venceu ao Friol (2-1) nun encontro no que os visitantes realizaron un bo primeiro tempo. Malia todo foi o Santa Comba quen anotou antes do intermedio . Ao pouco de regresar de vestiarios, os locais fixeron o segundo. Ámbolos tantos foron obra de Núñez. Aínda así o Friol non se veu abaixo e por segunda vez no que vai de campaña Cancio marcou de falta. Os visitantes insistiron, pero non estiveron acertados para lograr o empate.
A Sarriana B vence e o Lemos B empata
A Sarriana B desfíxose na Ribela do Ferreira (2-0) nun bo partido dos de Raúl. Xerou ocasións e adiantouse no marcador no primeiro tempo. Tras o descanso o Ferreira mellorou e incluso chegou a marcar, pero o colexiado anulou o gol. Pouco despois o filial sentenciou o choque.
O filial lemista igualou co Páramo (1-1) nun partido parello no que os goles chegaron no segundo tempo. Tras unha primeira parte no que o Lemos B foi lixeiramente superior, o segundo acto comezou dominado polo Páramo. Os pupilos de Diego Díaz puxéronse por diante nunha acción a balón parado que culminou Jita e o Lemos B aproveitou a recta final do choque para empatar o partido.
O Portomarín gaña; Palas e Paradela non saen da zona baixa
Os miñotos gañaron ao Sober (2-1) nun encontro no que comezaron moi ben. Xerou ocasións e puxéronse por diante por medio de Bilal. Con todo, nun contragolpe o Sober igualou o resultado antes do descanso. No segundo tempo resultou decisivo un lanzamento de falta de Juanillo que supuxo o segundo gol local. O Sober quedou cun xogador menos, o que dificultou a súa búsqueda do empate.
Palas e Paradela igularon nos Chacotes (2-2) nun encontro de ida e volta no que os visitantes respostaron nas dúas ocasións nas que o Palas se puxo por diante. O cadro local marchou gañando ao descanso, pero viu como no segundo tempo o Paradela igualou. Volvéronse poñer por diante os azuis nun bo centro de Weimar que rematou Andrés. Ademáis do punto, os locais quedan co regreso de Javi Ouro, que marcou. O peor para o Paradela foi a lesión nun brazo de Diego ‘Samos‘.
