Analizamos aos rivais dos lucenses nas promocións

Chegou o momento de promoción de ascenso para os equipos lucenses. Logo da temporada regular, catro conxuntos masculinos abordan as eliminatorias que determinarán a categoría na que competirán o vindeiro curso: Residencia e Castro optan á Preferente, mentres que Riotorto e San Roque queren voltar á Primeira Futgal.

A Residencia, 2º clasificado do Grupo 3 da Primeira Futgal, medirase a un Sporting Celanova que chega cunha dinámica dubitativa: dous empates e unha derrota nos últimos tres choques para un cadro ourensán que tan só encaixou 28 goles nas 34 xornadas de liga. O extremo Javi Gallego, con 12 tantos, será un dos xogadores a vixiar pola defensa da Cheda, así como Brais Álvarez, outro líder para este cadro que presenta unha media de idade moi baixa.

máxicos lucenses

O Castro, pola súa banda, medirase a outro equipo ourensán: o Polígono San Ciprián. Os 24 goles de Pato semellan unha ameaza para os de Dumi, que terán diante a un conxunto semellante ao seu: experiencia en categorías superiores e futbolistas contrastados caracterizan a un Polígono que acadou a segunda praza do seu grupo.

Os equipos lucenses terán que superar dúas eliminatorias

Unha categoría máis abaixo, o San Roque terá que medirse ao Sada. Os das Mariñas —segundo conxunto menos goleado do seu grupo— chegan nunha dinámica moi positiva que lles permitiu acadar o 3º posto na liga regular, pero terán que enfrontarse a un dos factores máis temidos para calquer rival: a volta da eliminatoria será na Polvoreira. O capitán dos sadenses, Martín Díez, érguese como unha figura chave da liña defensiva dos seus.



No caso do Riotorto, os da Veiga terán que superar a un clásico de categorías máis altas, o Soneira, que vén de protagonizar unha loita encarnizada co Xallas e co Baio para rematar entrando na promoción. O ambientazo en Vimianzo, onde o Soneira gañou por 13-0 o último partido, está garantizado. A experiencia e a verticalidade pola banda de Alberto ‘Vía Rápida’ poden ser decisivas.

Todas as eliminatorias serán a dobre partido e tan só o Castro xoga o primeiro choque no seu feudo. No caso de clasificación, a Residencia xogarase o ascenso ante Gondomar ou Cordeiro, mentres que o Castro fará o propio ante o Unión de Asados de Rianxo ou o Alertanavia. O San Roque mediríase ao vencedor de Cebarca-CIRE Melide e o Riotorto, ao que saia do duelo entre o Brexo Lema e o Racing San Lorenzo.



Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *