Os reis do gol residen na provincia
-
Eros López | 31/12/2025
- 0
- 3min de lectura
O gol é unha das cousas máis valoradas no mundo do fútbol e a provincia está nesta tempada de noraboa. Dous dos tres máximos goleadores da Terceira e da Preferente son de equipos lucenses, o que é un claro exemplo do bo estado de forma tanto individual dos xogadores como do colectivo. Trátase de Aday Alcalde no Lugo B, pichichi da Terceira RFEF con 10 goles en 15 partidos, e Fito Periale, máximo realizador da Preferente Sur con 16 goles en 15 partidos.
Na primeira experiencia no fútbol galego, un non espera que un xogador vaia a resaltar tanto as súas virtudes como o fixo Aday Alcalde. Tras pasar por filliais como o do Valladolid ou o do Albacete e xogar no Náxara, Villanovense ou Terrasa, chegou ao filial albivermello con ganas de aportar. Desde a primeira xornada, logrouno a base de goles, o que demostrou a súa adaptación ao modelo de xogo que instaurou no equipo Dani Galán.
Para ser o rei do gol necesitas ser constante. Nas catro primeiras xornadas, Aday Alcalde non fallou coa súa cita e puido marcar gol en todas. O seu mellor día ata o momento foi no encontro ante o Gran Peña, que rematou con vitoria por 2–3 con doblete e o tanto da vitoria para o dianteiro pucelano. As cifras e o seu gran rendemento levoulle xa a adestrar co primeiro equipo do Lugo e a xogar, ata o momento, todos os minutos dispoñibles.
Despois dun ano máxico na Preferente co Castro onde logrou marcar 23 goles, Fito Periale deu o salto á Terceira RFEF co Racing Villalbés. Non foi un ano doado para el, xa que non contou coas oportunidades necesarias para demostrar o seu talento. Pero este ano reencontrouse coa categoría para ser o referente do Lemos na tarefa do gol. O arxentino está nos seus mellores números, demostrando que o rei do gol da Preferente voltou ao seu trono, pero este caso no sur.

Son 16 goles en 15 partidos os que leva Fito ata o momento, unhas cifras abrumadoras. Só houbo catro encontros nos que non logrou ver porta e xa leva dous hat-tricks en só tres meses de tempada. Foron ante o Umia, encontro que acabou 1-3, e contra o Sporting Celanova. Un rendemento inigualable que fai que o Lemos se coloque na segunda posición da táboa clasificatoria e achegándose cada vez máis ao liderado da liga.
Está moi ben marcar os goles, pero tamén hai que evitalos. Diso encárgase Álex Santomé no Rácing Villalbés. Só recibiu oito goles no que vai de tempada, o que lle fai ser o mellor porteiro de toda a Terceira RFEF. Algo que é ben sabido por todos, xa que o que canteirán do Atlético de Madrid non parou de medrar en Vilalba ata convertirse nun dos xogadores máis recoñecidos de toda a categoría.