Os Máxicos xa teñen campión
-
- 0
- 5min de lectura
Os Máxicos da 24/25 viron o pasado domingo como o Burela se facía co título de liga. Ademais, o Oural conseguiu unha importante victoria de cara á permanencia.
A SD Burela é novo equipo de Preferente tras vencer no Sangoñedo (0-1). Un gol de Mauro nunha xogada de estratexia quedará na memoria de todos os seareiros do Burela que chegaron ao Sangoñedo para acompañar ao seu equipo. O rival, o Chantada Atlético, puxo as cousas moi difíciles a un cadro mariñán ao que lle chegaba o empate para cantar o alirón e que se mostrou precipitado na primeira metade, pero a dinámica terminou por impoñerse para levar cara a Marosa o título de liga e o ascenso á Preferente 17 anos despois.
A Milagrosa dependerá de si mesma na última xornada (1-1). Logo de empatar no feudo do Sporting Guardés cun gol de Simón mediada a segunda metade, os Máxicos de Madriles dependerán do seu resultado diante do Tomiño en Frigsa para confirmar a súa participación na Primeira Futgal no curso 25/26. Logo dunha segunda volta moi boa, os albivermellos tan só mirarán para si mesmos na 34ª xornada do Grupo 6.
O Monterroso consolida a súa boa forma en Foz (0-3). O gol de Gabi ao final do primeiro tempo e o tanto de Yoni xusto á volta dos vestiarios valéronlle o Monterroso para encarrilar o resultado. Aínda que os mariñáns buscaron a reacción, Martín sentenciou na recta final para levar tres puntos cara Cerdeiriños nun duelo entre dous conxuntos que asinaron unha boa temporada.
Unha alegría para o San Lázaro diante do —tamén— descendido Meira (2-1). Os Máxicos visitantes chegaban xa descendidos ás Gándaras e, aínda que Santi adiantou aos seus cun gol na primeira metade, os celestes deron a volta ao electrónico nunha segunda parte na que se mostraron máis impetuosos. O San Lázaro aproveitou dous erros en saída visitante para remontar e chegou a errar unha pena máxima que puido redondear o resultado. Ao final, 2-1 para os de Mincha.
O Oural gaña en Lourenzá para aferrarse á Primeira (2-4). Aínda que os Máxicos locais conseguiron adiantarse nun centro rematado por Yago, o Oural librouse dos nervios ao verse por detrás no electrónico e, nunha boa acción de Mario, Diego rematou un gran centro para empatar. O propio Diego aproveitou un novo rexeite na área do Lourenzá para poñer o 1-2 antes do descanso. Na segunda metade, os sarriáns defendéronse coa posesión e anotaron dous goles máis —Cayuela desde a frontal e Munir no rexeite dun saque de esquina—. O «Atleti» puxo o 2-4 co partido decidido e os puntos foron para os máis necesitados.
O Castro gaña en Guntín para estar moi preto do playoff (1-2). Os chairegos sobrepuxéronse ás lesións para —xa no segundo tempo— adiantarse por medio de Hugo Buide. Samu empatou nunha falta lateral, pero os Máxicos de Dumi golpearon de novo —neste caso, Muíña— para levar tres puntos moi importantes cara o Arturo Pereiro antes da última xornada.
O Pastoricense aínda soña logo de vencer ao Xove (2-0). As urxencias notáronse no Acebreiro e o Pastoricense tivo as máis claras por medio de Borja e Cris e viu como se lle anulaba un gol a Dani, mentres que os Máxicos mariñáns trataban de facer dano con contragolpes. Xa na segunda metade, Cris rematou un centro de Goás para poñer o 1-0 e, no 80′, un saque de esquina co mesmo asistente e o mesmo rematador traduciuse no definitivo 2-0 que permite aos de Juanma seguir vivos na categoría antes da disputa da última xornada.
A Residencia confirma a presencia na promoción a costa do Santaballés (6-1). Aínda que o resultado ao descanso era de 2-0 (o primeiro nun saque de esquina), o Santaballés mostrouse moi competitivo no primeiro tempo. Porén, dous goles locais no comezo da segunda metade deixaron o choque visto para sentenza a prol da Residencia e en contra dun Santaballés que rematou amolado cunha arbitraxe —se ben non a sinalou como responsable da derrota— que non recolleu un gol de Chiqui, polo que a Residencia elaborará unha reclamación para que a Futgal sí recolla o tanto.
O Outeiro depende de si mesmo logo de gañar ao Taboada (1-0). A igualdade foi a tónica dominante do choque, aínda que o Outeiro foi dominador nunha recta inicial na que non materializou as opcións das que dispuxo. Porén, unha boa chegada local traduciuse nun rexeite que se converteu no 1-0. Na segunda metade, os Máxicos visitantes deron un paso adiante, especialmente no último tramo do choque, pero os chairegos defenderon a renda (e non foron efectivos en transicións), polo que o electrónico non se moveu máis.
A SD Chantada non renuncia á promoción e gaña ao Racing Villalbés ‘B’ (2-0). Mentres que a SD de «Traste» procuraba dominar coa posesión, os Máxicos chairegos agardaban os erros locais para saír ao contragolpe. Michi dispuxo das máis claras, pero non foi ata o 44′ cando Sergio rematou un centro de Lucas que adiantou aos seus. Na segunda metade a tónica foi semellante, ata que Pablo definiu desde dentro da área para pechar o resultado e manter viva á SD Chantada na loita pola promoción de ascenso.