O Burela e o Pol escapan do perigo na Preferente Norte

Os lucenses da Preferente Norte queren a permanencia

Poucas veces unha xornada foi tan redonda para os equipos da Preferente Norte no Trío de Ases O Cantón. Burela e Pol enfrontábanse a rivais directos e ambos lograron vitorias importantes que os alonxan dos postos de descenso. O mesmo lle aconteceu ao Viveiro, que gañou na casa do Noia para ampliar máis a súa renda. Lugo B e Lemos seguen loitando grazas aos seus empates e Racing Villalbés e Sarriana non conseguiron sumar.

10 dos últimos 12 para o Pol

O Pol está subido a unha onda de resultados e non hai quen que o baixe. Os de Labrada suman 10 dos últimos 12 puntos dispoñibles para alonxarse do perigo na Preferente Norte tras vencer ao Cultural Maniños por 1-3. Os de Labrada foron moi superiores desde o comezo e Iago Buján foi quen de abrir a conta chairega no minuto 20. Pero no minuto 34, un penalti na primeira xogada de perigo dos locais derivou nun penalti que transformaría Hugo Cociña.

Na segunda parte, o Pol foi con absolutamente todo a pola vitoria con ocasións de todas as cores para conseguir desnivelar o encontro. Todo ata que no minuto 83, Diego Rey atopou a Cuadrado, que non perdonou e fixo o segundo tanto cun disparo na área pequena. O tanto da sentencia chegaría moi pouco despois cun penalti sobre Alonzo que transformou Cuadrado para poñer ao Pol catro puntos por riba do descenso.

O Burela escapa do descenso na Preferente Norte

Se o Pol acrecentou a súa vantaxe cos postos de descenso da Preferente Norte, o Burela escapou deles nesta xornada tras facerse con tres puntos que saben a ouro ante o Vitoria tras gañar 2-1 cun gol de David no minuto 93. A primeira parte foi moi igualada coa clara intención de ambos equipos de levarse un duelo directo pola permanencia. A máis clara foi para o conxunto da Mariña, cun man a man de Chao que detivo Álvaro

O partido abriuse na segunda metade e así chegaron as oportunidades de gol para ambos equipos. Jairo López logrou adiantar ao Burela no minuto 58, pero Álex Gallego poñería o empate cinco minutos despois. Os de Oke foron directos a polo encontro coa clara intención de acadar unha vitoria que lles facía moita falta. No minuto 93, Antón colgaría un balón para David, que non perdonaría para marcar o gol que lles dá os tres puntos.

Unha marxe que invita á calma

O Viveiro tamén conseguiu distanciarse máis co perigo na Terceira tras vencer a un rival directo como o Noia por 0-2. Os mariñáns controlaron o encontro na parcela defensiva e atacando en transición con velocidade. No minuto 8 de encontro, unha caída a banda de Kablik remataría nun centro que aproveitou Lansade para facer o primeiro tanto do partido. Seguían controlando o encontro e incluso Trasi e Kablik terían opcións para facer o segundo antes do descanso.

Na segunda metade, Alberto López quixo controlar o centro do campo con máis homes para ter tranquilidade. Pero iso aportaríao o segundo tanto no minuto 54. Manu Martín rematou unha falta para poñer o gol da calma no Viveiro. O Noia deu un paso adiante e tiveron oportunidades para recortar distancias, pero Ayoub e o pau evitaríano. Vicente, no tramo final, estivo preto de acrecentar a distancia nun man a man.

Empates para seguir loitando

O encontro do Lugo B rematou con 2-2 ante o Somozas, pero a peor noticia chegaría no minuto 3 cunha lesión que pode ser grave de Samu Vázquez. Na primeira parte, pese a que non foron moitas chegadas, o filial logrou marchar con 2-0 no marcador cos tantos de Aday Alcalde e Antón. O Somozas foi quen de recortar distancias no minuto 53 cun tanto de José Pérez e, no último tramo, Aldán fixo o tanto que definiu o empate.

O Lemos non foi quen de facer un tanto que variase o marcador inicial no campo do Valladares. Os monfortinos non puideron facer unha boa primeira metade, o que lastrou as súas opcións para poder levar o partido. Tocáballes sufrir e, tras uns axustes tácticos na segunda parte, puideron resistir para facer un punto que non evita que, por primeira vez nun longo tramo da tempada, baixen dos postos de promoción de ascenso.

Derrotas moi diferentes

O Racing Villalbés tropezou na casa por 1-2 ante o Atlético Arteixo nun partido moi complexo. Os chairegos mantiveronse sólidos na primeira metade, pero o conxunto coruñés conseguiu abrir a lata a través dunha segunda opción que aproveitou Pablo Nava no 53. Cando mellor estaban os de Juan Rodríguez, Hugo García aproveitou un rexeite. Os chairegos intentárono, pero o gol para recortar distancias chegou tarde, obra de Pablo Trigo.

A Sarriana sumou a súa cuarta derrota consecutiva no engadido nun encontro onde os de Dani Giménez loitaron en todo momento ante o Coruxo. Tras unha primeira parte moi competida, os sarriaos levaron o primeiro pau do encontro coa expulsión de Ju no minuto 55, aínda que dez minutos despois Carlos Alonso tamén vería o cartón vermello. César Pirot pararía un penalti, pero no engadido Guille Pinín marcaría desde fóra da área.

Foto do Instagram do Burela