A Terceira RFEF xa ten calendario de cara a temporada 2024/2025. A Federación Galega de Fútbol deu a coñecer o sorteo dunha competición, que ao igual que a pasada campaña contará con dezoito equipos, catro deles lucenses: Racing Vilalbés, Sarriana, Polvorín e Viveiro.
O azar quixo que todos eles comecen a competición o día 8 de setembro fóra da casa. O Racing Vilalbés de Alberto López terá un curto desprazamento ao García Hermanos para medirse ao Betanzos. A Sarriana conta, a priori, cunha das saídas máis complexas xa na primeira xornada. Viaxarán á Lomba para medirse ao novo Arousa de Michel Alonso, un ano máis firme candidato ao ascenso de categoría. O Polvorín desprázase á provincia de Ourense para medirse ao Barbadás e o Viveiro medirase ao Atlético Arteixo en terras coruñesas.
Na segunda xornada, xa cos nosos conxuntos xogando como locais, o Racing Vilalbés recibirá na Madalena á UD Ourense, a Sarriana medirase na Ribela ao recén ascendido Valladares, o Polvorín recibirá ao Betanzos e o Viveiro fará o propio co Arousa. O filial albivermello xogará cada xornada cos conxuntos que o fixeron a xornada anterior contra o Racing Vilalbés, mentres que o Viveiro medirase aos que o fixeron coa Sarriana.
Para ver o primeiro derbi provincial teremos que agardar á xornada 11 de liga, na fin de semana do dezasete de novembro, cando a Sarriana reciba ao Viveiro na Ribela. Dúas xornadas despois, a comezos de decembro será tamén a Sarriana a que se enfronte no seu feudo ao Racing Vilalbés. Unha semana despois, en plena ponte de de decembro, o cadro chairego enfrontarase na Madalena ao Viveiro de Jandri Rego, e sete días máis tarde serán os celestes os que reciban en Cantarrana ao Polvorín.



A competición rematará o día 11 de maio e farao cun derbi provincial entre o Polvorín e o Racing Vilalbés na Cheda. O Viveiro viaxará ata o Couto para medirse á UD Ourense, mentres que a Sarriana visitará o campo do Atlético Arteixo.
Podes consultar o calendario completo aquí: Calendario_TERCERA_FEDERACI_N_GRUPO_1_GALICIA.pdf

Foto de portada: Facebook Viveiro CF