Non é a primeira vez que a Primeira Futgal conta con representación lucense en máis dun grupo. Sen ir máis lonxe, as particulares circunstancias da pasada campaña tiveron á Milagrosa competindo en Vigo. Porén, este curso 2025/2026 a división atende a criterios xeográficos. O Brollón, recén ascendido, competirá na provincia de Ourense por manter a categoría.
O Brollón é o único equipo da Primeira que competirá fóra de Lugo
O cadro dirixido por Churra competirá así nun grupo cuxo nivel é incerto, pero no que se atopan rivais de gran entidade: o Velle, o Verín, o Polígono ou Nogueira de Ramuín parten como favoritos. Os dos Medos, pola súa banda, tratarán de facer do seu feudo un fortín e sacar puntos para asentarse na Primeira. O debut terá lugar este domingo no Pereiro de Aguiar ante a SD Melias.
O resto de clubes lucenses quedan encadrados no tradicional Grupo 3, do que se agarda un nivel moi alto. Os descensos de Ribadeo e Escairón deixan dous candidatos claros ao ascenso, pero a eles cómpre sumar tamén outros que xa coquetearon co salto de categoría: Castro, Residencia ou SD Chantada.
Ao tempo, varios conxuntos consolidados na categoría queren dar un paso adiante: Monterroso, Santaballés, Taboada, Chantada Atlético, Outeiro de Rei, Xove Lago ou Foz están chamados a competir cada punto en xogo. Xunto a eles, a Milagrosa chega nun gran estado de forma logo de competir nun grupo moi esixente na 24/25.




O ascendido Iberia non quere pasar apuros e fará das Valgas un dos campos moi complicados de toda a provincia, mentres que os seus veciños do Lourenzá reforzáronse para non pasar apuros. Guntín e Oural fixeron o propio e non pensan dar ningún partido por perdido, mentres que o filial do Racing Villalbés xa está asentado na categoría e segue formando xogadores de moito talento para o primeiro equipo.
En poucas palabras, o Grupo 3 da Primeira Futgal promete un nivel moi alto, que lembra ao que había anos atrás: os estadios mariñáns e os do sur da provincia serán pisados por xogadores de moita calidade, que ademais están adestrados por verdadeiros profesionais deste deporte. O paso das xornadas definirá con máis precisión o obxectivo de cada equipo, pero a emoción está servida nos nosos campos.