O CD Lugo B é novo equipo de Segunda Galicia tras levarse unha durísima eliminatoria ante o Lóstrego C. As de Joaquín Blanco e Pablo Bargados fixeron bo o 2-0 da ida, sabendo sufrir en Gondomar, para confirmar o ascenso de categoría no seu primeiro ano de vida.

O partido tivo pouca historia. O que si tivo foi unha boa dose de tensión, nervos e incerteza. O moito que había en xogo propiciou demasiadas imprecisións no filial albivermello. As capitalinas non eran capaces de crear xogo. Así que lles tocou poñer o mono de traballo e defender durante moitos minutos.
Lara evitou unha ocasión clara do Lóstrego C no primeiro acto. Por desgraza, as locais marcaron nunha acción sen aparente perigo, dentro dun primeiro acto con poucas oportunidades.
Na reanudación, pasouse da igualdade inicial ao agardado dominio do Lóstrego C nos derradeiros quince minutos. O CD Lugo B acumulou xente en defensa para conter as constantes acometidas das de Gondomar.

O filial albivermello achicou todos os balóns que fixeron falta. Para acadar, deste xeito, o desexado ascenso. Tocou sufrir en exceso pero o premio final ben valía a peaxe! Candela Otero erixiuse na mellor xogadora do CD Lugo B nesta volta da final polo ascenso a Segunda.
Ánxela, #XogadoraTorredeNúñez do mes de xuño
A futbolista do CD Lugo B Ánxela foi elixida a #XogadoraTorredeNúñez do mes de xuño. A pesares de que todas as implicadas contaban con só un destacado neste curto mes, Ánxela levouse o galardón ao marcar un dos dous goles do filial albivermello na final polo ascenso ante o Lóstrego C. Ánxela logra así o último lote de produto de Torre de Núñez, referente cárnico galego, deste curso.
Resultados da xornada
Lóstrego C 1-0 CD Lugo B

