Os 12 puntos nun mes da Sarriana B

A Sarriana B é un dos mellores equipos do último mes da Segunda Futgal. Catro vitorias consecutivas cambiaron a cara do filial da Sarriana, que se asenta na zona media do grupo sur.

A falta dunha xornada para que remate a primeira volta, o Riotorto xa é o campión de inverno no norte, mentres o que Becerreá mantense como líder no sur. A continuación presentamos #ONoso11AChaira da 14ª xornada.

O Riotorto, campión de inverno no norte

O club riotortense remata o ano con 33 puntos (de 39 posibles), tras empatar na casa do segundo clasificado, o Goiriz (0-0). A igualada permítelle ao Riotorto acumular unha xeira de oito encontros sen perder, mantén a distancia de cinco puntos co seu perseguidor e lévalles seis o Folgueiro e o Guitiriz. 

Pola súa parte, o Goiriz finaliza un gran 2025. Tras volver á Segunda, acaba o ano no posto de promoción de ascenso á Primeira. 

O Folgueiro empatou na Pastoriza

O 2025 finaliza para o Folgueiro con tres partidos sen gañar. Vén de empatar 1-1 co Pastoricense no Acebreiro. Mantense na parte alta con 26 puntos, a dous da praza de fase de ascenso. Pola súa parte, o club da Pastoriza acumula catro encontros sen coñecer a vitoria. É 11º con 18 puntos. 

O Guitiriz remata o ano no seu mellor momento

Con cinco vitorias consecutivas recibirá o Guitiriz o 2026. A última foi pola mínima a domicilio ante o Sanci (0-1). Suma 26 puntos e aséntase na parte alta da clasificación, a dous puntos do posto de promoción. 

Pola súa parte, o Sanci queda penúltimo clasificado con 7 puntos. A un do Castroverde e a catro do Casás, que teñen un partido menos. 

O Alfoz venceu na neve de Meira

Dúas xornadas despois, o Alfoz sumou de tres ante o Meira (3-5). A sétima vitoria do curso permítelle chegar aos 25 puntos, a tres do Goiriz. O Meira queda na oitava praza con 22 puntos. 

O Celta Barreiros volveu á vitoria no adeus de Adri Marrube

Catro encontros levaba o Celta Barreiros sen gañar, pero conseguiu os tres puntos en San Lourenzo de Aguiar ante o Matela (1-3). Con todo, o triunfo non impediu a saída de Adri Marrube. O adestrador non continúa no club e deixa ao equipo na 9ª posición con 19 puntos. 

O Matela é o último clasificado con seis puntos, a un do Sanci, a dous do Castroverde e a cinco do Casás (estes dous últimos cun partido menos). 

A Candelaria aséntase na zona media

O club da Rúa remata o ano con dúas vitorias consecutivas, a última ante un rival directo como o Sporting Pontenova (3-1). Acumula 19 puntos e sobe ata a 10ª praza, seis máis que o seu rival da pasada finde (12º).

O Castroverde – Casás xogarase en Entroido

O Becerreá alcanzou os 34 puntos

O Becerreá é o equipo que máis puntos acumula na Segunda lucense. Derrotou 2-0 ao Antas para sumar a undécima vitoria do curso. Conta con tres puntos máis que o Santa Comba e nove con respecto ao Lemos B e o San Roque. 

O Santa Comba afianzou o seu posto de promoción

Encontro de goles no Tras do Novo con triunfo local do Santa Comba ante o Palas (4-3). Non baixa a guardia o conxunto preparado por Yeray coa décima vitoria da campaña. A tres puntos do líder, ten 31, con seis de marxe sobre o Lemos B e o San Roque. O Palas perdeu unha boa oportunidade de achegarse máis a zona alta e agora queda con vinte puntos, a once do posto de promoción. 

O Lemos B igualou no encontro de filiais co Chantada B

O filial do Lemos acaba o 2025 nun gran momento de resultados con cinco encontros sen perder. Aínda que no último partido co Chantada B (0-0) se afastou lixeiramente da praza de ascenso, da que queda a seis puntos. 

O San Roque empatou nas Rapadas

O cadro capitalino empatou co Páramo (0-0) e acumula catro encontros sen gañar. Con 25 puntos, está agora a seis do posto de promoción e a nove do líder. 

Mentres tanto, no Páramo foi o último encontro do adestrador Diego Díaz. A directiva do club decidiu non continuar co técnico lucense, que deixa ao equipo na 14ª posición con 13 puntos, despois de gañar en Portomarín e igualar co San Roque. 

A Sarriana B continúa coa súa mellor xeira

Catro triunfos consecutivos elevan a Sarriana B a zona media da táboa. Tras un primeiro tramo de competición con moitas dúbidas, o último mes enche de moral aos rapaces preparados por Raúl F. Leizán. Venceron 3-0 ao Portomarín e pasan o Nadal na oitava posición con 19 puntos. 

Os locais saíron moi ben o encontro. Na primeira media hora xa ían gañando por 3-0. Na segunda parte, o Portomarín si que tivo algunha ocasión, pero o filial da Sarriana mantivo o control do xogo.

O Paradela afástase da zona baixa

Os pupilos preparados por Santi venceron 2-1 ao Ferreira e chegan aos 18 puntos. Tres vitorias dos últimos catro sitúan ao Paradela na 10ª posición. 

Dúas derrotas seguidas afastan momentaneamente ao Ferreira dos postos cabeceiros. Queda con 21 puntos, a dez do posto de promoción. Con todo, este sábado recuperará no Baliño o partido pendente de xogar co Monterroso. 

O Sober igualou co San Lázaro nun partido directo

O Sober e o San Lázaro empataron sen goles para acabar o ano. O conxunto soberés queda na 13ª posición con 13 puntos, catro máis que o San Lázaro que ocupa a última praza. 

Terceiro triunfo para o Friol

O Friol finaliza o 2025 en descenso, pero con dúas vitorias nos últimos tres partidos. Superou ao Monterroso B (2-3), ten 11 puntos e está a dous do Páramo, do Sober e do Chantada B. 

O filial do Monterroso é 91 con 19 puntos, a espera de recuperar este sábado o partido aprazado co Ferreira.

Os 12 puntos nun mes da Sarriana B

O PM Friol non falla e recupera