O olímpico de Seijas e a superioridade da 2ª no norte

A Copa Deputación 2026 da Segunda e da Terceira Futgal comezou na zona norte coa clasificación de sete equipos da Segunda nos seus encontros con conxuntos da Terceira. Xermade, Casás, Goiriz, Riotorto, Folgueiro, Pastoricense e Castroverde avanzaron de rolda, iso si, de distinta maneira.

Nos partidos entre rivais da mesma categoría, o Muimenta tivo que sacar de gol olímpico para impoñerse ao Pol B. O Guitiriz cunha mestura de protagonistas veteráns e novos gañoulle ao Celta Barreiros e o Matela avanzou nos penaltis co Alfoz.

Coa chegada da Copa Deputación 2026 estreamos unha nova sección: O Ás de Copas. Nela repasaremos os encontros do torneo copeiro e baixo o seu paraugas nomearemos un xogador destacado de cada eliminatoria.

Un ás é unha persoa que sobresae nunha actividade especialmente deportiva. As copas xóganse e tamén se desfrutan. Por iso, O Ás de Copas contará todo o que dea de si o torneo promovido pola entidade provincial.

O Casás venceu en Paraños e leva a eliminatoria como local

O club capitalino superou ao Rioaveso Machinango (1-4). Xogará como local nos dezaseisavos de final ante o Castroverde. En poucos días, ambos equipos veranse a cara dúas veces seguidas. O 14 ou o 15 xogarán os dezaseisavos da Copa en Lugo. O 17, Martes de Entroido, recuperarán o partido aprazado da 14ª xornada de liga en Castroverde.

O Casás entrou ben en Paraños sendo o gran dominador do primeiro tempo. Atacou ben o cadro visitante e púxose por diante no marcador cun gran gol de Herrero de chilena. Nunha xogada combinativa chegou o segundo por medio de Luis.

No segundo tempo, o Rioaveso meteuse no encontro cun gol de Noé González. Tivo o seu momento para empatar, pero o encontro entrou nunha fase bronca que non lles beneficiou. No último tramo de partido, o Casás sentenciou con tantos de Noé García e Juanito.

Partido tolo coa clasificación do Castroverde

Nove goles nas Gándaras no Comercial 4-5 Castroverde, que deixa aos pupilos adestrados por Iago Núñez nos dezaseisavos de final. Levan a Copa á casa e recibirán na Veiga do Olmo ao Casás.

A Comercial foi mellor no primeiro tempo. Púxose por diante cun disparo de Nico dende lonxe. Con todo, os visitantes empataron por medio de Borja asistido polo capitán Richard.

Os locais continuaron ao seu e Diego marcou o segundo. O Castroverde respondeu rápido co segundo de Borja. O futbolista do Cádavo puido lograr o hat-trick, pero o seu remate petou no pau. Aarón fixo xustiza ao visto no primeiro tempo e marcou o terceiro para a Comercial antes de marchar aos vestiarios.

O segundo acto comezou novamente cun par de achegamentos locais, pero segundo foi avanzando o Castroverde impuxo o seu dominio. Pablito empatou a pracer tras aproveitar un rexeite do porteiro. Cambiaron os papeis para o cuarto e Borja asistiu a Richard para poñer por diante aos seus.

Non obstante, a emoción mantívose ata o final. O Castroverde quedou cun xogador menos pola expulsión de Adri. Cos locais volcados ao ataque, os visitantes aproveitaron a situación para marcar o quinto ao contragolpe por medio de Gelo. Nos intres finais, Hugo anotou o cuarto local xa sen tempo para máis.

O vixente campión non flaqueou en Cazás

Convocatoria de xogadores do Riotorto para a primeira eliminatoria da Copa Deputación 2026 no Catro Ventos de Cazás. Foto: Futbolinlugo

O Riotorto foi práctico nunha tarde moi fría no Catro Ventos. Rematou goleando a un combativo cadro local (0-4) e agora leva a Copa a Riotorto para recibir ao Goiriz, o seu actual perseguidor no grupo norte da Segunda Galicia.

A primeira ocasión foi desaproveitada polo Riotorto no minuto 10. Osky lanzou un penalti fóra, a dereita da portería defendida por Fernando. Nun encontro trabado, os visitantes quixeron amosar a súa superioridade a través do balón parado e o xogo directo.

Antón puido adiantar aos seus nunha falta lateral pateada por Pedro, pero o gardamallas local amosouse seguro. Onde non errou o Riotorto foi na segunda pena máxima ao redor do minuto 21. Fernando fíxolle penalti a Carlos e o propio futbolista vilalbés marcouno.

Coa vantaxe no marcador o Riotorto seguiu sendo práctico, mentres que o Cazás intentaba combinar e xogar rápido. Juan e Penedo puideron empatar. Con todo, Manu Carreira a saída dun córner fixo o segundo.

Ao volver dos vestiarios, o Riotorto volveu sacar o seu olfacto no ataque con Osky que, tras un pase de Mario, encamiñou o partido co terceiro. Non se renderon os locais, Jose e Vizo estiveron preto do gol, pero atoparon a boa resposta de Marcos.

Osky marcou o cuarto ao redor do minuto 80, tanto que enfadou aos locais coa arbitraxe e rematou coa expulsión do capitán Iván Bellas. Ao remate do encontro tamén foi expulsado Penedo. Ambos foron sancionados cun partido, situación que non lles repercute para xogar este domingo o derbi co Roupar.

Precisamente quen si chegará con cambios a ese derbi será o Roupar. Ángel Pena deixou de ser nas últimas horas o seu adestrador. Agárdase que a sesión de adestramento deste venres sexa dirixida por un novo preparador.

Convocatoria de xogadores do Cazás na primeira eliminatoria da Copa Deputación 2026 xogada no Catro Ventos. Foto: Futbolinlugo

Os porteiros destacan na quenda de penaltis menos goleadora

O Mondoñedo e o Goiriz viviron unha eliminatoria moi desputada nesta rolda previa (0-0). Non houbo goles e, como este ano non hai prórrogas, o cruce decidiuse nos penaltis (1-2). O Goiriz visitará ao Riotorto de Copa antes de facelo na liga.

Encontro de golpes no que ningún deu marcado gol nos 90 minutos. Algo case inédito para os dous equipos esta temporada. Tan só o Goiriz non marcara ningún gol no que vai de curso ante o Riotorto.

Lucíronse os porteiros na quenda de penaltis. O local Rispa parou tres e o visitante Diego Barro outros tantos. Con todo, o Goiriz marcou un gol máis que resultou ser clave.

O Xermade non lle deu opcións ao Celeiro

O primeiro partido sénior oficial do 2026 na provincia xogouse no campo de Trasvías, en Galdo (Viveiro). O Celeiro recibiu a un Xermade que se impuxo con claridade (1-6). Nos dezaseisavos de final o Xermade volverá á Mariña para xogar co Sanci, exento nesta rolda previa.

O cadro xermadés xa se puxo por diante nada máis comezar. Sergio Vila marcou o primeiro no primeiro minuto cun golazo dende longa distancia. Pouco despois, Chungui anotou o segundo e mediado o primeiro tempo Mario Benavente fixo o terceiro.

Con todo, Íñigo Navarro logrou meter o Celeiro no marcador cun gol antes da media hora. Non obstante, o Xermade non deixou as dúbidas para o segundo tempo e Sergio Vila asinou o seu dobrete xusto antes do tempo de lecer.

No segundo tempo, o Celeiro aguantou o tipo ata o último tramo, no que o conxunto visitante redondeou o resultado con dous goles de Pedro Coria.

O club viveirense refórzase de cara a segunda volta na Terceira Futgal, co obxectivo de ser máis competitivos. Para o medio campo chega David Fra ‘Vizolo’, sen equipo, e para o ataque Borja Orosa ‘Mora’, que xa militara no club as últimas tempadas.

Seijas culminou a remontada do Muimenta cun gol olímpico

O Muimenta superou ao Pol B (3-2) nun dos duelos de Terceira Futgal desta primeira volta. O conxunto celeste mantén a Copa no Pichón e recibirá en dezaseisavos de final ao Roupar.

Os locais puideron adiantarse, pero a pelota petou dúas veces no pau da portería rival. O filial do Pol xogou ben nun primeiro tempo no que marcou por medio de Antón.

No segundo tempo, o conxunto polense logrou o segundo por medio de Balado. Con todo, en apenas tres minutos o Muimenta conseguiu empatar. Nun córner, Julio Jartín anotou o primeiro local. A continuación, cun gran gol, Nacho igualou o resultado.

O Muimenta consumou a remontada ao final. Nun saque dende o recanto, o atacante Samuel Seijas pateou o balón e, nun mal entendemento entre defensa e porteiro, a pelota entrou en forma de gol olímpico para darlle o pase aos do Pichón á seguinte rolda.

O Folgueiro quere redimirse do ano pasado

O club do Vicedo superou ao Catro Roldas (1-3). Alcanza os dezaseisavos de final, que xogara na Mina ante o Sporting Pontenova. O Folgueiro preséntase nesta edición da Copa logo de chegar o curso anterior ás semifinais.

Resultado xusto na Canteira que non deixa marxe de dúbida sobre a diferenza de categoría. O Folgueiro entrou mellor ao partido e adiantouse, tras un saque de banda ao corazón da área que rematou Alberto. Foron minutos de claro dominio visitante.

Os locais co paso dos tempo igualaron as forzas e tamén o marcador cun tanto de Dopico. Preto do descanso, Iago contou con dúas boas ocasións para poñer por diante ao Folgueiro. Isra disparou ao pau para o cadro de Román.


No segundo tempo, Yáñez tivo un man a man co porteiro que errou para adiantar ao conxunto preparado por Coto. En cambio, si atinou Aaron para poñer en vantaxe ao Folgueiro. No último tramo, o Catro Roldas non estivo cómodo e o Folgueiro tirou de veteranía para levar o encontro. No desconto Schuster sentenciou nun lanzamento de falta.

O Guitiriz prolonga na Copa a boa xeira da liga

O cadro guitiricense rematou o ano con cinco vitorias consecutivas na Segunda Futgal. Agora comezou o 2026 cun triunfo ante o Celta Barreiros (4-2), que o sitúa nos dezaseisavos de final do torneo copeiro. Visitará a Lomba para xogar co Meira, equipo co que se enfrontará antes na liga, xusto no inicio da segunda volta.

O Celta Barreiros presentouse no Suso Cruz coa estrea de Donato como adestrador, logo da non continuidade de Adri Marrube. Xerou perigo a balón parado na primeira metade, pero quen se adiantaron foron os locais por medio dun penalti. O xuvenil Juan non errou dende os once metros.

No segundo tempo, os visitantes lograron a remontada momentánea en poucos minutos cos tantos de Ruso e de Javi Andina. Porén, a ledicia pouco durou. Miguel Andina foi expulsado e o Guitiriz cun tanto de Álex Ferro en propia porta.

O encontro foi máis bronco e os locais levaron a vitoria. Juan aisnou un dobrete e fixo o terceiro mediado o segundo acto. Nos intres finais Miguel logrou o cuarto. Anteriormente, o ex xogador do Guitiriz Toni Prieto foi expulsado no Celta Barreiros.

O Matela saíu vencedor doutro duelo de goles co Alfoz

O encontro da primeira volta na Segunda Futgal no Municipal entre o Alfoz e o Matela rematara 6-3. Na eliminatoria de Copa os 90 minutos finalizaron cun 3-3 e os locais avanzan de rolda grazas aos penaltis.

O Matela comezou moi forte no seu campo. Colleu unha vantaxe de tres goles cun dobrete de Jorge e un gol de Cristian. Con todo, o Alfoz conseguiu seguir vivo ao descanso cun tanto de Dani Jiménez.

No segundo tempo, os visitantes empataron. Dani Jiménez completou o seu dobrete e Soto, preto do final, empatou cun gol a un ex equipo seu como é o Matela. Nos penaltis, os locais estiveron máis acertados. Pedro paroulle un lanzamento a Ramos e deixoulle en bandexa aos seus o pase.

O Pastoricense remontou en Abadín

Poderíase trazar un paralelismo entre este partido e o desputado no Pichón, aínda que neste caso quen saíron triunfadores foron os visitantes. O Pastoricense avanza ao superar ao Abadín (2-3) e buscará o pase a oitavos en San Lourenzo de Aguiar ante o Matela.

Partido marcado polo vento. As condicións meteorolóxicas beneficiáronlle ao Abadín nun primeiro tempo no que acumulou numerosas chegadas a área rival. Tontxu e Ferre marcaron os dous goles cos que os locais marcharon de vantaxe ao tempo de lecer.

No segundo acto, as tornas cambiaron. O Pastoricense, que gozara dalgunha oportunidade no primeiro tempo, si logrou chegar con asiduidade á zona de perigo. Edu Seivane marcou o primeiro de penalti. Dani anotou o segundo nunha acción a balón parado.

O Pastoricense foi a pola vitoria e chegou nos últimos intres. Borja Corbelle marcou logo dun pase de Edu.

O Entroido tamén será de Copas

A Segunda e a Terceira Futgal non teñen xornada de liga a fin de semana do Entroido (14 e 15 de febreiro). Os 32 equipos vivos na Copa xogarán aí a eliminatoria correspondente aos dezaseisavos de final. A maiores dos clubs mencionados, aparece o cruce entre o Cabreiros e a Candelaria. Este partido xa quedou fixado dende o sorteo e ambos estiveron exentos da primeira rolda.

O olímpico de Seijas e a superioridade da 2ª no norte

O Quiroga e o Taboada B honran