Había unha xornada pendente na Terceira RFEF e chegou no Xoves Santo para os tres equipos lucenses da categoría do Trío de Ases O Cantón. O balance non foi positivo, pero tampouco negativo. Non houbo ningunha vitoria, pero o Racing Villalbés quitoulle o liderado ao Arosa tras empatar por 1-1. O Viveiro sumou un punto de colchón ante o Xuventude Cambados. A mala noticia da xornada chegou coa derrota do Lugo B ante o Estradense, un dos tantos rivais directos pola promoción, por 1-0.
O Racing Villalbés provoca o cambio de mando na Terceira
O Racing Villalbés volveu a amortizar un gran esforzo para facerse cun punto ante o Arosa (1-1) que quita aos arlequinados do liderado. O partido tivo moito ritmo desde o comezo, o que fixo que os chairegos tiveran que doblar esforzos en defensa para que os locais non tiveran oportunidades importantes de gol. Pero xusto antes do descanso, unha boa acción depararía no gol de Álex Rey que lle daría o mando do encontro aos da Lomba.
Despois do descanso, o Racing Villalbés quixo ir arriba e permitiu espazos a un dos mellores equipos ofensivos da Terceira, que desaproveitou boas oportunidades para poñer máis distancia no marcador. Na última media hora e cun disparo ao longueiro de Herrero como desencadeante, os de Juan Rodríguez foron a polo empate. Tras varias oportunidades, Borja Miguez aproveitou un centro de Buyo para poder facer o tanto da igualada.
O Viveiro colle un punto de colchón
O Viveiro logrou un punto da visita a Cantarrana do Cambados (0-0) nun encontro que tivo chegadas para ambos, pero sen éxito. Os visitantes comezaron co dominio do encontro e atoparían nun erro nunha cesión a súa oportunidade máis clara, pero Gregor non podería convertir. No minuto 40, Andre chegou en condución sen que o parase ningún defensor do Viveiro e logrou un disparo que o pau salvou para o cadro de Alberto López.

Na segunda metade, os da Mariña deron un paso adiante e conseguiron o mandato do encontro. Arturo quixo ser o protagonista do encontro e dispuxo de tres situacións claras nas que estivo preto de inaugurar o marcador. Kablik intentouno en sendos mans a mans nos que non puido marcar. A falta de acerto case foi recordadda despois de que Gregor collese un mal despexe, pero o seu disparo marcharía moi alto e o 0-0 manteríase no marcador.
O Lugo B dá un pequeno paso atrás
O Lugo B deu un pequeno paso atrás na súa loita por acceder aos postos de promoción da Terceira RFEF ao perder por 1-0 ante o Estradense. No campo dun dos favoritos para esa quinta praza, o filial albivermello dominou e puxo contra as cordas aos da Estrada. Desde o comezo, o control foi absoluto e conseguiron atopar aos homes liberados na saída de balón e tiveron oportunidades claras de Aday e de Buide nas que Isra e un defensor evitaron o tanto lucense.
Todo seguiría igual despois do descanso e os de Dani Galán tiveron outras dúas oportunidades que marcharon por moi pouquiño. Lembrarían despois esas ocasións que non chegaron a bon porto, xa que nunha xogada polémica houbo un penalti a prol do Estradense. Candal pararía o lanzamento, pero a sorte fixo que o rexeite caera nun Edu Taboada que non perdoaría. Hugo Díaz conseguiu marcar para igualar nunha falta lateral, pero o colexiado pitou un fóra de xogo moi discutido.
Foto do Instagram do Racing Villalbés.


