O 2026 xa comeza cunha boa ración do noso fútbol. Ademáis da xornada de Copa Deputación, a Primeira Futgal ponse ao día logo do adiamento, na última fin de semana de setembro do encontro entre o Xove Lago e o Monterroso. Ámbolos conxuntos veranse as caras o domingo ás 12 da mañá no Municipal de Xove coa arbitraxe de Vicente Castro.
O encontro semella trascendental para ámbolos dous conxuntos por diferentes motivos, os locais para achegarse á permanencia e os visitantes para situarse no play off de ascenso.
O Xove Lago con dez puntos e é o pechacancelas da Primeira Futgal. O cadro mariñán afronta unha temporada difícil logo da saída de Cora, o seu xogador franquicia, o pasado verán rumbo ao Viveiro de Terceira RFEF, e a lesión de longa duración de Xesús, o capitán do equipo verde. As catro derrotas consecutivas de comezo de liga, tres delas nos últimos intres de cada encontro, remataron coa destitución dun Santi Silvar que realizara un gran traballo no club. A chegada de Fran Caínzos, un histórico do fútbol galego, parecía relanzar a un equipo que logrou dúas vitorias consecutivas, pero desde o 19 de outubro, o Xove Lago non voltou a sumar tres puntos. De aí a urxencia en acadar un trunfo que sitúe aos mariñáns preto da zona de permanencia.
Unha situación completamente oposta vívea o Monterroso. O conxunto adestrado por Fernando García é quinto clasificado con vintesete puntos, a tan só tres do terceiro, un Ribadeo que ocupa praza de play off de ascenso. Os monterrosinos, malia ser o equipo menos goleador dos que ocupan a zona alta da clasificación, sabe rentabilizar ao máximo as súas vantaxes e é un dos equipos que máis puntúa a domicilio. Dos sete encontros lonxe de Cerdeiriños só perdeu un, no feudo do Santaballés, e logrou tres vitorias e tres empates.

O último enfrontamento entre Xove Lago e Monterroso no Municipal data do 9 de febreiro do recén rematado 2025. Daquela os visitantes impuxéronse 0-2 con goles de Iago Sobrado e Billy.
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
Xoel Eijo (Xove Lago)

O estado do equipo. «Estamos animados e con ganas de revertir a situación. Temos moitos xogadores qeu estudan fóra e aproveitamos este parón do Nadal para adestrar todos xuntos e preparar este partido do mellor xeito posible«.
O Monterroso. «Creo que será un encontro moi competido e que pode caer para calquera lado. Aínda que non nos sallan as cousas, os rivais non nos gañan con facilidade e os partidos soen ser parellos. Temos que aproveitar o impulso que nos da xogar no Municipal e dar todo para tentar cambiar a dinámica na que estamos«.
Opcións de permanencia. «Confiamos plenamente en salvar a categoría. Somos un bo equipo, un gran grupo no que temos a sorte de ser todos amigos e quizáis pecamos un pouco de inocentes froito da xuventude. Agora contamos con cinco partidos seguidos na casa e loitaremos todo o posible por sacalos adiante. Serán claves«.
David (Monterroso)

Boa dinámica. «Fomos mellorando paulatinamente, cada vez competimos mellor os encontros. Nos últimos contamos coa determinación que nos faltou nalgúns momentos, así que loitaremos por seguir nesta dinámica«.
O partido no Municipal. «Non agardo outra cousa que un partido moi difícil. Debemos ser moi intensos e estar moi concentrados durante todo o partido para poder sumar os tres puntos«.
Obxectivos. «Queremos competir cada partido e seguir mellorando como equipo, xa que creo que aínda temos moito marxe de mellora. A partir de aí veremos onde nos pon a clasificación«.
AXENDA
Copa Deputación – Preferente e Primeira Futgal
Chantada Atlético – Pol (Sábado ás 16:30 horas no Sangoñedo): os chantadinos buscarán revertir na Copa a mala xeira ligueira fronte a un Pol que mellorou xusto antes do parón polo Nadal.
Taboada – Milagrosa (Domingo ás 16 horas na Medela): os locais farán valer o factor campo fronte a un rival que vén de igualar na liga fronte ao líder Chantada.
Copa Deputación – Segunda e Terceira Futgal
Mondoñedo – Goiriz (Sábado ás 16:15 horas no Viñas da Veiga): dous dos conxuntos máis en forma da provincia fronte a fronte. Os locais, líderes invictos na Terceira e os chairegos, a sorpresa agradable da Segunda.
Relámpago Taboada – Becerreá (Sábado ás 16 horas no Anexo á Medela): os locais buscarán dar a sorpresa diante dun especialista copeira como o Becerreá, campión no 2022 e finalista no 2024.

