#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

O Viveiro vence no derbi da Cheda e afástase do descenso

Trío de Ases O Cantón con encontros que xa son finais. Na Segunda RFEF o Racing Vilalbés afrontou unha diante do Cayón, que rematou nun empate amargo acadado polo cadro cántabro no desconto. Un chanzo máis abaixo o Viveiro venceu ao Polvorín no derbi provincial, mentres que a Sarriana caeu con polémica na Ribela diante da UD Ourense. Na Preferente, triunfos vitais de Lemos e Castro diante de Victoria e Cidade de Ribeira, respectivamente. Importante tamén o punto acadado pola Residencia diante do Noia, líder destacado da categoría. O Ribadeo non puido sumar no Pepe Barrera fronte ao Sigüeiro.

O Racing Vilalbés cede un empate no desconto diante do Cayón (2-2)

Encontro marcado en vermello no almanaque racinguista que rematou dun xeito amargo. De tódolos xeitos, o punto acadado saca ao Racing dos postos de descenso directo e sitúao en play out, dous puntos por debaixo da permanencia a falta de tres xornadas para o final.

O calor asfixiante propiciou unha primeira metade de ritmo baixo na Madalena. O Racing Vilalbés tivo máis o control do partido, aínda que sen xerar ocasións de gol. O Cayón tampouco foi quen de chegar á área local con perigo.



A entrada de Isaac no segundo tempo deulle máis mordente en ataque aos de Simón Lamas e o Racing gozou dos seus mellores minutos. Fito contou coa mellor ocasión de gol ao estrelar un balón no longueiro. Pero foi o Cayón o que logrou adiantarse cun tanto do xaponés Ishida. O Racing afrontou a úlitma media hora co obxectivo da remontada e fíxoo con máis corazón que cabeza. Nunha xogada afortunada, a falta de quince minutos para o final chegou a igualada. Un centro lateral de Jose Varela introduciuno o porteiro Mario na súa propia portería. O empate non lle valía a ningún dos dous conxuntos e preto do minuto 90 Nathan nun cabezazo á saída dun córner fixo o segundo para o Racing. Pero non foi quen de manter os tres puntos diante do último arreón cántabro e no minuto 95 un centro desde o perfil dereito finalizouno Larrucea cun gran remate de cabeza.

A Sarriana perde diante da UD Ourense nun final polémico (1-2)

Non puido sumar o conxunto sarriao nun encontro fronte a un rival directo na pelexa por entrar nos postos de play off. Ámbolos dous equipos quixeron a posesión do balón nun primeiro tempo escaso de ocasións. A Sarriana cando foi quen de manter o balón no seu poder chegou con certo perigo á porta rival.



Na segunda metada a Sarriana saiu mellor que o seu rival. Brais contou con dúas opcións de gol a centros de Tijan antes de que chegara o gol local. Nunha xogada que comezou nos pes do porteiro Valentín e que pasou por un bo número de xogadores rematou cun pase de Jacobo a Boedo que foi derribado na área por Álex Cobo. O propio Boedo foi o encargado de transformar a pena máxima ao «Panenka«. A UD Ourense co marcador en contra comezou a achegarse á área rival e empatou cun golazo desde longa distancia de Yelco Alfaya. No minuto 96 chegou o tanto da vitoria visitante. Un lanzamento de falta desde fóra da área parouna Valentín e no rexeite o gardameta levou un golpe na faciana polo que precisou un vendaxe. O colexiado non sinalou falta e si córner. No lanzamento Luismi marcou o segundo tanto ourensanista.

O Viveiro gaña un derbi de alternativas fronte ao Polvorín (2-3)

Paso adiante do conxunto mariñán na súa pelexa por acadar a permanencia. Os de Alberto López teñen tres puntos de vantaxe sobre os postos de descenso e sitúanse a dous puntos dun Polvorín que perdeu a oportunidade de deixar a salvación vista para sentencia. O filial albivermello foi mellor no primeiro tempo e fixo que o gardameta viveirense Ayoub fora o mellor xogador do encontro. Mario e Rubal atopáronse coa inspiración do porteiro que realizou paradas de auténtico mérito. O primeiro gol do Polvorín chegou tras unha boa xogada colectiva que rematou co disparo de Julio. O Viveiro só inquedou a área rival en algunha xogada a balón parado.

Alberto López moveu o banquiño tras o intermedio coa entrada de Juan e Miguel e na primeira xogada chegou o empate tras un erro na saída de balón do Polvorín que aproveitou Arturo. Non tardou Maceira en volver a poñer por diante ao conxunto local, pero acto seguido un roubo de balón de Juan finalizou co disparo deste lonxe do alcance de Brais. O encontro entrou nun ida e volta con chegadas ás áreas de ámbolos dous conxuntos ata que nunha contra Cora centrou medido para que Dani Almagro rematara para culminar a remontada mariñá. Rubal no tempo de desconto puido empatar pero de novo Ayoub estivo providencial.

O capitán Varela dalle tres puntos de ouro ao Lemos diante do Victoria, rival directo (1-0)

Encontro vital para as aspiracións de permanencia dos monfortinos que se resolveu nos intres finais cun tanto do incombustible Varela. As altas temperaturas condicionaron o xogo nunha primeira metade parella e sen moito ritmo. O Lemos foi mellor no primeiro tramo intentando xerar perigo por banda aínda que sen xerar demasiado perigo. O Victoria fixo intervir a Losada na súa única chegada con perigo á portería rival.

No segundo tempo o encontro abriuse e ámbolos conxuntos xeraron varias ocasións de gol. O Lemos amosou un mellor tono físico que o Victoria e nos últimos quince minutos os monfortinos, tamén mellorados cos xogadores de refresco, foron claramente superiores ao Victoria. Os de Juanlu Bernal xogaron en campo contrario e a falta de sete minutos para o final Varela rematou de cabeza un centro de Mariño, no que sería o único tanto do partido.

O Ribado perde co Sigüeiro no Pepe Barrera e suma a sexta xornada sen gañar (0-2)

O conxunto de Pichi segue complicando a súa situación clasificatoria tras outra nova derrota no Pepe Barrera diante dun Sigüeiro que se sitúa terceiro na clasificación. O cadro compostelán foi moi superior nun primeiro tempo no que se logrou adiantar no seu primeiro achegamento á área ribadense. Carrera cedeu un córner innecesario e no saque desde o curruncho Yago cabeceou ao fondo da portería. O Ribadeo, aínda que tivo máis o balón, non era quen de trenzar ningunha xogada de perigo. Só Diego Ferreiro inquedou ao gardameta rival nun tiro lonxano de falta que bateu no longueiro. O Sigüeiro á contra puido ampliar diferencias. Yaguito, cunha boa volea, e Remuiñán, tras unha indecisión defensiva, obrigaron a Carrera e intervir con éxito.

O segundo tempo seguiu un guión semellante no seu comezo. As rápidas transicións do Sigüeiro sorprendían unha e outra vez ao Ribadeo. Yaguito, tras un centro desde a dereita, rematou lixeiramente desviado desde a área pequena antes de que Marcelo encarrilara o encontro para os visitantes cun segundo tanto de bela factura tras disparar desde larga distancia xusto por enriba do gardameta. O gol sentoulle mal ao Ribadeo que entrou nunha fase de moitas imprecisións. Pichi deulle entrada a Castrín e posteriormente a Santi e Aitor, que volvía ao club logo de moitas xornadas fóra, e o equipo mellorou. Tichu probou fortuna desde fóra da área e pouco despois chegou a ocasión máis clara para o Ribadeo. Criss e Castrín remataron desde dentro da área e o gardameta en primeira instancia e un defensor en segunda, salvaron o gol sobre a liña. Asier xa preto do final rematou un saque de córner completamente só, pero o balón saiu alto.

O Castro acada a segunda vitoria consecutiva fronte ao Cidade de Ribeira (3-2)

Logo do triunfo no Poboado, o Castro logrou outros tres puntos vitais na carreira de fondo pola permanencia en Preferente. O encontro non comezou ben para os chairegos. Nunha chegada por banda esquerda os visitantes adiantáronse cun tanto de Viturro. Fernando Corredoira modificou o debuxo sobre a marcha para chegar con máis perigo a campo rival, aínda que no primeiro tempo o Castro non foi quen de igualar o encontro.

Tras o paso por vestiarios entraron no campo Buján e Hugo Buíde e o Castro sentiuse máis cómodo sobre o céspede. O capitán Dumi botou o equipo á espalda e logrou dous tantos para darlle a volta ao marcador. A falta de doce minutos para o final Fito puxo terra de por medio. O colexiado anulou un tanto de Hugo Buíde por falta e na seguinte xogada Yago Rivas marcou o segundo para os ribeirenses tras unha boa xogada

A Residencia logra un valioso punto co Noia pero sigue en descenso (1-1)

Encontro no que a Residencia estivo moi concentrado durante os noventa minutos. A visita do líder non era propicia, pero os lucenses foron quen de competir e sacar un punto que pode ser moi valioso de aquí ao final. O Noia levou a iniciativa e adiantouse no marcador aos catro minutos de xogo. Un saque de falta na frontal da área rematouno Marcos ao fondo da portería. Non se viron moitas ocasións ata que, xusto antes do descanso chegou o empate. Dani Renda lanzou unha falta e Yago controu dentro da área e logrou rematar lonxe do alcance de Christopher.

No segundo tempo o Noia seguiu levando a iniciativa, pero a boa defensa da Resi impediu que se viran ocasións de gol. O cadro local tampouco foi quen de inquedar a área rival, firmando un empate que foi fiel reflexo do vivido sobre o terreo de xogo.

O Viveiro vence no derbi da Cheda e afástase do descenso

Máxicos Salvatierra Abogados. Xornada 29

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *