Era unha xornada de vital relevancia para Sarriana e Viveiro, xa que visitaban ambos a rivais directos na loita pola promoción. Os de Dani Giménez impuxéronse con autoridade ao Burgos B por 0-2, mentres que os de Alberto López gañaron pola mínima (0-1) ao Barbadás. No resto de encontros, o Lugo B acadou un empate sen goles ante o Noia, pero Racing Villalbés, Pol, Burela e Lemos non puideron sumar ningún punto nos seus encontros.
Vitoria no campo e fronte aos elementos
A Sarriana dominou o encontro de principio a fin ante o Burgos B e logrou facerse cunha vitoria por 0-2 vital para a loita pola permanencia. Non só foi unha loita futbolística, se non que o partido estivo marcado polo forte vento, a choiva, e incluso por momentos a neve e o granizo. Todo comezou de cara no minuto 7, cando Arona colgou un balón para Edu. O dianteiro rematou de cabeza, pero o que marcou foi un debutante Clavería que a empurrou para abrir o marcador.
A Sarriana tivo o control en todo momento do encontro. Vilán tivo un man a man no minuto 15 no que tivo que intervir o porteiro. Xa na segunda parte, Millán e Boedo tiveron as opcións máis claras. Non foi ata o minuto 85 no que os de Dani Giménez sentenciarían o encontro grazas a un penalti a favor que transformou Jacobo. Con só 15 xogadores do primeiro equipo, esta vitoria dá unha marxe de cinco puntos co play out antes de medirse co Valladolid Promesas, rival directo, na Ribela.
O Viveiro conquista Os Carrís
O Viveiro logrou grazas a unha segunda parte redonda gañar ante o Barbadás por 0-1. O encontro comezou cun guión de igualdade no que ambos equipos tiveron alternativas e ocasións para poder facerse co encontro. Os locais mandaron dúas faltas ao longueiro e conseguiron ter o control do xogo a través dun fútbol directo onde aos mariñaos lles costou gañar os segundos balóns.

Todo cambiaría na segunda parte para o Viveiro. A entrada de Vicente activou as asociacións dos xogadores de ataque e lograron os espazos para ter ocasións claras. Corzo salvou un disparo de Lansade baixo paus e Vicente topouse co longueiro. Carlos e Kablik tamén puideron marcar, pero non foi ata o desconto onde se decidiría o encontro. Nun saque desde o curruncho, Vicente elevouse ante a defensa para marcar o tanto da vitoria do Viveiro.
Empate sen goles na Cheda
O Lugo B non puido marcar ante o Noia na Cheda e o resultado quedou como comezou, 0-0. Os lucenses non pararon de xerar oportunidades, pero acabáronse atascando. No arranque, foi difícil para o filial albivermello entrar no encontro, pero desde o minuto 10 controlaron o encontro. Tiveron moitas chegadas, pero faltou agresividade na busca do último pase. Nos últimos minutos, Samu tivo dúas oportunidades claras que non conseguiu anotar.
A segunda metade mantivo o guión de dominio absoluto dos de Dani Galán. Fran Blas e Samu por dúas ocasións estiveron a punto de abrir o marcador. O resultado case cambia na única que tivo o Noia nos noventa minutos, Mario Regueiro estivo moi preto de que os visitantes se fixesen co encontro. Aday tivo unha das últimas do partido, pero sen éxito para facer o tanto da vitoria.
Derrotas para Lemos e Racing Villalbés
O Racing Villalbés sufriu a súa primeira derrota do ano na casa do Alondras por 1-0. Os locais dominaron nos primeiros intres, pero sen chegar de forma clara. Os chairegos atoparon o balón parado con Javi Varela, pero non puido abrir o marcador. Na segunda parte, o guión foi similar ata que, nunha xogada moi rocambolesca, Abel faría o tanto dos do Morrazo. O encontro pasou a ser un ida e volta no que os de Juan Rodríguez non puideron sumar ningún punto nove xornadas despois
Pola súa parte, o Lemos perdeu ante o Porriño Industrial nun encontro no que chegaron a estar cun home máis durante vinte minutos. O encontro comezou de mal xeito, xa que Miguel Amador abriu o marcador para os locais no minuto 8, pero na seguine xogada Brais igualou o duelo. Miguel Amador volvería repetir para poñer o segundo, pero despois viu o cartón vermello, o que lle deu a superioridade numérica ao Lemos ata a expulsión de Emmanuel, pero non a puideron aproveitar para igualar.
A Preferente Norte queda sen puntos
Os equipos do grupo norte da Preferente quedan sen sumar ningún punto nesta xornada. A inxustiza voltou a aparecer para un Pol que tivo un dominio claro do encontro ante O Val, pero que non significou sumar puntos. Pese ás claras ocasións, nas que o porteiro e a defensa tiveron que actuar, e incluso un penalti non pitado, o destino levou a que, no minuto 90, O Val marcara no seu primeiro tiro a porta. Case sen ángulo, Diego disparou, o balón bateu no pau e entrou para definir o encontro.
O Burela recibiu na Marosa unha goleada por parte do Dubra (1-4) nun encontro moi marcado polo vento e o mal tempo. Na primeira parte, os de Oke non puideron aproveitar a vantaxe do aire para conseguir unha vantaxe no marcador e o 1-1 quedou no electrónico grazas a un gol olímpico de Xoel Ferro. Na segunda parte, o encontro non tivo historia. O Dubra aproveitou cada erro para poder facerse cos tres puntos.


