Xa metidos de cheo na segunda volta de competición, cada enfrontamento directo é vital. Nesta xornada, o Viveiro recibe ao Barco, conxunto ao que supera en tres puntos nun encontro que suporá o retorno a Cantarrana de Diego Santín. Será o domingo ás 12 da mañá coa arbitraxe do compostelán Brais García.
O Viveiro rachou unha xeira negativa de catro partidos sen gañar na pasada xornada cun triunfo nos Carrís diante do Barbadás, outro dos conxuntos que pelexa por evitar o descenso. Tres puntos balsámicos para os de Alberto López, que chegaron ademáis cun gol de Vicente, futbolista que debutaba cos celestes e que nesta xornada se enfrontará ao seu ex equipo, pois militou no Barco desde o comezo desta campaña. A chegada do atacante contrasta coa saída do defensor Nacho, que retorna ao fútbol madrileño. Unha vitoria fronte ao Barco suporía alonxar aos de Valdeorras a seis puntos e afastarse da zona de perigo.
Enfronte estará un Barco situado xusto por enriba dos postos de descenso, con tres puntos menos que os mariñáns, pero que chega crecido tras vencer ao Compostela, líder invicto a ata a pasada xornada. O encontro serviulles aos de Agustín Ruíz para romper tamén unha xeira de sete sen gañar, situación que os meteu en problemas clasificatorios.
O último enfrontamento entre Viveiro e Barco en Cantarrana remóntase ao 12 de febreiro de 2023 e rematou con empate sen goles. Nesa temporada os de Valdeorras perderon a categoría e o Viveiro salvouse de xeito agónico logo da permanencia en Segunda RFEF do Ourense CF no play out e a ampliación da Terceira RFEF a dezoito equipos.

Falamos do encontro con Alberto López, adestrador do Viveiro, e con Diego Santín, xogador berciano do Barco que pasou polas filas do cadro celeste a pasada campaña e que participou no III All Star Futbolinlugo disputado en Mondoñedo logo de sobresaír na Sarriana.
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
Alberto López (Viveiro CF)

O triunfo co Barbadás. «Foi un partido moi difícil. Eles xogábanse todo para saír do último posto e foron de máis a menos. Metémolos nós no partido a base de faltas e córners. No descanso correximos iso e no segundo tempo fomos mellores, sobre todo no último tramo chegando a xerar cinco ocasións moi claras para ao final vencer co gol de Vicente. Foi un triunfo xusto».
O Barco. «Segundo partido clave consecutivo diante doutro rival directo. Son un equipo que xoga moi vertical e xera moitas situacións de centro e remate. Debemos estar moi atentos nas vixiancias, minimizar perdas e controlar segundos balóns e despexes para ter opcións de sumar os tres puntos. É preciso que sexamos tamén verticais e combinar na última liña de ataque«.
Trocos no cadro de xogadores. «Somos unha plantilla moi curta, pero os futbolistas que a conforman están implicados ao cento por cento e iso é clave para levar vinte puntos a estas alturas. O día a día é complexo con sesións de adestramento con poucos xogadores, sen contar ademáis con filial nin xuvenil. Esta situación dificulta moito preparar un plan de partido. Agardemos que nos respeten as lesións«.
Diego Santín (CD Barco)

O retorno. «Para min volver a Cantarrana será sempre especial. O ano pasado estiven moi agusto alí e foi unha gran temporada. Teño alí moitos amigos, polo que é un partido marcado en vermello no calendario«.
O Viveiro. «Agardo un partido moi físico. Eles son un equipo moi forte na casa e tamén todo dependerá do estado no que se atope o campo. Será importante gañar máis segundas xogadas que o rival e conseguir atacar os espazos. Se logramos estar atinados nestes dous aspectos temos moitas opcións de traer os tres puntos para o Barco«.
A temporada. «Estou moi contento no Barco. É verdade que nos custou arrancar, pero creo que estamos mellorando pouco a pouco. Os xogadores estamos convencidos de que sacaremos esto adiante«.
A AXENDA
Primeira Galega Feminina
Antas -Sporting Cambre (Domingo ás 16:30 horas no Castro Seoane): logo do impresionante triunfo da pasada xornada diante dun Rosalía que chegaba invicto, as da Ulloa queren seguir a boa xeira fronte a un rival que está na metade da táboa.
Segunda Galega Feminina
Milagrosa – Orillamar (Domingo ás 16 horas no Luis Gorgoso): encontro propicio para consolidar praza no play off para as lucenses. O rival suma só seis puntos no que vai de campionato.
San Lázaro – Dumbría (Domingo ás 18 horas no Rodríguez Lago 1): posibilidade de completar unha gran tarde de fútbol feminino na capital lucense. Un triunfo das locais igualaría a puntos co seu rival.
Terceira Galega Feminina
Chantada – Monte Forte (Sábado ás 16:30 horas no Sangoñedo ): as locais queren manter o liderado e para iso deben vencer a un rival que chega logo de vencer os dous últimos partidos.
Terceira RFEF
Racing Vilalbés – Barbadás (Domingo ás 12 horas na Madalena): logo de colleitar unha derrota na última xornada e rachar a súa boa xeira, os de Juan Rodríguez queren retornar á senda da vitoria fronte ao pechancancelas.
Preferente Futgal
Pol – Dumbría (Domingo ás 12 horas no Municipal): máis que tres puntos en xogo para os de Labrada. En praza de descenso enfróntanse ao conxunto que marca a permanencia e que conta con dous puntos máis que os chairegos.
Primeira Futgal
Residencia – Monterroso (Domingo ás 16:15 horas na Cheda): os locais, segundos, reciben a un Monterroso situado na terceira posición. Un triunfo local deixaríalle a segunda praza encarrilada. Os de Fernandito queren consolidar posto de promoción.
Segunda Futgal
Riotorto – Alfoz (Domingo ás 16:15 horas na Veiga): o líder non pode dormirse cun Guitiriz imparable por detrás. Enfronte terá a un Alfoz que quere entrar en zona play off.
Santa Comba – San Roque (Sábado ás 16 horas en Tras do Novo): segundo contra cuarto con oito puntos de diferencia entre ambos. Un triunfo local deixaría ao San Roque con opcións remotas de acadar un posto de promoción.
Terceira Futgal
Mondoñedo – Cazás (Domingo ás 16:15 horas no Viñas da Veiga): os de Nico queren seguir invictos e poñer outro chanzo máis para o ascenso. Os visitantes queren sumar para seguir en zona de promoción.
Rubián – Quiroga (Domingo ás 16:15 horas no Poste): os locais, invictos na casa, queren acadar a segunda praza. Reciben a outros dos aspirantes aos que superan en só dous puntos.

