O Tres en Raia En Boas Mans desta xornada na Terceira Futgal déixanos goleadas de escándalo no grupo norte. Os dous conxuntos cabeceiros, Goiriz e Castroverde, venceron con moita comodidade a Friol B e Comercial, respectivamente. O Rioaveso gañou pola mínima ao Celeiro e segue aspirando á segunda praza, mentres que o Catro Roldas sorprendeu a un Matela que se lle atraganta a segunda volta.
No grupo sur, o Corgo venceu a un Sporting Lucense que cede o liderado ao Monterroso B. Os de Pampín venceron ao Carballedo e collen o mando da competición. O Río Sil rachou coa boa xeira do Taboada B, mentres que o Bóveda sumou o segundo triunfo da temporada fronte a un Relámpago Taboada que segue sen puntuar.
GRUPO NORTE
O Goiriz amosou a súa condición de líder e infrinxiu unha amplísima goleada ao Friol B (13-0). Encontro sen moita historia no Ventiño. Os de Manu Veiga saíron moi serios e con gañas de agradar e pasaron por riba dun Friol B que se viu superado polos chairegos. O 3-0 ao descanso non facía presaxiar unha goleada deste calibre, pero os visitantes baixaron os brazos co transcurso dos minutos. Vizoso foi quen de anotar cinco tantos.
Suma e segue o Castroverde que golea sen piedade á Comercial (0-8). Malia boa saída da Comercial non tardou o cadro local en facerse co dominio do encontro. Gelo e David anotaron antes dos vinte minutos de xogo. O segundo tanto fíxolle moito dano aos visitantes e ao descanso o marcador xa reflexaba un 0-4. O póker de David foi do máis destacado do encontro.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
O Rioaveso vence a un correoso Celeiro e segue na pelexa polo ascenso directo (2-1). Encontro de baixo ritmo o disputado en Paraños. O cadro local foi mellor no primeiro tempo e desperdiciou varias ocasións claras diante dun David Louzao moi inspirado na portería mariñá. Álex Anido abriu nun penalti protestado polos visitantes ao considerar que a infracción foi fóra da área. No segundo tempo, o Celeiro modificou o seu sistema de xogo e logrou o empate por medio de Mora, xa cando o Rioaveso xogaba con dez pola expulsión de Pedro. Non soubo xestionar o cadro de Martín Rodríguez a superioridade e nunha contra Iago Gesto marcou o segundo para os chairegos. O gardameta viveirense David Louzao tamén foi expulsado nos compases finais, nos que ámbolos conxuntos tiveron opcións para marcar.
O Abadín resposta cada golpe dun Roupar que mellora co paso das xornadas (3-3). Os xermadinos foron mellores no primeiro tempo. Non lle sentou ben ao Abadín o novo sistema táctico e aproveitouno o conxunto de Ángel Pena. Moha abriu a lata tras rematar un bo centro de Yosi e pouco despois Jaco transformou un penalti tras unha man na área. O segundo tanto espoleou ao Abadín e Vicente a piques estivo de recurtar diferencias. Ángel recurtou diferencias para os de David Lorenzo e Anxo mantivo ao Roupar coas súas paradas a disparos de Tontxu e Ferre. Malia todo, este último igualou o choque antes do descanso. O Abadín saiu mellor tras o descanso e rondou o gol con varias ocasións que novamente a inspiración de Anxo freou. Un centro chut de Moha puxo por diante ao Roupar con só dez minutos por diante, pero o Abadín non se deu por vencido e pechou na súa área aos xermadinos. Ferre contou cunha boa ocasión ata que no minuto 93 Izan marcou tras un bo servizo de Alberto.
Un gran Catro Roldas soprende ao Matela na Fonte (0-3). Posiblemente o mellor encontro do Catro Roldas no que vai de temporada. Os de Coto, coas liñas moi xuntas, levaron a cabo o seu plan de partido e foron moi superiores a un Matela descoñecido logo do visto na primeira volta de campionato, tamén castigados polas lesións. Antes do minuto vinte os visitantes xa tiñan dous goles de vantaxe, ambos dunha factura semellante. Dous roubos en medio campo remataron con balóns en profundidade a Yáñez que fabricou dous tantos. Os de Cuchi apenas xeraron ocasións de gol ata que na segunda metade obrigaron a intervir con acerto ao gardameta Torrente. No último tramo de encontro Omar rematou un bo centro de Dopico para sentenciar o choque.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/02/XORNADA-17.png)
GRUPO SUR
O Corgo volve a crer no ascenso directo tras gañar con claridade ao Sporting Lucense (3-0). Caeu o ata de agora líder fronte a un Corgo que se amosou superior. Malia todo foron os visitantes os que saíron mellor ao encontro e gozaron de varias ocasións que non lograron convertir en gol. Jordi abriu o marcador para os de Abel Rochela antes da media hora de xogo, no que foi un dos primeiros achegamentos dos locais. O Sporting Lucense non tivo o ritmo que o soe caracterizar e co marcador en contra apenas foi quen de inquedar a portería defendida por Harry. No segundo tempo o cadro local foi mellor aínda que a sentencia fíxose agardar. Dous tantos de Sebas no tramo final fixeron que os puntos quedaran na casa.
O Monterroso B vence ao Carballedo nun encontro parello e faise co liderado (2-1). O filial monterrosino é o novo líder tras vencer pola mínima ao Carballedo. Yoni avisou no primeiro minuto pero Sementa respostou con éxito. O fútbol directo predominou no Catro Ventos e nun rexeite Yoni abriu o marcador. O Carballedo chegou á portería contraria con certo perigo aínda que sen acerto. No segundo tempo os de Adrián Pateiro viron de preto o empate, sobre todo en varias accións a balón parado. Pero foi o Monterroso B o que fixo o segundo. Un saque de falta desde campo propio tocouno Toni e Yoni non perdoou ante Semanta. Preto do final, tras unha xogada por banda Doval recurtou diferencias. O Carballedo tentouno en varios saques de esquina pero os puntos marcharon para Monterroso.
O Río Sil remata con oito xornadas de imbatibilidade do Taboada B (2-1). Desde o 3 de novembro non coñecía a derrota o filial do Taboada. Foi na Carqueixa onde os de Jacobo Vázquez racharon coa súa boa xeira nun encontro no que o estado do campo obrigou a practicar un fútbol directo que beneficiou máis aos locais. Jorge adiantou moi rápido ao Río Sil e Sergio igualou desde o punto de penalti. No último tramo do primeiro tempo o Taboada B contou con moi boas ocasións de gol. No segundo tempo os visitantes comezaron tendo tamén boas opcións para marcar. O que perdoa no fútbol soe pagar e o Río Sil non desaproveitou as súas. Smaily marcou o tanto do triunfo e os locais volven a ter opcións de xogar o play off.
A Sarriana B remonta no segundo tempo diante do Chantada Atlético B (3-2). Primeiro tempo moi completo dos visitantes. Os de Ivi Gayoso buscaron saír con perigo á contra e así chegou o primeiro gol. Nun rápida transición Marcos foi derribado na área e Miguel non errou desde os once metros. O propio Miguel puxo terra de por medio cun gol olímpico aos trinta e cinco minutos. Antes do intermedio Javi dispuxo dun man a man diante do porteiro para recurtar diferencias, pero non o aproveitou. Os trocos melloraron ao filial sarriao no segundo tempo e os de Raúl tiveron máis templanza en ataque. Johan recurtou diferencias aos dez minutos do periodo final e o empate non chegou ata o tramo final do choque. Rubén igualou nun lanzamento maxistral de falta e Saúl xa co tempo cumprido aproveitou un bo servizo de Guti para culminar a remontada.
O Bóveda logra o triunfo unha volta despois fronte ao Relámpago Taboada (0-1). Un erro defensivo dos locais aos sete minutos aproveitouno Janoisi para lograr o único tanto do encontro. O Bóveda soubo defender con certo orde o resultado, malia que o Relámpago contou con boas ocasións de gol, sobre todo no segundo tempo. A falta de acerto privoulle aos locais de estrear o casilleiro de puntos no campionato.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)