Terceiro triunfo consecutivo, quinto nas sete xornadas da fase de permanencia. A gran regularidade do Viveiro nesta carreira por manter a categoría outórgalle oito puntos de vantaxe cos postos de descenso con cinco xornadas por diante para rematar a temporada.
Como estaba previsto, o encontro non foi sinxelo para os mariñáns no campo do Carballo ante un Atios que sempre vende cara a súa pel como local. Esta foi a súa primeira derrota na casa na segunda fase. As primeiras ocasións foron para os pupilos de Yago Yao. O seu dianteiro Kiko Mintegui puxo a proba a Manu Cedrón en dúas ocasións. A primeira preto do cuarto de hora de partido e a segunda cumprida a media hora, na que o gardameta interviu decisivamente para enviar o balón ao longueiro. A primeira ocasión do Viveiro tívoa Tichu, pero Diego desviou o lanzamento do de Outeiro a córner.


Co marcador inamovible, Chusky modificou a punta de ataque no descanso. Rolle relevou ao capitán Álex Meitín na procura de máis presenza na área rival, aínda que lle costou xerar ocasións a un Viveiro que viu como o Atios chegaba con máis claridade á súa área. Christian e Jony gozaron de dúas claras ocasións para adiantar ao cadro local, pero non estiveron acertados. Con vinte minutos por diante, Tichu protagonizou unha das ocasións máis claras do encontro ao rematar ata en dúas ocasións facendo intervir con éxito a Diego. Tan só dous minutos máis tarde Adrián Mouriño viu a segunda tarxeta amarela e deixou aos seus con dez. A acción foi moi protestada polos xogadores dun Atios que, en inferioridade, deron un baixón que aproveitou o Viveiro para facerse co dominio do encontro.
O único tanto do partido chegou no minuto 86. Tichu, o mellor dos mariñáns sobre o céspede do Carballo, aproveitou un balón que a zaga local non acertou a despexar e superou ao gardameta local.

Na vindeira xornada o Viveiro recibirá en Cantarrana á UD Ourense que vén de perder no Couto ante o Estudiantil.