O Chantada non puido superar ao Cultural Areas na semifinal da Supercopa Galicia. Os locais venceron aos lucenses por 2-0 nun encontro no que un gol de Fernando Méndez antes do descanso fixo a tarefa moi difícil para o conxunto de Adrián Traste. O gran traballo do campión da Copa Deputación ao longo da competición tamén afianzou o seu traballo de cara á vindeira tempada, na que loitarán por estar na zona alta da táboa da Primeira Futgal e soñar co ascenso á Preferente.
Un Chantada que fixo moitos méritos
O encontro para o conxunto chantadino comezou seguindo o guión que tiñan establecido, aguantando a un Cultural Areas que buscaba dominar e ter as maiores oportunidades aproveitando o factor campo. Todo ía ben ata antes do descanso, onde o gol de Fernando Méndez comezou a construir a vitoria local. Na segunda parte, o tanto de Javi Vila pechou prácticamente a eliminatoria a favor do conxunto de Ponteareas, que espera ao Negreira na final.
Para o técnico do Chantada, Adrián Traste, o resultado «foi unha pena porque no global fixemos méritos para gañar. Na ida puidemos levarnos o encontro polas ocasións que tivemos. O partido respondeu ao guión e o Areas subiu o nivel. O gol puxo todo costa arriba e, pese que arriscamos, non o puidemos conseguir. Estamos moi contentos por como competimos ante un equipo que é de superior categoría e que supera por moito o noso presuposto».
Unha forma de preparación para unha tempada ilusionante
Dentro do Chantada teñen claro que queren facer o largo desta tempada. «O obxectivo sigue sendo manter a liña das últimas tempadas. Chegamos a estar en dúas fases de ascenso e queremos seguir sendo compeitivos na parte alta e a partir de aí a ver onde nos pon a competición. Non temos unha gran presión, xogamos con xente da canteira e sen ningún salario. Somos ambiciosos e intentaremos estar na parte alta para loitar polo ascenso», afirma Traste.



O técnico do equipo ten clara a valoración dos seus rivais para a vindeira tempada. «O Ribadeo parte como favorito, pero a partir de aí Escairón, Castro e Residencia están aí e hai moitos candidatos a estar na parte alta da competición. Vai ser moito máis igualada que en anos anteriores porque o nivel da zona baixa tamén subiu moito. Trataremos de ser regulares para poder loitar por ascender», destaca.