O San Lázaro vence e segue na loita polo ascenso

SD Antas e Monte Forte tiveron xogada de descanso.

A efectividade do Sárdoma derrota ao PM Friol

Pese ao resultado (PM Friol 2 – 4 Sárdoma), o partido foi máis igualado do que se podía pensar e máis cando as friolesas quedaron con 10 xa na primeira parte.

O Sárdoma saiu con forza ao partido e, sobre todo, con gran efectividade, o que lles permitiu pórse cun 0-3 antes de chegar ao descanso grazas a dous goles á contra e, un máis, dende o punto de penalti logo de que unha xogadora friolesa agarrara a unha rival dentro da área, propiciando o penalti que remataría en gol e tamén a súa expulsión.

Aínda con todas as dificultades tanto no marcador coma no céspede, o PM Friol non se meteu atrás. Quixo ir a polo partido, un encontro que foi moi estrano e no que as friolesas tiveron numerosas ocasións, pero a falta de efectividade custoulles cara e, ademais, viron como 2 goles se anulaban.



Finalmente, só Balo e Patri conseguiron anotar, recurtando diferenzas nun partido no que o PM Friol nunca se rendeu e, probablemente, merecía máis.

Derrota do CD Lugo nun partido moi impreciso

Encontro malo de ambos equipos, con moitos erros e sen un dominador claro; mais a vitoria acabou do lado das locais, o Lóstrego.

En Gondomar apenas se viron ocasións e o equipo con maior eficacia levouse o partido. O CD Lugo non foi quen de conseguir meter o balón no fondo da rede mentres que si o fixo o Lóstrego con dous goles por medio de Alba Ferre nos primeiros minutos da segunda metade.



Porén, no encontro ambos conxuntos semellaban estar xa máis pendentes da tempada que vén que da que aínda está en curso.

Derrota do filial friolés na casa do Meicende

Típico partido de fin de tempada no que ningún equipo se xoga nada e a ambición brilla pola súa ausencia.

Porén, o Meicende, como local, quería lucirse diante da súa afección e saiu con máis gañas e ritmo de xogo. O PM Friol B acusaba ademais as dimensións do campo, bastante grande, e no que o equipo amarelo se sente máis incómodo.

Así, tres goles do Meicende condenaron ás friolesas que, noutro momento da tempada, de seguro tiveran dado batalla mais, a esta, non semellaron presentarse con ganas de loitar.

Vitoria para o filial lugués que puido ser maior

O CD Lugo B recibía ao Silva en Lugo nun partido no que as de Iria amosaron un claro dominio dende a primeira parte, con moitísimas oportunidades para anotar e levando o ritmo do xogo. Ánxela tivo dúas ocasións moi claras con dous disparos que bateron contra o pau e tamén Xiana, que nun tiro de falta, volveu atoparse co travesaño.



A falta de eficacia impediu que o CD Lugo chegara cunha ampla vantaxe ao descanso, mais aínda así, os dous goles Xiana (17′ e 35′), un deles de falta; daban xa unha cómoda marxe a favor ás albivermellas.

O Silva trataba de buscar solucións, mais un CD Lugo B ben situado impedíalles ás visitantes cruzar cara campo contrario e ter algunha oportunidade.

Partido cómodo para o equipo lugués que, aínda que puido colleitar un resultado moito máis abultado, amosou ser o gran domindor do xogo, moi cómodo sobre o céspede.

A SD Chantada sufre máis do merecido ante o líder

A SD Chantada chegou a Vigo para enfrontarse ao líder, o San Roque Casablanca, cunha idea clara: tentar non encaixar tantos goles como na primeira volta e evitar unha goleada.

Así, as chantadesas dispuxeron sobre o verde un sistema 5-4-1, tratando de ser sólidas en defensa para parar as pretensións do Casablanca e, a partires de aí, buscar anotar mediante balóns longos á contra.

A idea non foi equivocada e, en moitas ocasións, conseguiron parar os ataques das líderes, chegando a desquicialas por non ser capaces de penetrar a defensa mais, con dous disparos dende fóra da área, as viguesas abriron un marcador que remataría sendo de 8-0.

Aínda que as chantadesas nos primeiros intres conseguiron manter máis ou menos a raia os ataques rivais, o cansanzo físico foi facendo mella e, ante a falta de cambios, seguir defendendo coa mesma intensidade que nos primeiros intres foi imposíbel, circunstancia aproveitada como non, pola calidade do Casablanca para anotarse unha nova goleada.

A Milagrosa lévase a vitoria ante o Carballedo nun partido moi desputado pese ao marcador

Pese ao abultado do resultado que indicaba co asubío final o luminoso: 8-4 con vitoria para a Milagrosa, o certo é que foi un partido fermoso, moi desputado por ambos conxuntos.

Nos primeiros 25 minutos o dominio foi moi superior da Milagrosa, pero o Carballedo cambiou o sistema e conseguiu igualar as tornas e recurtar as diferenzas do 4-0 inicial a un 5-2.

O Carballedo seguiu tentando remontar o partido, pero un gran desempeño da gardameta da Milagrosa, Rosalía, impediu que as pretensións das de Sementa se fixeran realidade pese a pórse cun 5-4 no luminoso.

Na recta final, o físico custoulle caro ás xogadoras do Carballedo, que pagaron un mellor estado de forma das xogadoras da Milagrosa que, ademais, tiñan cambios dispoñíbeis mentres que Sementa só levaba unha xogadora de reposto.

Así, a Milagrosa anotou outros 3 goles para facerse coa vitoria nun gran partido de Lucía Martínez, que firmou 4 dos 8 goles do seu equipo.

Derrota da Comercial na casa do Santiso

Aínda que a Comercial saiu a gañar nun partido contra as líderes, a calor abafante e as baixas no equipo dirixido por Vicky impediron que as luguesas puideran facerse coa vitoria.

Aguantaron o empate non só nos primeiros 45 minutos, senón tamén os primeiros intres da segunda, pero a calor facía mella e, ao só dipor dun cambio dispoñible, a Comercial pagou o esforzo físico.

As xogaddoras luguesas amosaron que querían xogar o encontro e que non estaban dispostas a agasallar nada ás líderes. Chantáronse cunha gran defensa e facendo un gran traballo coral, mais a calidade e físico do Santiso rematou por impoñerse.

Un partido que, pese ao 3-0 final, é para sentírnse orgullosas para as xogadoras da Comercial.

O San Lázaro imponse ao Nicrariense e arrebátalle o 2º posto

O San Lázaro soubo impoñerse ante un rival tan complicado como o Nicrariense (que ían segundas) e facelo na súa casa. Ademais, o San Lázaro tivo que acudir ao encontro só con 12 xogadoras por situacións persoais dalgunha delas de causa maior, o que aínda poñía máis complicado todo.

Porén, as de Rubén Candal fixeron un partido moi serio, moi colocadas… sabendo que unha vitoria era esencial para manter vivas as posibilidades de ascenso nesta gran tempada feita polas luguesas.

Pese a que as baixas obrigaron a algunhas xogadoras a desempeñarse en posicións que non son as súas naturais, todo o equipo fixo un traballo moi serio, moi concentradas. Un partido de mérito que enorgullece a todo o equipo.

Irene e Douaa anotaron os dous goles que deron a vitoria, 1-2, ao San Lázaro no Cepelo.

O San Lázaro vence e segue na loita polo ascenso

A Sarriana B xa é de Segunda

O San Lázaro vence e segue na loita polo ascenso

O San Lázaro vence e segue na

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *