Unha de cal e outra de area na Terceira. O Polvorín acadaou unha cómoda vitoria diante do Sofán mentres que o Viveiro caeu en Cantarrana nun encontro marcado en vermello diante do Xuvenil de Ponteareas. Na Preferente, o derbi provincial entre o Lemos e o Escairón caeu do lado local. O Ribadeo gañou con solvencia ao San Tirso, mentres que o Santaballés e o Foz acadaron sendos empates nas súas visitas ao Mugardos e ao Victoria, respectivamente. A Residencia afrontou a súa xornada de descanso e o Racing Vilalbés e a Sarriana víronse obrigados a descansar por varios casos de Covid-19.
O Polvorín golea ao Sofán nun encontro relativamente cómodo (3-0).
Dominio total do conxunto lucense durante todo o partido. Os de Álex Ortiz tiveron o control do balón e imprimíronlle o seu ritmo a un encontro que non tardou en poñérselles de cara. Idrissa, que debutou na xornada intersemanal, fixo o seu primeiro tanto coa camisola do Polvorín ao aproveitar un balón ao espazo, regateou ao gardameta e rematou ao fondo da portería. Co marcador a favor, os lucenses baixaron un pouco o ritmo, aínda que o Sofán nunca chegou a inquedar a portería de Julen.
O comezo da segunda metade foi un calco da primeira. Dominio absoluto do Polvorín e gol. Desta volta en xogada individual de Julio. A sentencia tardou en chegar. A falta de seis minutos para o final un bo centro de Luis Castro rematouno Rojo case desde o chan.
Dura derrota do Viveiro diante dun rival directo pola permanencia (0-1).
O Viveiro non elixiu un bo día para amosar a súa peor versión. O encontro apuntaba a trascendental diante dun rival directo na pelexa por evitar o descenso, un Xuvenil de Ponteareas que apenas sufriu en defensa na súa visita a Cantarrana.
Estreouse Berrocal no once de David Páez, así como Chenkam que xa fixera a súa estrea desde o banquiño, pero o cadro celeste acusou as baixas de xogadores importantes. Apenas xerou perigo en ataque o Viveiro, falto de ideas, mentres que o seu rival, moi ordeado en defensa, renunciou case por completo ás accións de ataque.
O que era un encontro claramente destinado ao empate a cero truncouse a falta de dez minutos para o final. O colexiado sinalou penalti logo dun centro lateral que bateu no brazo de Álex Meitín e Carlos Cora non errou desde os once metros. Nos últimos intres tentouno o Viveiro e só Do Carmo encontrou portería cun remate que detivo Dani Sampayo sen excesivos problemas.
O Lemos aproveitou mellor as súas oportunidades e adxudicouse o derbi diante do Escairón (3-1).
Encontro típico dun derbi na Pinguela. Escaso ritmo e moitas interrupcións nun partido no que o cadro local aproveitou mellor as súas ocasións para acadar tres puntos que o manteñen na zona alta da clasificación.
Non tardou en adiantarse o Lemos cun tanto de Mauro logo dunha falta lateral, pero o Escairón reaccionou de contado e Moha empatou ao rematar unha falta botada por Carrasco de xeito preciso. Co marcador en tablas os de Alberto López tiveron os seus mellores minutos e nunha boa xogada por banda entre Castro e Armesto rematou co tanto deste, logo de superar con calidade ao gardameta Álex Ávila. Antes do descanso, o cadro monfortino puxo terra de por medio, cun penalti protestado polo Escairón que Sidibé transformou.
Na segunda metade o Escairón levou máis a iniciativa e contou con ocasións para, cando menos, recurtar diferencias no marcador pero non estiveron acertados. Nos últimos compases, Arias e Varela tiveron a opción de sentenciar.
O Ribadeo superou con claridade ao San Tirso e súmase á pelexa pola promoción de ascenso (3-0).
Posiblemente o encontro máis cómodo da temporada para o Ribadeo, nun día no que se presaxiaba unha dura batalla diante dun rival situado por enriba dos mariñáns na clasificación. Os de Dani Moirón non tardaron en facerse co dominio do partido e no primeiro achegamento con perigo viuse un dos mellores goles da temporada, obra de Iván, que conduciu o balón e desde o vértice da área colocou o balón na escadra oposta. Non tardou en chegar o segundo. Nunha rápida contra que comezou nas botas de Santi e continuou coa velocidade de Xairo que colocou un preciso balón que deixou a Iván só ante Unai, e este definiu á perfección. Antes do descanso o Ribadeo puido sentenciar. Nun lanzamento de libre indirecto desde dentro da área o ex do Racing Vilalbés Denis detivo o balón coa man. O colexiado sinalou penalti e expulsou ao atacante coruñés. Sen embargo, Criss non acertou desde os once metros. A única nota negativa dos primeiros corenta e cinco minutos foi a lesión de Dapo, que tivo que ser sustituido polo xuvenil Del Viso, que cumpliu con nota no mediocentro.
Na segunda metade o adestrador visitante trocou varias pezas na procura de máis presencia ofensiva, pero o San Tirso apenas xerou perigo algún. Tan só un lanzamento lonxano de Luismi que detivo sen problemas Dos Santos. Os de Dani Moirón controlaron o partido e falta de vinte minutos sentenciaron o choque. Nunha xogada por banda dereita entre Matelo e Xairo rematou co lanzamento deste último pegado ao pao que soprendeu ao gardameta do San Tirso.
Sufriu o Santaballes, pero sumou un punto de mérito no campo do Mugardos (0-0).
Primeira metade de dominio local. O Mugardos chegou con perigo a área do Santaballés e contou con claras ocasións para desnivelar o encontro, pero a boa actuación do gardameta Adrián ou a falta de definición mantiveron o empate no marcador.
Logo do paso por vestiarios, os de Juan Rodríguez estiveron máis firmes en defensa e concederon menos ocasións ao Mugardos. A partir do primeiro cuarto de hora, o Santaballés gozou da mellor ocasión para adiantarse cun testarazo de Miguel que saiu fóra por pouco. A falta de dez minutos para o final, Muñiz viu o segundo cartón amarelo nunha acción moi protestada polo cadro chairego. Tocou poñer o mono de traballo defensivo para evitar a derrota nos últimos intres e poder así sumar un valioso punto de cara a permanencia.
Un tanto de Canario no minuto noventa evitou a derrota do Foz (1-1).
O Foz pelexou ata o final e arañou un punto no campo do Victoria, nun encontro no que ámbolos conxuntos tiveron ocasións para que o marcador fose máis abultado. O equipo adestrado por Gayol foi mellor na primeira metade. Gonzalo cun remate ao pao, un remate de Diego e varios achegamentos con perigo puxeron en serios apretos a un Victoria que, sen embargo, foi quen de adiantarse no marcador. A falta de catro minutos para o descanso, Martín cun bo lanzamento de falta superou a Rubén.
Na segunda metade o conxunto coruñés levou a iniciativa e o Foz buscou xerar perigo á contra. Tivo que agardar ata o minuto 90 para acadar o premio do gol. Nun saque de falta, o capitán Canario puxo o balón na escadra, imposible para o gardameta local.