Non foi unha xornada boa para o Trío de Ases do Cantón, xa que só o Racing Villalbés foi quen de gañar o seu encontro, 1-0 ao Gran Peña con un tanto de Make. Pese a que na Terceira non houbo derrotas, xa que Viveiro e Lugo B lograron o empate, no resto de competicións só puido sumar o Pol, 2-2 ante o Paiosaco. Sarriana, Lemos e Burela caeron nos seus encontros fóra da casa.
O Racing Villalbés, o único capaz de gañar
O Racing Villalbés gañou ao Gran Peña por 1-0 e alimentan unha xeira de catro vitorias consecutivas que o establecen na segunda posición. Foi un encontro moi aberto no que, desde o comezo, os de Juan Rodríguez tiveron boas chegadas xa na parte inicial. Pese a iso, Santomé tivo que actuar nos primeiros minutos para deter un man a man. Os chairegos explotaron o balón parado no minuto 18 para que Make inaugurose o electrónico na Magdalena.
O Racing Villalbés tivo unha gran oportunidade antes do descanso cun cabezazo de Cadra ao largueiro. Foi no segundo tempo onde os locais tiveron o dominio do encontro e as ocasións. Pablo Trigo e Javi Rey toparonse con Andrés Álvarez nas máis claras do encontro. Nos últimos minutos, o conxunto vigués deu un paso cara adiante, pero os chairegos mantiveronse fortes para pechar tres puntos máis e seguir na persecución do Compostela.
Da derrota a case gañar en só 10 minutos
O Viveiro viviu un encontro trepidante ante o Alondras que rematou por 2-2. O inicio non tivo moita profundidade, pero a presión dos de Alberto López permitiulles ter dúas ocasións moi claras cos disparos de Rolle e Kablik que detivo Brais en ambos casos. No minuto 28, Luismi rematou un corner no segundo pau para que o conxunto do Morrazo abrise o marcador. A segunda parte arrincou cun guión semellante, xa que o dominio e as ocasións eran dos da Mariña

En cambio, o Alondras voltou a golpear cunha contra que rematou tras un centro ao segundo pau Yelco Alfaya para facer o segundo. Só quedaban nove minutos, pero o Viveiro quería reflectir a superioridade que tivo durante todo o encontro para sumar algo. Diego Fernández e Diogo, con goles no 85 e no 89, puxeron as táboas e, incluso, os de Alberto López estiveron a piques de atopar un terceiro tanto que lles daría a vitoria, pero tiveron que conformarse co punto.
Táboas, pero mesma distancia co play off
O Lugo B empatou por 1-1 no sempre complicado Os Carrís de Barbadás. O filial albivermello non tivo o seu día, sobre todo na primeira metade. Os de Dani Galán non atoparon a profundidade mentres o equipo local puido aguantar en bloque baixo con fortaleza. O ritmo faltaba para poder ter oportunidades e o Barbadás aproveitou erros para transitar, pero nos disparos toparonse cun Candal que respondeu en varias ocasións para poder manter a igualada.
Os lucenses cambiaron o encontro na segunda parte. Tiveron máis oportunidades e controlaron máis o encontro, cunha proba aos 30 segundos de Samu que case se convirte no primeiro tanto. No minuto 58, Tomás aproveitou un corner para facer o primeiro tanto do encontro, o que reforzou a melloría do Lugo B. Con máis oportunidades, parecía que os lucenses podían aumentar a vantaxe, pero un erro en saída de balón provocou un corner que, tras quedar o balón morto, aproveitou Kevin para empatar.
Dominio con remontada incluída
O Pol logrou un empata no Municipal por 2-2 ante o Paiosaco nun encontro no que dominaron, pero tiveron que remontar. Pese a que contaron con dous bos mans a mans na primeira parte de Omar e David, dous remates do propio David nos que un foi ao pau e outro detivo o porteiro, e un tiro de Alesito que salvou un defensa, o resultado sería negativo. Unha contra e un erro en defensa provocaron que Dani Fernández e Jorge Raña puxesen o 0-2.
Os de Labrada saíron en tromba a polo encontro e lograron empatar cedo. No minuto 66, Marco recortou a distancia e, dous minutos despois, Alesito igualaría o encontro. Omar tivo a vitoria na súa cabeza, pero Hugo volveu sacar un paradón que privou aos chairegos da vitoria. A mala noticia para o Pol foron as lesións tanto de Álex Pérez como de Alesito.
Tres visitas sen premio
Os encontros coma visitantes non tiveron premio nesta xornada. A Sarriana caeu ante o Lealtad por 3-1 nun encontro no que os de Dani Giménez tiveron oportunidades, pero non foron quen de definir. Baba abriu o marcador no minuto 28 e, xa na segunda parte, William empataría o encontro cun cabezazo. O golpe chegou no 65 cando Krehl fixo o segundo dos asturianos e 8 minutos máis tarde, Marcos Blanco converteu un penalti. A boa noticia para a Sarriana foi o debut de Rubén Mourelo, canteirán, na categoría.
O Lemos perdeu o segundo posto da táboa da Preferente Sur ao caer ante o Pontevedra B por 2-1. Os de Edu Rodríguez adiantáronse cun tanto de Guitián e tiñan o control total do encontro ata un penalti non pitado a Sergio que deparou, posteriormente, na súa expulsión por doble cartón amarela. Pese a iso, o Lemos tivo un gol anulado moi discutido. Os pontevedreses igualaron cun tanto de Manu Galego e, no 87, Sergio Canosa deulles a vitoria.
O Burela, pola súa parte, caeu por 2-0 ante o Cidade de Ribeira. Os de Oke, que siguen na zona tranquila da clasificación, cometeron dúas imprecisións na segunda parte que lles costaron a vitoria. Un erro nun despexe rematou nun man a man que se converteu no tanto de Aguado. A sentencia chegou nun balón á espalda na que Anthony puido converter o segundo gol do encontro.
Foto do Racing Villalbés.


