O Trío de Ases O Cantón déixanos a derrota do Racing Vilalbés no campo do Guijuelo. Os chairegos, perxudicados pola vitoria da Ximnástica Torrelavega, queda en posto de descenso a tres puntos do play out e xa a cinco da permanencia con seis en xogo. Na Terceira RFEF pleno de vitorias para os nosos. A Sarriana venceu, con remontada, no campo do Alondras e o Polvorín fixo o propio no feudo do Rápido de Bouzas. O Viveiro venceu ao Estradense en Cantarrana. Na Preferente só o Ribadeo foi quen de gañar. Fíxoo no Pepe Barrera fronte ao Montañeros. A Residencia sumou un punto no campo do As Pontes que non o saca do descenso. Lemos e Castro caeron con claridade nos campos de Noia e Sofán, respectivamente.
O Racing Vilalbés cae na súa visita ao Guijuelo e queda sen marxe de erro (2–0)
A derrota en terras salmantinas deixa ao Racing Vilalbés a tres puntos do posto de play out ocupado pola Ximnástica de Torrelavega e xa a cinco do Marino, situado fóra do perigo. A falta de dúas xornadas para o final, os de Simón Lamas deben vencer na Madalena ao Coruxo e agardar os resultados dos rivais para seguir con opcións de manter a categoría.
O Racing Vilalbés realizou un gran primeiro tempo diante dun Guijuelo que ten garantido un posto na promoción de ascenso. Os chairegos chegaron con máis perigo á portería rival, aínda que sen acerto no remate.


No segundo tempo os locais comezaron mellor e non tardaron en adiantarse no marcador. Foi un mal momento para o Racing coa lesión de Pablo Rey e na seguinte xogada Adrián Pica, nun saque desde o curruncho, abriu o marcador para o Guijuelo. O encontro abriuse xa que ao Racing non lle servía o marcador pero os vilalbeses non foron quen de atopar o camiño do gol. Foi un ourensán, ex do Polvorín o que sentenciou para o Guijuelo. Xabi, cun bo lanzamento desde fóra da área fixo o segundo.
Ademáis da lesión de Pablo Rey e a xa sabida de longa duración de Vérez, o Racing non poderá contar por sanción diante do Coruxo con Quico, expulsado nos últimos intres de partido, Álex Pérez e Isaac.
A remontada da Sarriana no desconto volta a abrir a esperanza no play off (1-2)

O triunfo no campo do Alondras sitúa de novo á Sarriana preto dos postos de promoción de ascenso. Aos de Jorge Cuesta costoulles levar a cabo o seu xogo combinativo aínda que co paso dos minutos fixéronse dominadores do xogo. Diego Rey e Boedo contaron con boas ocasións de gol e Tijan foi unha ameaza constante por banda. O Alondras adiantouse no marcador preto do intermedio nun penalti dubidoso cometido por Javi Liz que transformou Mauro.
No segundo tempo a Sarriana seguiu chegando con perigo á área rival e non tardou en chegar o empate. Boedo aproveitou un servizo de Diego Rey para batir ao porteiro na saída. O encontro entrou nos seguintes minutos nunha fase de alternativas no que calquera dos dous conxuntos puideron saír vitoriosos. Pero foron os sarriaos os que levaron o gato á auga. Xa no desconto Diego Rey presionou a un zagueiro e German roubou o balón e batiu ao porteiro local.
O Polvorín vence no Baltasar Pujales e acariña a permanencia (1-2)
Vitoria trascendental do Polvorín diante do Rápido de Bouzas na súa pelexa pola permanencia. Os de Dani Galán púxeronse por diante no marcador cun remate de Arhon no segundo pao tras un bo centro de Lizancos. As ocasións sucedéronse para os lucenses nun primeiro tempo no que foron claramente mellores que o cadro local. Rubal, Mario e Arhon contaron coas máis claras. O Rápido de Bouzas optou por xogar directo co seu punta Cellerino pero non inquedaron a portería de Brais ata que ao borde do descanso chegou o empate, nun desaxuste defensivo que aproveitou Cellerino.
No segundo tempo o Polvorín non tivo o control do xogo, sobre todo nos primeiros vinte minutos. Os trocos e un axuste no sistema de xogo devolvéronlle ao filial albivermello a batuta do encontro e Rubal fixo o segundo tras superar no man a man a Brais Pereiro. Os lucenses aproveitaron os espazos que deixou o Rápido e á contra contaron con ocasións para sentenciar. A máis clara un lanzamento de Rubal ao longueiro.
Un solitario tanto de Gamarra dalle ao Viveiro tres puntos de ouro diante do Estradense (1-0)
O conxunto celeste olla de preto a permanencia logo de vencer en Cantarrana ao Estradense, conxunto ao que supera na táboa clasificatoria. Os visitantes comezaron mellor e puxeron en serios apretos ao Viveiro. Sobrido contou coa ocasión máis clara, pero no man a man saiu vitorioso o gardameta Ayoub. Pouco despois Ander Bellido rematou moi preto do pao. A partir do ecuador do primeiro tempo o Viveiro nivelou o encontro e apenas se viron ocasións de gol.
Tras o paso por vestiarios Alberto López deulle entrada a Cora e pouco despois a Gamarra e o cadro local foi moito máis vertical. A primeira ocasión clara tívoa Arturo e pouco despois Gamarra obrigou a intervir en dúas ocasións ao gardameta Israel. Na terceira tentativa chegou o tanto viveirense. Un golazo de Gamarra que sirve aos mariñáns para lograr tres puntos vitais. O Estradense buscou o empate e o Viveiro exhibiu a súa seguridade defensiva. Ayoub, que estivo moi seguro ao longo de todo o partido, detivo un lanzamento de Brais Calvo preto do final.
O Ribadeo racha a mala xeira cun triunfo diante do Montañeros (2-0)ç+
Vitoria fundamental nas aspiracións do Ribadeo de fuxir da zona de perigo na Preferente nunha tarde con moito vento que dificultou o xogo. Os pupilos de Pichi saíron moi ben ao encontro e contaron coas ocasións máis claras nada máis comezar. Asier, tras driblar ao seu defensor disparou e Guillermo moi atinado enviou a córner. Pouco despois Álex Meitín gañou liña de fondo e o seu pase rematouno en boca de gol Castrín, pero de novo o gardameta enviou a saque de esquina. No lanzamento deste rematou de cabeza Simón e un defensor sacou o balón baixo paos. As ocasións non entraron e co paso dos minutos o Montañeros deu un paso adiante e fíxose co control do partido. Rubén Sande disparou desde fóra da área no primeiro achegamento dos coruñeses á portería de Carrera, xusto antes de que o Ribadeo sacudira o dominio visitante co primeiro gol. Nun balón á área prolongou Asier e Álex Meitín cun potente disparo superou a Guillermo. Antes do descanso Diego Ferreiro ampliou diferencias no marcador cun potentísimo disparo que sacudiu o longueiro e colouse na portería.
No comezo do segundo tempo o Monteñeros realizou dous trocos e os de Jairo Arias tiveron o control do xogo, pero apenas inquedaron a área dun Ribadeo que se adicou a manter a vantaxe colleitada no primeiro tempo. Ata que faltaban dez minutos para o final non se viron ocasións de gol. Izan, á saída dun córner, tivo a primeira e xa no tempo de desconto Lucas obrigou a intervir a Carrera xuto cando o colexiado sinalou o final.
O Lemos perde na casa do líder tras xogar unha hora en inferioridade (3-0)
Non puido sumar o Lemos na visita ao campo do Noia, líder destacado e que pode ser equipo de Terceira RFEF na vindeira xornada. Pero os monfortinos levaron a cabo á perfección o seu plan de partido nos primeiros trinta e cinco minutos. O Noia tivo a posesión e o Lemos ben situado en defensa buscou saír á contra, e fíxoo con certo perigo. Os de Iván Carril non xeraron ningunha ocasión diante da portería de Losada. Sobrepasado o minuto 35, Dafonte viu o segundo cartón amarelo e o Lemos quedou con dez, feito que marcou o devir do encontro.
No comezo do segundo tempo o Noia logrou adiantarse tras unha boa xogada colectiva. Iker Carril marcou en posible fóra de xogo. O Lemos volcouse na procura do empate e os locais aproveitaron os espazos para sentenciar o choque con dous tantos de Anxo no último tramo de encontro, o segundo deles de falta directa.
O Castro sae goleado do Carral nun encontro cun marcador demasiado abultado (4-0)
Resultado negativo para o Castro que non é capaz de saír dos postos de perigo. O Sofán castigou aos chairegos cunha gran efectividade nun encontro no que o marcador é demasiado abultado para o visto ao longo dos noventa minutos. O primeiro tanto local chegou ao cuarto de hora de xogo nun penalti moi dubidoso que transformou David Bandera. Pouco despois, nun erro defensivo, Javi Souto batiu a Josema. O Castro mellorou e chegou á portería contraria con perigo con Marino e Fito como protagonistas.
O segundo tempo comezou do peor xeito para o Castro. Outro erro na zaga costoulle un gol, obra de Martín Pereira. Non se veu abaixo o Castro que tentou recurtar diferencias, pero sen acerto de cara a portería contraria. Currás completou a goleada para o conxunto local.
A Residencia iguala no campo do As Pontes nun encontro no que se impuxo o medo a perder (1-1)
Encontro entre dous equipos situados en posto de descenso aos que o empate non lles sirve para saír a flote. Ámbolos dous equipos evitaron riscos e iso fixo que apenas se viran ocasións de gol. O As Pontes logrou adiantarse nunha xogada por banda dereita que finalizou cun centro que rematou o ex da Sarriana Echavarri.
No segundo tempo a Residencia levou o peso do partido diante dun cadro local moi replegado. A falta dun cuarto de hora para o final un centro de Dani Renda rematouno no segundo pao Pereira establecendo o empate. Pouco despois o conxunto lucense acariñou a vitoria cun lanzamento de Dani Renda que saiu moi preto da escadra.
