#Fútbol afeccionado #Terceira RFEF

O Racing Vilalbés gaña na Ribela, pero a Sarriana avanza á final galega polo ascenso

A Sarriana será o representante lucense na final galega polo ascenso. Os de José Antonio Rodríguez souberon sufrir nun encontro que foi á prórroga e mesmo desperdiciaron boas ocasións para deixar o encontro sentenciado.

O rival será un Estradense que superou con certa comodidade ao Noia. A ida desputarase o vindeiro fin de semana na Ribela e a volta no Municipal da Estrada no fin de semana do 8 de xuño. O vencedor enfrontarase ao gañador da eliminatoria murciana entre o Santomera e o Atlético Pulpileño, conxunto que fora rival do Racing Vilalbés no 2018.

O encontro comezou moi parello e escaso de ocasións de gol. A Sarriana tivo máis o balón, pero apenas xerou perigo a unha zaga do Racing Vilalbés que se amosou moi segura. Co paso dos minutos o Racing Vilalbés xogou máis en campo contrario e no primeiro achegamento claro chegou o gol. Borja Míguez prolongou e Jose Varela centrou para que Cañi rematara ao fondo da portería cunha espectacular volea. Coa eliminatoria igualada marchou o encontro ao descanso.

Tras o paso por vestiarios a Sarriana estivo mellor. O Racing Vilalbés non lle sacou partido á súa maior profundidade de banquiño e os locais sobrepuxéronse ás importantes ausencias de Keko e Boedo e gozaron de boas ocasións para marcar protagonizadas polo ex racinguista Santi Gegunde. O Racing Vilalbés apenas inquedou a portería de Pirot. No último tramo de encontro a sensación era que a eliminatoria se ía decidir na prórroga e así foi.



Coa necesidade dos chairegos de facer gol para darlle a volta á eliminatoria polo peor posicionamente ligueiro, Alberto López deulle entrada a Fito e Vicente. Os trocos non deron os seus froitos de xeito inmediato e foi a Sarriana quen tivo dúas ocasións para deixar a eliminatoria vista para sentencia. Na que puido ser a mellor xogada do encontro, o balón chegou a Sané, que driblou a Jose Varela e o disparo do extremo estrelouse no longueiro. O rexeite caeulle a Azael que fixo intervir con éxito a Álex Santomé.

No segundo tempo da prórroga o Racing Vilalbés deu un paso adiante e puido darlle a volta á eliminatoria. Un disparo potentísimo de Cañi bateu no longueiro e cando xa o reloxo apremiaba, nun balón solto, Álex Santomé incorportado ao ataque conectou un bo disparo axustado ao pao que Pirot despexou de forma providencial.

Coa eliminatoria empatada, a Sarriana fixo valer o seu terceiro posto ligueiro para pasar de rolda.



Foto de portada: Mundito Carballo Durán,

O Racing Vilalbés gaña na Ribela, pero a Sarriana avanza á final galega polo ascenso

A Polvoreira tinguirase de gala o domingo

O Racing Vilalbés gaña na Ribela, pero a Sarriana avanza á final galega polo ascenso

Diario dun Mercado. Episodio 460

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *