O Trío de Ases O Cantón chega cargado de novas para os conxuntos lucenses. O Racing Vilalbés dixo adeus á Segunda RFEF tras perder en Pasarón diante do Pontevedra. Na Terceira RFEF moi boas novas para os tres equipos lucenses. O derbi da Ribela caeu do lado dun Viveiro que garantiu a permanencia na categoría mentres que a Sarriana, malia a derrota, xogará o play off de ascenso. O Polvorín caeu derrotado na Cheda fronte ao Barbadás, pero tamén seguirá un ano máis en Terceira RFEF. Na Preferente, o Lemos logrou un triunfo vital no campo do Cidade de Ribeira e a Residencia sigue con vida tras derrotar con autoridade ao Sofán no Carral. O Ribadeo caeu no Pepe Barrera fronte ao Boiro e o Castro cedeu no último minuto diante do Sigüeiro.

O Racing Vilalbés descende a Terceira RFEF tras perder no campo do Pontevedra (1-0)
Non puido ser. A histórica temporada do Racing en Segunda RFEF non puido finalizar en festa tras certificar o descenso na última xornada do campionato. Os chairegos, que realizaron unha primeira volta sobresaínte, viviron na súa pel a crudeza dunha categoría extremadamente igualada e que castiga cada derrota. A falta de gol condenou aos de Simón Lamas en boa parte dos encontros nos que o Racing exhibiu un alto nivel defensivo, pero que non foi suficiente para continuar un ano máis na cuarta categoría do fútbol nacional.
O Racing Vilalbés non foi quen de chegar con perigo á área rival na primeira metade, salvo nalgunha acción a balón parado. Nun córner a favor, o Pontevedra despexou e armou unha contra letal que rematou a gol Toño Calvo. O tanto foi un xarro de auga fría para os vilalbeses que vían como precisaban dous tantos para ter opcións de salvar a categoría, mentres que o Coruxo vencía naquel momento á Ximnástica Torrelavega, rival directo dos chariegos. O Pontevedra, cun once moi renovado, inquedaba a portería de Álex Santomé con Rufo e Gueye como protagonistas. Antes do descanso, Álex Pérez contou coa máis clara para o Racing, pero o debutante na portería granate Manu Vizoso responde ben.


Saiu máis entonado o Racing no segundo tempo, aínda que os minutos pasaban e as ocasións claras para tentar darlle a volta ao marcador non chegaban. Borja Domínguez estrelou un balón no pao da portería de Santomé, mentres que Pablo Rey estivo moi preto de acadar o empate nun lanzamento de falta lateral que se colaba dentro da portería, pero Nathan de xeito involuntario impediuno. Ata o último minuto o intentou o cadro chairego sen éxito.
O Viveiro vence á Sarriana nun derbi no que os dous cumplen obxectivos (0-1)
Festa completa na Ribela. A Sarriana, malia caer derrotada, xogará o play off de ascenso a Segunda RFEF, e o Viveiro mantén a categoría logo doutra temporada moi complicada.

Encontro moi táctico que se desnivelou rápido cun gol de Manu Martín á saída dun córner. A Sarriana buscou ter o balón e combinar para chegar á área dun Viveiro que se defendeu en bloque baixo sen grandes problemas no primeiro tempo.
No comezo do segundo tempo Jorge Cuesta fixo tres trocos e a Sarriana estivo mellor, con máis claridade nas súas xogadas, aínda que lle costou moito xerar situacións claras de perigo. Tijan contou cunha boa ocasión pero o seu tiro saiu demasiado cruzado. O Viveiro contou con boas opcións para sentenciar á contra. Nunha xogada por banda de Gamarra, Adrián non atinou a rematar na área pequena e Rolle contou con dúas accións á contra nas que non estivo atinado.
A derrota do Polvorín fronte ao Barbadás non impide a celebración da permanencia (0-1)
Non foi cunha vitoria, pero a permanencia chegou para o filial albivermello. O encontro foi dominado completamente polo Polvorín, aínda que sen xerar excesivas ocasións. As lesións e a convocatoria de Rosón e Lizancos co primeiro equipo impedíronlle a Dani Galán contar con moitas rotacións. Nunha boa xogada colectiva, o colexiado anuloulle un tanto a Rubal por fóra de xogo. Co paso dos minutos o encontro non variou e o Barbadás non eran quen de ter o balón nin de chegar ás inmediacións da área de Fernando.
No segundo tempo o partido abriuse máis e o Polvorín chegou con máis perigo á área rival, aínda que sen acerto no ataque. O Barbadás buscou balóns longos á espalda da zaga sen inquedar aos lucenses. Nos últimos intres, sabedores de que a permanencia xa estaba acadada ao caer o Paiosaco no campo da UD Ourense, a relaxación fixo mella e no último intre de partido chegou o tanto do Barbadás nun balón longo que prolongaron e Osian batiu a Fernando.
O Lemos da un paso de xigante de cara a permanencia tras vencer ao Cidade de Ribeira (0-1)
Tres puntos de ouro para un Lemos que pelexa por evitar calquer perigo en forma de arrastre. O primeiro tempo tivo dúas fases ben diferenciadas. Na primeira o Lemos estivo mellor, levou o control do xogo e contou con varias ocasións para adiantarse no marcador nas botas de Aissa e Samu. Na segunda o cadro local colleu o temón do partido, aínda que sen chegar con demasiado perigo á área rival, tan só un tiro lonxano que parou ben Losada.
No segundo tempo o Cidade de Ribeira saiu decidido a sumar os tres puntos, pero nunha contra moi ben levada polos monfortinos chegou o único tanto do encontro, obra de Aissa. Con media hora de xogo por disputar o dominio foi alterno. Losada amosouse moi seguro en cada lanzamento ribeirense e o Lemos puido sentenciar con dúas ocasións de Brais Pardo.
O Ribadeo perde co Boiro no Pepe Barrera e complica a súa situación clasificatoria (1-2)
Os mariñáns terán que pelexar ata o final por evitar o descenso por arrastre a Primeira Galicia. Visitaba o Pepe Barrera un Boiro que ocupa praza de ascenso e que prometía poñerlle aos de Pichi as cousas moi difíciles. Aínda así o primeiro tempo foi moi paraello e o Ribadeo logrou poñerse por nunha xogada de estratexia que culminou Simón. O cadro barbanzán apenas inquedou aos locais, bastante seguros en defensa.
O segundo tempo comezou dun xeito parecido. O Boiro tiña o balón aínda que sen claridade para superar a defensa ribadense. A lesión de Tichu trastocou os plans do Ribadeo e en cinco minutos os visitantes déronlle a volta ao marcador con goles de Saro e Emilio Carril en dous claros desaxustes defensivos.
Derrota do Castro no campo do Sigüeiro que deixa aos chairegos en situación límite (2-1)
Encontro disputado nun Lino Balado nun moi mal estado. As numerosas baixas condicionaron a un Castro que non se amedrentou diante dun conxunto que pelexa polo ascenso a Terceira RFEF. Os pupilos de Fernando Corredoira comezaron moi ben e foron superiores ao seu rival nos primeiros corenta e cinco minutos. A lesión de Diego sobrepasada a media hora de xogo foi un lastre para os chairegos ao non contar cun sustituto claro no seu posto.
No segundo tempo o Sigüeiro logrou adiantarse por medio de Goris ao aproveitar a primeira chegada clara á portería de Josema. Non se veu abaixo o Castro e nun saque desde o curruncho, Fito serviu para que Dani Montes rematara ao fondo da portería. Pouco despois produciuse a xogada clave do encontro. O colexiado non sinalou o que parecía un claro penalti sobre Buíde e na seguinte xogada o cadro local colleu descolocado ao Castro, que cedeu un córner. No saque deste Munín rematou lonxe do alcance de Josema.
A Residencia vence no campo do Sofán e agárrase forte á Preferente (1-3)
Son poucas as opcións de manter a categoría, pero a Residencia agárrase a elas con toda a forza. Nun dos campos máis difíciles da categoría, os lucenses realizaron un encontro moi completo e foron claramente superiores ao seu rival, sobre todo no primeiro tempo. Rois fixo o primeiro aos vinte minutos de xogo tras aproveitar un bo servizo de Pereira. Reaccionou rápido o Sofán que igualou cun tanto de Braian. Pero a Residencia non se veu abaixo e logrou poñerse de novo por diante. Rober prolongou e Rasilla cun certeiro remate batiu a Pablo. Só tres minutos máis tarde, un gran disparo de Rober significou o terceiro tanto lucense. No desconto Rois estrelou o balón na cruceta.
No segundo tempo, o Sofán optou por un xogo directo que a Residencia controlou sen maior problema. Sergio contou cunha boa ocasión para ampliar diferencias que Pablo enviou a córner.
