O Lemos celebra a súa vitoria

O Pol e o Lemos queren o play off

O Lemos e o Pol son os dous equipos do Trío de Ases O Cantón que saíron máis beneficiados da xornada do Domingo de Ramos. Antes do parón da Preferente suman vitorias importantes para soñar cos postos de promoción. A Sarriana firmou un punto en Soria soñado, pero moi amargo. O Burela caeu ante o Cultural Maniños e os tres equipos da Terceira RFEF non foron quen de sumar ningún punto ás súas contas.

O Lemos vence, convence e quere a promoción

O Lemos sabía da importancia do encontro e reflectiuno no marcador ao vencer por 2-0 ao Alertanavia. Xa no minuto 1, Adri Díaz tivo unha gran oportunidade na que o gardarredes tivo que actuar. Pero no minuto 14 Youness inventou unha xenialidade para finalizar pegado o pau e abrir o marcador. O conxunto vigués creceu despois do gol e o Lemos tería a mala noticia no descanso da lesión de Aissa, que sairía ao comezar a segunda parte.

Os monfortinos comezaron a dominar na segunda parte despois de dar na tecla na presión. Pouco a pouco, esa forza transformouse no gol da sentencia despois de que Dani atopase co seu centro a Youness, que faría o segundo tanto da súa conta particular. O Lemos seguiu tendo opcións para ampliar a vantaxe, pero non puideron acrecentala. Os de Markitos están empatados co Porriño Industrial, que marca o último posto da promoción.

Soñar é gratis en Pol

O Pol volveu a remontar ante un dos equipos da zona alta, o Órdenes, para vencer por 2-1 e facer que a súa afección poida seguir pensando na promoción. No minuto 2, Samu Fariñas aproveitou un erro nunha cesión para roubar o balón, driblar a Javi Liz e marcar a pracer. Os de Labrada tiveron varias aproximacións antes de que rematase o primeiro tempo, pero non puideron igualar antes da chegada do tempo de lecer.

Os visitantes tiveron unha contra clara na que case fan o 2-0. Ese foi o punto de inflexión para que o Pol pasase a ter o dominio do encontro e as ocasións. No minuto 71, a porta do gol derrubaríaa Cuadrado despois dunha gran xogada pola banda esquerda. Tres minutos despois e polo outro lado do campo chegaría o que acabaría sendo o gol da vitoria, obra de Marco. Unha vitoria de moito mérito ante o terceiro da Preferente Norte.

Un punto histórico de sabor moi amargo

A Sarriana non valorará como é debido o que foi o punto que conseguiu en Los Pajaritos por como se deu. O 2-2 foi unha historia de resistencia que comezou no minuto 24, cando Jannick lanzou unha falta directa desde a frontal que daría no longueiro e na perna de Fernando para que acabase entrando. Os de Dani Giménez foron a máis no encontro, pero non foi ata a expulsión de De Frutos que terían unha oportundade de estar media hora cun xogador máis.

Eso demostrou Clavería segundo entrou no campo. No minuto 83, Millán atoparía ao andaluz para que definise no man a man e puxese o empate. Catro minutos despois, Iago Díaz lograría poñer un caramelo na área do Numancia que o dianteiro aproveitaría para facer o segundo e facer que Sarria soñase coa vitoria. Pero a crueldade volvería a toparse coa Sarriana e, no minuto 97, San Vicente aproveitaría un saque de curruncho para poñer o empate no marcador.

0 de 9 na Terceira

O Racing Villalbés acentúa a súa mala xeira despois de perder por 0-1 ante un Barco que se destaca como o mellor equipo da segunda volta na Terceira RFEF. O inicio foi bon e Pablo Trigo e Make tiveron grandes ocasións, pero non puideron concretar. Ao comezo da segunda metade, Diego Santín abriría a lata para o Barco. Os chairegos aceleraron para poder ir a polo empate e, pese a ter oportunidades para igualar, a moeda saíu cruz.

O Lugo B tamén caeu na casa ante un recién ascendido como o Céltiga por 1-2. O novo conxunto centenario do fútbol galego comezou adiantándose cun tanto obra de Marcos Blanco e, xusto despois do descanso, Pedro Delgado poría o segundo tanto dos visitantes. Reaccionaron rápido os de Dani Galán cun tanto obra de Pascu. No minuto 96, reclamaron un posible penalti sobre Dacal que o árbitro non sinalou.

O Viveiro reaccionou, pero non lle chegou o tempo para poder sacar un rédito ante o Atlético Coruña Montañeros (3-2). O conxunto coruñés comezou con forza na primeira volta cos tantos de José Balsa e Pape. Arturo recortou distancias despois do descanso e a expulsión de Pape deixaba aos de Alberto López cun xogador máis. Pero no 89 Jorge Cano sentenciaría o encontro e, pese a que Lansade recortaría outra vez, xa non quedaba tempo para máis.

A efectividade condena ao Burela

O Burela métese nun lío clasificatorio despois de caer por 0-2 ante o Cultural Maniños. Os de Julio Castro tiveron oportunidades como para levar algo de botín da visita do colista da categoría, pero un penalti no minuto 82 cambiaría o conto do encontro. Javi González transformaríao e, cinco minutos despois, Christian sería quen de facer o segundo tanto para o conxunto ferrolán. Os da Mariña continúan nos postos de descenso.

O Pol e o Lemos queren o play off

O Pol e o Lemos queren o