#Con F de Futbolista #Feminino #Fútbol afeccionado

O PM Friol aproveita o pinchazo do líder

Xornada con vitorias do PM Friol, Milagrosa, Chantada, San Roque e PM Friol B. O Antas sacou un valioso punto da súa visita ao Arenteiro. Peor sorte correron o San Lázaro, Carballedo e Comercial, que non puideron cos seus rivais.

O PM Friol non falla ante o colista, o Sárdoma

Malia que a protagonista do partido foi, como en moitos outros esta fin de semana, a choiva; o PM Friol fixo valer o tanto de cabeza de Yoleidis tras un saque dende o curruncho para sumar outros tres puntos.

O PM Friol dominara todo o partido, pero o estado do campo facía moi complexo o xogo combinativo habitual do cadro amarelo, que tivo que adaptarse ás circunstancias. Pola súa parte, o Sárdoma apenas deu problemas a Sara, porteira friolesa. Tan só nalgunha xogada puntual a balón parado amosou certo perigo.

Once inicial do PM Friol ante o Sárdoma. Foto cedida

O partido será recordado, de seguro, por Raluca. A xoven xogadora do filial debutou no primeiro equipo e na categoría.

Unha vitoria do PM Friol que serve para recurtar distancias co líder, As Celtas B, que empataron esta xornada ante o Tomiño. A loita polos postos altos da táboa da Terceira RFEF está cada vez máis axustada. As Celtas B (1º, 19 ptos), PM Friol (2º, 17 ptos), Bergantiños (3º, 16 ptos) e Victoria FC (4º, 16 ptos) atópanse a só unha vitoria de diferenza.

Un punto de gran valor para o Antas

Empate para as ulloás nun dos campos máis complexos da categoría, ante un gran rival. O Arenteiro, malia estar na zona media da táboa; é un equipo que se coñece moi ben e que desprega un gran xogo; chamado a ir escalando posicións a medida que avance a tempada.

O Antas saiu ben ao encontro, moi concentradas en defensa, optando por adiantar liñas e tratando de apretar arriba. Un bo traballo do equipo dirixido por Óscar Méndez que permitiu manter a portería a cero case ata o descanso. Ademais, as celestes tiveron numerosas ocasións para pórse por diante, pero non transformaron. Pola contra, quen si o fixo foi o Arenteiro que, creando perigo coas contras aproveitando a presión alta do Antas; anotou pouco antes de marchar ao descanso (Letizia, m. 40). Un xarro de auga fría para as ulloás, que mereceran máis.

Once inicial do Antas ante o Arenteiro. Foto cedida

Malia marchar ao descanso tocadas, o Antas volveu ao verde traballadno ben, tratando de roubar preto da área rival, xerando perigo. Pero novamente nunha contra moi rápida das locais provocan unha falta que sería transformada por Xiana para colocar o 2-0 no luminoso no minuto 51.

Todo semellaba cara arriba, pero entón emerxeu a capacidade goleadora de Jenny para anotar dous goles case consecutivos, no 58′ e no 61′, e pór as táboas no marcador.

O luminoso non volveu a moverse nun partido que, a partir do empate, apenas se xogou. Numerosos golpes (fortuítos) impediron que o xogo fora fluído e chegaran máis goles. Un punto que rascou finalmente o Antas nun partido que se lle puxera moi complicado e ante un gran rival. «Un empate que debemos valorar», apuntou o adestrador, Óscar Méndez.

A Milagrosa sofre pero gaña na casa do Brexo Lema

Comezou o partido con Irene anotando na primeira xogada o que sería o único tanto do encontro e, así mesmo, o da victoria para as albivermellas.

Un partido condicionado pola choiva e a mala drenaxe do campo, que impediu que o xogo fora máis vistoso. Porén, as de Lugo fixeron unha primeira parte impecable na que puideron certificar unha vantaxe ampla no marcador e sentenciar o partido, pero non o fixeron.

Xogadoras da Milagrosa antes do partido ante o Brexo Lema. Foto cedida

Así e co 0-1 no luminoso, o Brexo Lema saiu mellor á segunda metade e o partido igualouse. Nos últimos minutos, as locais lanzáronse con todo arriba tratando de empatar o encontro e preto estiveron de facelo.

Finalmente, o marcador non se moveu e a Milagrosa colleitou unha nova vitoria, aínda que sufrida; nun partido que puido sentenciarse moito antes.

Un San Lázaro incómodo e desacertado cae ante o Cee

As de Rubén Candal non se atoparon co seu xogo no partido e tampouco gozaron de sorte de cara á portería, o que acabaron pagando co resultado.

Sen que o Cee fixera un gran partido, as locais si tiveron a sorte do seu lado e fixérono valor para anotar 3 goles que acabaron por setenciar a un San Lázaro que quizais merecera máis que o solitario gol de Iria no 70.

Derbi chantadés para a capital comarcal

Quedou en Chantada a vitoria do derbi comarcal Chantada-Carballedo. Un partido moi desputado por ambos conxuntos na primeira parte pero cun Chantada moi nervioso e impreciso co balón mentres que o Carballedo amosaba moita maior seguridade e xeración de xogo. Porén, as ocasións nas que as de Sementa conseguiron chegar ata a portería de Andrea con perigo, foron escasas.

A encargada de abrir o marcador foi Iria, do Chantada, que no 26′ aproveitou un rexeitamento tras un tiro de Noela para adiantar ao Chantada.

As xogadoras do Chantada celebran a vitoria ante o Carballedo. Foto cedida

Tras o paso polos vestiarios as vermellas saíron máis tranquilas pero foi o Carballedo quen tivo grandes ocasións nos primeiros compases do segundo tempo e Ari avisou cun gran disparo que finalmente deu no pau e impediu o que semellaba un golazo.

Pero no 51, Ari non fallou. Nun tiro lonxano desde uns 40 metros, a xogadora rosa amosou a súa enorme calidade para pór o 1-1 no luminoso.

Mais a partires de aí foi o Chantada quen controlou máis o partido, conseguindo facer posesións máis longas que remataban xerando ocasións nas botas de Saray que remataría atopando recompensa no 65′, anotando o 2-1 tras un bo regate e un tiro á escadra.

Un gol que desmoralizou ás xogadoras do Carballedo que, a partires de entón, semellaron baixar os brazos. Chusa, porteira do Carballedo, salvou ao seu equipo de que a renda do Chantada fora maior.

Once inicial do Carballedo ante o Chantada no Sangoñedo. Foto cedida

Só Noela conseguiu batela de novo para por o 3-1 e nunha xogada na que as chantadesas aproveitan un rexeitamento dun tiro no que Chusa fai un paradón.

O San Roque penaliza contundentemente á Comercial

Tamén derbi lucense na Terceira Futgal entre a Comercial e o San Roque. O partido comezou igualado, con ocasións para ambos conxuntos e coa Comercial amosando unha mellora no xogo respecto ás primeiras xornadas de competición.

Porén, no min. 30 o San Roque abriu o marcador cun gol de Paula ao que se uniría o de Saray no 37′ e o de Míriam no 38′ para marchar dominando as verdibrancas 3-0 ao descanso.

Xogadoras da Comercial antes do partido ante o San Roque. Foto cedida

Na segunda parte, o dominador claro foi o San Roque. Sucedéronse os goles das de Blas con tantos de Paula (x2), Eva (x2) e Laura para aumentar a vantaxe ata o 0-8 final.

Xogadoras do San Roque antes do partido ante a Comercial. Foto cedida

O PM Friol B vence ao Lalín cunha primeira parte diferencial

O filial friolés dominou o partido de inicio a fin. Foi en parte grazas á participación de Nerea, unha habitual do primeiro equipo, que desequilibrou o partido nos 45 minutos que desputou na primeira metade para deixar ás súas co partido encarrilado xa ao descanso, gañando 3-0 grazas aos tantos de Alba (m. 2) e da propia Nerea no m. 13 e no m. 35).

Once inicial do PM Friol B ante o Lalín. Foto cedida

Na segunda metade e co partido case sentenciado, Ángel Villar deu minutos a xogadoras menos habituais e malia que nalgún momento o encontro pareceu descontrolarse para o PM Friol B, que concedeu un gol do Lalín por medio de Alba no 54′; de seguida volveu coller as rendas para que Lidia aumentara a vantaxe final ao 5-1 con dous goles no 62′ e no 67′.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *