#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal

O Partido Fisioterapia Ronda . . . Todos miran de reollo cara A Cheda

Póñanlle pila aos seus vellos transistores e prepáranse para unha xornada de infarto. A derradeira cita da Preferente disputarase a tres bandas e de xeito simultáneo. Este domingo ás 18.00 horas chega a batalla definitiva por un posible ascenso. Os protagonistas: Residencia, Lemos e Santaballés.

Palomo

O cadro capitalino depende de si mesmo, xa que conta cun punto de vantaxe sobre os seus perseguidores. Unha vitoria asegúralle o pase á seguinte fase. Ademais, en caso de tropezar conta con varias balas na recámara. O golaverage particular co Lemos teno gañado, así como no caso dun triple empate. No caso particular co Santaballés o golaverage atópase igualado, aínda que os de Álvaro Meilán contan con dous goles máis de diferenza no golaverage xeral.

O terceiro posto, nestes momentos, é do Lemos. Unha praza que daría acceso á loita pola Copa do Rei. Veremos como responde o equipo monfortino despois do anuncio, esta semana, da non continuidade do seu técnico Edu Rodríguez a vindeira temporada. Os da Pinguela atópanse empatados a 14 puntos co Santaballés. Iso si, o golaverage particular é seu. Polo tanto, pola Liga precisan gañar e agardar que pinchen os seus rivais. Difícil pero non imposible.



Todo o mundo mirará, ben de cheo ou de reollo, cara A Cheda. Alí a Residencia recibe a un Ribadeo que adestrou un só día dos últimos dez. Un conxunto que parece o convidado perfecto para unha posible festa. Pero non se enganen. Os de Rafa Casanova non veñen de comparsa á cidade das murallas. Así o asegura un dos seus xogadores revelación, o dianteiro Jairo Campo: «Chegamos xustiños polo feito de case non adestrar pero moi motivados. Queremos dar a mellor imaxe posible, non imos ir de paseo. Temos a espiña cravada de que fomos capaces de competir moi ben por momentos a pesares de que este ano saiu todo ao revés. Con malos resultados e os confinamentos».

Dafonte

No bando contrario, o capitán Chiqui teno claro: «Imos a por ese premio da fase de ascenso, é unha oportunidade histórica. Temos que manter a ilusión, a competitividade e as ganas de facelo o mellor posible. Iso foi o que nos trouxo ata aquí. Estamos todos a unha. Dependemos de nós mesmos pero vai ser difícil. O Ribadeo gustoume moito na ida».

No caso de que os mariñáns consigan enmudecer ao público da Cheda, as primeiras olladas irán cara A Ribela. Alí o campión Sarriana recibe ao Lemos nun novo clásico da provincia. O meta Javi Liz avisa das intencións dos de Charly, por se alguén se pensa que se poden deixar ir: «O obxectivo é sempre ser serios e competitivos. Queremos pechar ben a primeira fase cunha vitoria. O partido contra o Lemos é sempre de rivalidade e imos darlle unha última alegría aos nosos seguidores antes da segunda fase».



Un dos motores do conxunto monfortino, Dafonte, sincérase sobre a situación actual do Lemos antes deste trascendental encontro: «Fixemos unha boa semana de adestramentos pero o equipo non se atopa ben. Fíxonos dano o partido da Residencia que nos privou de depender de nós mesmos. O equipo está motivado e toca agardar por acontecementos. Estamos ilusionados coa fase de ascenso pero hai que recoñecer que esta segunda volta non foi moi boa e que é probable que quedemos fóra».

Diego Chao, co Burela

O Lemos espera un tropezo. E o Santaballés, dous. Ademais dun triunfo ante o Foz. Iso si, na Liga é todo ilusión. Así o describe o extremo Palomo: «Imos sen presión algunha, só ilusión e ganas por xogar o partido. Firmabamos isto a principio de temporada. Temos moito que gañar e pouco que perder. Levamos unha volta sen perder e queremos prolongar a xeira ante os amigos do Foz, que non quererán quedar últimos e o poñerán complicado».

A cita será no Martínez Otero, onde o Foz pelexará polo segundo triunfo da temporada. Así o certifica o seu home-gol Diego Chao. «Melloramos moito nestes meses e buscamos a última vitoria como locais. A afección merece unha alegría por todo o apoio que nos da. Imos facer o noso traballo e a gañar o derradeiro partido dunha Liga que se nos fixo curta«.

Tres escenarios e un mesmo destino. Un domingo de fútbol con maiúsculas. Dos que quedan na retina. Sorte a todos e saúde!

O Partido Fisioterapia Ronda . . . Todos miran de reollo cara A Cheda

Á espera do duelo de lucenses nos

O Partido Fisioterapia Ronda . . . Todos miran de reollo cara A Cheda

O partido en imaxes: Santaballés-Sarriana (2-2)

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *