Comeza a agardada segunda rolda na Segunda Autonómica, os encontros decisivos, onde cada punto é fundamental. Detémonos na fase de permanencia na que Mondoñedo e Abadín tentarán poñer a primeira pedra para manter a categoría. Será o domingo ás 17 horas no Viñas da Veiga, onde se agarda un gran ambiente de fútbol. Arbitrará David Pérez Rodríguez.
Ámbolos dous conxuntos foron os pechacancelas dos seus grupos nunha primeira fase onde os resultados non acompañaron nen a Mondoñedo nen a Abadín. O conxunto local sumou sete puntos nos catorce encontros disputados, aínda que o sentir xeral é que os de Julio Castro foron merecedores dun premio maior. Con once xogadores nados por enriba do ano 2000, o Mondoñedo apostou por un proxecto a longo prazo, no que moitos dos xogadores afrontaron o seu primeiro ano sénior. A falta de experiencia xogoulles unha mala pasada nalgunha ocasión. Brais Carrascal e Rubén, novas fichas do conxunto mindoniense, reforzarán ao equipo para estes encontros decisivos.
O Abadín non foi quen de acadar ningún triunfo na primeira fase. Tan só catro empates nos catorce encontros foi o botín do cadro que este domingo xogará de visitante no Viñas da Veiga. De tódolos xeitos, como visitantes os de Marcos Pardeiro foron quen de igualar nos campos do Guitiriz e Muimenta, conxuntos que disputarán a fase de ascenso.
O último enfrontamento entre Mondoñedo e Abadín no Viñas da Veiga tivo lugar o 19 de outubro de 2019, en plena festa das San Lucas, e caeu do lado visitante por dous goles a tres. Jacobo e Iñaki anotaron para o conxunto local, mentres que Óscar Gayoso e Eloy, en dúas ocasións, foron os autores dos goles do Abadín.
que opinan os protagonistas?
JULIO CASTRO (MONDOÑEDO)
- Encontro agardado. «Temos ganas de comezar a segunda fase desde fai moito tempo. O equipo está coas pilas cargadas e moi motivados para poder acadar a permanencia. Como sabemos desde fai varias xornadas que teriamos que pelexar pola permanencia chegamos moi mentalizados e preparados para que non se nos escape».
- Máis merecementos que puntos. «Creo que fixemos méritos para lograr moitos máis puntos, sobre todo na segunda metade da primeira fase. Unha liga tan curta penalizounos, porque dos últimos oito encontros perdemos catro, pero puidemos gañar calquera dos oito»
- O Abadín. «Será un equipo que use as súas armas. Malia que non gañou na primeira fase tampouco foi superado claramente polos seus rivais na maioría de partidos. Queremos que sexa este o encontro no que revirtamos a situación e creo que temos potencial para gañar este partido e a calquera dos catro rivais cos que nos enfrontemos».
- Novas fichaxes. «Veñen para axudar a acadar a permanencia e unha vez que se logre ogallá que se queden. Debemos darlle continuidade a este proxecto, que é moi ilusionante. Temos un cadro de xogadores moi novos, con proxección e case todos da zona e moitos do pobo. Por iso temos que poñer a primeira pedra coa permanencia para seguir medrando».
- Chamamento á afección. «Gustaríame animar a toda a nosa afección que leva todo o ano con nós e non lles estamos devolvendo con puntos todo o seu apoio, que acudan ao Viñas da Veiga neste encontro e nos que restan de segunda fase».
MARCOS PARDEIRO (ABADÍN)
- As sensacións. «Non son as mellores. Chegamos a esta segunda fase sen coñecer a vitoria, e malia que fomos superiores a varios dos nosos rivais penalizounos bastante a falta de gol, así como as lesións. De feito, neste encontro será a primeira vez na temporada que na que poderemos contar con tódolos nosos xogadores».
- O Mondoñedo. «É un equipo que cambiou moito respecto doutras temporadas. Un conxunto moi rexuvenecido, que conta ademáis con varios xogadores do noso pobo. É un derbi e pode pasar de todo, ademáis como partimos empatados a puntos non queremos comezar esta fase decisiva no derradeiro posto».
- O ambiente. «Creo que haberá un bo ambiente e estarán as gradas bastante cheas. Desde o Mondoñedo están a tope nas redes sociais para movilizar á afección e ben seguro que será un derbi que non defraudará».
- Expectativas. «Temos varias incorporacións para esta segunda fase que agardamos que marquen as diferencias. De tódolos xeitos creo que o grupo dos equipos da costa tiña un nivel algo superior ao noso, polo que debemos esforzarnos para igualalos e poder manter a categoría e seguir en Segunda por sexta temporada consecutiva. Este ano xa o plantexamos de transición, inscribímonos no último día de prazo e non imos rasgarnos as vestiduras se non podemos manter a categoría, pero imos pelexala a tope. Ademáis o sistema de competición benefícianos e tentaremos aproveitarnos».
a axenda
PRIMEIRA DIVISIÓN NACIONAL
- Peluquería Mixta Friol – Villestro (Sábado ás 16:30 horas na Reigosa): Boa oportunidade para as rapazas de Covi para consolidarse no liderato. O cadro santiagués, pechancancelas da categoría, polo momento non foi quen de puntuar.
PREFERENTE
- Foz – Residencia (Domingo ás 17:15 horas no Martínez Otero): derbi provincial sen moito en xogo clasificatoriamente. O conxunto mariñán, independentemento do resultado vai ser penúltimo ao remate da primeira fase. Os de Dani Galán tentarán manter a súa posición ante a ameaza do Santaballés.
- Santaballés – San Tirso (Domingo ás 17:15 horas na Liga): tres puntos vitais para os de Juan Rodríguez se queren escalar un posto na táboa. Enfronte un San Tirso que ten a tiro de pedra abandonar a fase de permanencia.
PRIMEIRA AUTONÓMICA (Última xornada da primeira fase).
- Riotorto – Xove Lago (Domingo ás 16:30 horas na Veiga): moito en xogo na Veiga. O cadro local, aínda que xa clasificado para a fase de ascenso, debe puntuar para manter a terceira praza. Os de Bruno Gómez se acadan o triunfo arrebántanlle o posto ao seu rival, pero unha derrota pode deixalos na quinta praza.
- Folgueiro – Burela (Domingo ás 16:30 horas en Boa Vista): o conxunto verde visita o sempre compricado campo vicedense coa obriga de gañar se quere evitar a fase de permanencia. Unha vitoria sírvelle aos burelaos sempre que o Xove no gañe en Riotorto. Os de Anxo Fernández rematarán a primeira fase no último posto.
SEGUNDA AUTONÓMICA
- Cabreiros – Meira (Sábado ás 16:30 horas na Cea): Malia o terceiro posto final, os de Abel Rochela foron dos conxuntos máis destacados da primeira fase de campionato. Reciben no seu feudo a un dos grandes favoritos para acadar o ascenso.