A penúltima xornada da Preferente déixanos unha auténtica final. Lemos e Residencia enfróntanse o domingo ás 18 horas na Pinguela co claro obxectivo de acadar a segunda praza que outorga o pase á fase de ascenso a Terceira. O encontro será arbitrado polo colexiado ourensán García Vázquez.
O gran comezo do Lemos nunha competición tan curta presaxiaba unha clasificación para a fase de ascenso do cadro monfortino dun xeito máis doado. Pero un só triunfo nos últimos cinco encontros fixeron que os de Edu Rodríguez cheguen a esta xornada decisiva coa obriga de vencer á Residencia, segunda clasificada, un punto por enriba dun Lemos ao que unha derrota apartaríao de xeito definitivo da pelexa polo ascenso. O empate diante do Santaballés cun gol dos chairegos no desconto e a derrota no Martínez Otero diante dun Foz xa sen aspiracións, foron dous resultados puxeron contra as cordas a un Lemos que buscará un triunfo que lle permita chegar á derradeira xornada dependendo de si mesmo.
A Residencia afronta o encontro desde a segunda posición, consciente de que un triunfo na Pinguela daríalle de xeito definitivo o pase á fase de ascenso. Non era este un obxectivo prioritario para o conxunto adestrado por Álvaro Meilán, máis acostumado a pelexar por manter a categoría, pero co paso das xornadas o cadro capitalino asentouse na zona alta do grupo lucense froito, entre outras cousas, da súa fortaleza como local, manténdose invicto na Cheda.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
Na derradeira xornada, o Lemos visitará a Ribela para medirse a unha Sarriana xa clasificada para a fase de ascenso como primeira de grupo de xeito matemático, mentres que a Residencia recibirá no seu campo ao Ribadeo, conxunto sen posibilidade algunha de alcanzar o terceiro posto. Precisamente desde esa posición, o Santaballés estará moi pendente do que pase na Pinguela, xa que se é quen de sacar adiante o seu encontro na Liga diante da Sarriana pode rematar a xornada na segunda posición.
O último enfrontamento na Pinguela entre Lemos e Residencia tivo lugar o 10 de febreiro de 2019 e rematou con triunfo local por catro tantos a un. Varela, Denis, Hugo e Brais Meco foron os autores dos goles monfortinos, mentres que Carlos Raposo marcou para a Residencia. Esa temporada finalizou co ascenso á Preferente dos dous conxuntos.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
Falamos deste decisivo encontro con Adrián Díaz (Lemos) e Dani López (Residencia).
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
ADRIÁN DÍAZ (LEMOS)
– A situación do equipo. «A verdade é que pensabamos que estaríamos nunha situación mellor nesta xornada, aínda que creo que a actual tampouco é mala. Se gañamos á Residencia dependemos de nós mesmos no último partido».
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
– A Residencia. «É un rival que nos sorprendeu moito no encontro de ida. Sabiamos que ía ser un partido moi complicado, pero dominaron tódolos aspectos e é un equipo con moitos recursos. Practican o xogo ao espazo, pero tamén saben ter continuidade con balón. Ademáis teñen xogadores perigosos en moitas facetas».
– Unha final. «O equipo está traballando moi ben estas dúas semanas e todos estamos moi implicados e motivados. Entrar na fase de ascenso é algo moi bonito para o club e para os xogadores que queremos disfrutar. Quedar fóra sería duro, polo que temos que ter claro que temos que traballar e lograr estes tres puntos para acadar o que todos queremos».
DANI LÓPEZ (RESIDENCIA)
– O equipo. «Estamos con confianza e sentímonos ben fisicamente. Sabemos que faltan só dúas xornadas para rematar a primeira fase e temos a dous equipos a tan só un punto. Temos que ir a Monforte a xogar o mellor posible xa que é un dos partidos máis importantes».
– O Lemos. «Agardamos un rival moi intenso xa que é unha final e ademáis xogamos na súa casa, o que para eles é un extra. Nós imos coa tranquilidade de que estamos a facer as cousas ben e conscientes de que facendo o noso fútbol e coa intensidade axeitada podemos acadar a vitoria».
– Obxectivos. «Nesta primeira fase só pensamos en gañar os partidos que nos quedan. Para a fase de ascenso pasarán os dous equipos que mellor o fixeron estes meses e si nós somos un deles sería unha gran recompensa ao noso esforzo».