Coa salvedade do C.D. As Pontes, destacado líder durante toda a temporada, co ascenso e o campionato no peto desde fai varias xornadas, a pelexa polo segundo posto preséntase, nesta Preferente, máis aberto e emocionante que nas últimas edicións. Catro equipos con opcións, e dous son lucenses: Sarriana e Viveiro. Ambos enfrontaranse o domingo ás 18:30 horas na Ribela, co ascenso a Terceira en xogo.

Ben é certo que o conxunto local deixou a pasada xornada boa parte das súas posibilidades no campo do Estudiantil, pechacancelas da categoría, pero que é a auténtica besta negra da Sarriana nesta temporada. Os da Estrada lograron vencer na Ribela e acadaron un empate no seu campo que fai que os de Alberto López non dependan de si mesmos para alcanzala segunda praza. Malia todo, a campaña dos sarriaos pódese considerar como espectacular, sendo o segundo equipo menos goleado e colleitando tan só unha derrota en toda a segunda volta, no Pepe Barrera ante o Ribadeo.
Con catro puntos menos que o Viveiro, un triunfo é o único resultado válido para a Sarriana se quere seguir con opcións. As dúas derradeiras xornadas viaxa ao campo do segundo, o Arzúa, e recibirá para pechala liga ao As Pontes na Ribela.
Pola súa banda, o conxunto mariñán chega a este partido logo de reencontrarse co triunfo, despois de sumar tres empates consecutivos que fixeron que o Viveiro perdese, de xeito provisional, a segunda praza. A vitoria en Cantarrana ante o Dubra reforzou a moral do cadro adestrado por Chusky para afrontar o último sprint da competición, que ten na visita á Sarriana a etapa máis complicada. Logo os rivais serán Estudiantil e Arteixo, sen nada en xogo.



Aínda que a temporada do Viveiro, ao igual que a do seu rival, é sobresaínte, máis se cabe logo do vivido o pasado ano, a ilusión por retornar tantos anos despois á categoría nacional é moi grande na cidade do Landro. A diferencia da Sarriana, o punto forte dos mariñáns radica no ataque, sendo o segundo máximo goleador da categoría con 92 tantos.
Na Sarriana causará baixa Diego Arias, Rubén Díaz e Joao, mentras que no Viveiro perderase o derbi provincial o central Uriol por acumulación de cartóns.
O último enfrontamento na Ribela entre Sarriana e Viveiro tivo lugar o 9 de abril de 2017 e rematou con triunfo mariñán por 1-2. O hoxe xogador do Oural, Marino, anotou o tanto dos locales, mentras que Arturo e Dani Fernández marcaron para os viveirenses.

Falamos con Héctor (Sarriana) e Kiko (Viveiro), acerca do vital encontro deste domingo.
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
HÉCTOR (S.D. SARRIANA)
– O empate co Estudiantil. «Foi un xarro de auga fría. Unha decepción, xa que, non era o resultado co que contabamos nen moito menos. Saímos a gañalo partido sabendo que era unha oportunidade perfecta para sumar os tres puntos e afrontalos últimos encontros dependendo de nós mesmos. O equipo segue forte e esta familia non se vai rendir ata que os número digan o contrario».
– O Viveiro. «Se queremos seguir mantendo viva a ilusión temos que gañar o que nos queda. Este encontro témolo marcado no calendario desde a primeira volta. Temos que ser intensos, conceder o menos posible, que non se sintan cómodos e aproveitalas nosas ocasións, que é a nosa asinatura pendente».
– O final de liga. «Pode pasar de todo. Aínda que moitos nos vexan fóra da pelexa, somos o equipo que vai marcar o desenlace da liga ao xogar con Viveiro e Arzúa. Se gañamos os dous encontros, está claro que os nervios van aparecer e nun minuto pode cambiar todo e esta semana tivemos claros exemplos na Champions. Que ningúen venda a pel do oso antes de cazalo, que nós estaremos atentos para intentar dar o zarpazo».
KIKO (VIVEIRO C.F.)
– Triunfo balsámico. «Cos tres empates consecutivos parecía que xa o tiñamos complicado, pero a estas alturas de competición gañar é moi difícil. A vitoria supuxo unha pequena liberación para poder seguir loitando ata o final polo obxectivo».
– A Sarriana. «Ao igual que tódolos equipos, será moi difícil gañarlle. Afrontamos o encontro como un máis, ao igual que vimos facendo durante toda a temporada. Pode que haxa un pouco de nerviosismo, pero a min persoalmente sempre me gustou xogar con esa sensación. A Sarriana ten un bo equipo, por algo está aí arriba con nós, pero temos que facer o que xa vimos facendo desde o comezo de liga e que tan bos resultados nos deu».
– As posibilidades de ascenso. «Agora mesmo só pensamos en nós mesmos. Gañar este domingo e logo os dous que nos restan e despois xa se mirará o que pasa ao final».
ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .
Preferente Norte
– C.D. Castro – C.D. Foz (Domingo ás 17 horas no Arturo Pereiro): outro derbi provincial no que o conxunto focense se xoga boa parte das súas opcións de mantela categoría. Un triunfo ante os de Brais Prados deixaríaa moi encarrilada, mentras que unha derrota faría que os de Gayol se xogasen todo nas dúas derradeiras xornadas.
– Ribadeo F.C. – S.D. Ordes (Domingo ás 18 horas no Pepe Barrera): os de Rafa Casanova, nunha gran dinámica de xogo e resultados, aínda teñen opcións matemáticas de acadala cuarta posición. Para iso, deben gañarlle a un Ordes que se xoga a permanencia.
Primeira Autonómica
– U.D. Pastoricense – S.D. Santaballés (Domingo ás 17 horas na Acebreiro): encontro con moito en xogo para ámbolos conxuntos. Os de Fran Veiga precisan tres puntos para fuxir dun posible descenso por arrastre, mentras que os vilalbeses apuran as súas opcións matemáticas de acadalo ascenso.
– C.D. San Ciprián – S.D. Chantada (Domingo ás 17 horas na Veiga): finalísima para os dous equipos. Os mariñáns precisan un triunfo que lles permita soñar coa permanencia, mentras que os de Juan Rodríguez ansían unha vitoria, mentras agardan o pinchazo da Resi.
Copa Deputación Segunda e Terceira Autonómica
– Celta Barreiros – S.G.Comercial (Domingo ás 17 horas no Cascabeiro): logo do ascenso acadado a pasada semana, o conxunto de San Cosme afronta a Copa ante o cadro lucense, que aínda terá que agardar para saber se segue un ano máis en Segunda.
– C.D.Río Sil – S.D.C. San Lázaro (Domingo ás 18 horas na Carqueixa): encontro entre dous conxuntos que veñen de realizar unha gran temporada. Os soberinos aínda festexan o seu ascenso a Segunda, mentras que os da capital da provincia loitaron ata derradeira xornada por un posto a vindeira campaña en Primeira.
Primeira División Galega Feminina
– S.D. Antas – Victoria C.F. B (Domingo ás 18 horas no Castro Seoane): o clube da Ulloa afronta o seu gran desafío. Unha vitoria aseguriaríalles a continuidade unha temporada máis na categoría. Non acadala, suporía agardar o resultado dun Tordoia igualado a puntos coas de Melendo.