Chegan as derradeiras dez xornadas de competición na Primeira Autonómica. Na zona alta, o Lemos conta as xornadas para cantalo seu retorno a Preferente. Por detrás, catro equipos xogaranse o outro posto de ascenso. Dous deles, Residencia e Santaballés enfróntanse o domingo ás 17:30 horas na Cheda.
A S.D. Residencia é quinta clasificada con corenta e un puntos, a cinco do ascenso. Dúas derrotas nos tres últimos encontros, lonxe da Cheda, ante o líder Lemos e na Marosa ante o Burela fixeron que os de Álvaro Meilán se afastasen do segundo posto. De ahí a importancia deste choque, posto que un triunfo do conxunto capitalino ante o Santaballés acercaríaos de novo ao gran obxectivo do ascenso. Se nos encontros como visitante, a Residencia baixa o rendimento, no seu feudo os número cambian. Tan só unha derrota, ante o Taboada, e dous empates, co Lemos e o Outeiro de Rei, polo que os seis encontros dos últimos dez que xogará na Cheda poden ser un punto a favor do conxunto lucense.
Decir que a S.D. Santaballés é a gran sorpresa desta temporada na Primeira Autonómica xa non vén a conto. O cadro vilalbés deixou atrás esa etiqueta e a falta de pouco máis de dous meses para o remate da temporada é un dos grandes favoritos a competir o vindeiro ano na Preferente. Conxunto moi fiable o que comezou a temporada da man de Simón Lamas, e que logo da saída deste cara o Racing Vilalbés, seguiuno sendo con Dani Moirón á fronte. Con corenta e seis puntos o Santaballés é segundo empatado co Chantada, superando en dous ao Outeiro e en cinco ao seu rival desta xornada. Oito goles a favor e ningún en contra nos dous últimos encontros ante Burela e Sporting Pontenova fan que o conxunto chairego chegue a este encontro en plena forma.
O último enfrontamento na Cheda de Residencia e Santaballés tivo lugar o 19 de marzo de 2017, rematando con triunfo local por un tanto a cero. O gol foi obra de Robson.
Falamos deste encontro con dous xogadores de ampla traxectoria nos seus clubes: Chiqui (Residencia) e Vérez (Santaballés).
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
CHIQUI (S.D. RESIDENCIA)
– Unha final anticipada. «Creo que aínda é cedo para falar de finais, pero si é certo que para nós é un partido moi importante, non só polos puntos, senón pola confianza que nos daría unha vitoria para as seguintes xornadas».
– O Santaballés. «Son un conxunto moi organizado e intenso que ten moi claro ao que xoga. Arriba ten xogadores moi desequilibrantes que marcan as diferenzas. Non están onde están por casualidade, así que creo que vai ser un partido moi disputado».
– O último tercio de liga. «Afrontámolo con ilusión. Ao comezo de liga ninguén agardaba, agás nós, que poidésemos chegar ás últimas dez xornadas con opcións. Estamos recuperando xogadores importantes para este tramo de final e se conseguimos obter bos resultados nas próximas xornadas creo que poderemos estar na loita ata o final. Vai ser moi importante a regularidade».
VÉREZ (S.D. SANTABALLÉS)
– A clave do éxito. «O principal creo que é o gran traballo semanal do equipo. Estamos adestrando ben e ao final iso nótase no campo. Levábamos xa varios anos facendo boas temporadas e este ano deuse un empuxón máis. Ademáis temos a sorte de xogar nun clube no que a afección vive moito os partidos e iso danos forzas para facelo mellor».
– O encontro ante a Residencia. «Afrontámolo con ganas e ilusión. É a clase de partidos que a todos nos gusta xogar. Sabemos que vai ser moi difícil, xa que, son un equipo que lle gusta dominar ao rival mediante a posesión do balón. No seu campo é complicado gañarlles, pero intentaremos facelo usando as nosas armas».
– Sen presión polo ascenso. «Non temos presión, pero non creo que iso sexa decisivo. Imos competir contra moi bos equipos que quizais estén máis acostumados a loitar por ascenso ca nós, xa que todos pasaron xa pola Preferente nos últimos anos. De tódolos xeitos, penso que será unha loita moi igualada que se decidirá nas últimas xornadas».
ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .
Terceira División
– Polvorín – C.D. Choco (Domingo ás 12:30 horas na Cheda): o filial lucense tentará darlle continuidade á racha de catro triunfos consecutivos, que os afastaron dos postos de perigo. Enfronte, o conxunto redondelán que non perde desde o 2 de decembro ante o Racing de Ferrol e suma tres puntos máis que os de José Durán.
Preferente Norte
– C.D. Foz – S.D. Ordes (Domingo ás 17 horas no Martínez Otero): encontro clave para os de Gayol. Logo de catro xornadas sen gañar, reciben a un rival directo. O Ordes suma dous puntos menos que os mariñáns, polo que un triunfo focense afastaríaos a cinco puntos máis golaverage.
– C.D. Castro – S.D. Dubra (Domingo ás 17 horas no Arturo Pereiro): complicado encontro para os de Brais Prados ante un rival que ven de colleitar seis triunfos consecutivos.
– Ribadeo F.C. – Puebla C.F. (Sábado ás 17:30 horas no Pepe Barrera): logo de oito xornadas sen perder, os de Rafa Casanova buscarán recurtar puntos cos conxuntos de cabeza. Enfronte, os do Caramiñal, que chegan situados na zona media da táboa.
Primeira Autonómica
– S.D. Monterroso – U.D. Xove Lago (Domingo ás 17 horas en Cerdeiriños): o conxunto local ven de acadar sete dos últimos nove puntos e tentará sumar tres que os afasten do descenso ante un Xove, ao que un triunfo auparíao á zona tranquila da clasificación.
– S.D. Chantada – S.D. Burela (Sábado ás 16 horas no Sangoñedo): os de Juan Rodríguez buscarán un triunfo que os volte a colocar en postos de ascenso. Os mariñáns, que non queren pasar apuros logo dunha boa temporada, tentarán augarlles os plans.
Segunda Autonómica
– Mondoñedo F.C. – A.C.D. Xermade (Sábado ás 16 horas no Viñas da Veiga): logo de gañarlle ao Candelaria e arañar un punto no campo do líder, os de Israel Cruz encaran o tramo final de liga na metade da táboa. Reciben a un Xermade que apura as súas opcións de achegarse aos postos de ascenso.
– S.D.C. San Roque – C.D. Guntín (Sábado ás 18 horas no Polvorín): terceiro contra cuarto. Os locales perderon o posto de ascenso logo de caer no derbi ante o San Lázaro, mentras que os visitantes, cos mesmos puntos, tentarán ser os primeiros en gañar no Polvorín.
Terceira Autonómica
– S.C.D. Milagrosa – Fonsagrada Balompé (Domingo ás 19 horas no Luis Gorgoso): o conxunto local buscará tres puntos que case lle certifiquen unha praza de promoción de ascenso. O Fonsagrada non quere quedarse fóra dese tren, e xa ve de preto ao Celta Barreiros.
– Quiroga F.C. – S.D. Paradela (Domingo ás 17 horas no Municipal): o cadro visitante pode acadalo ascenso nesta xornada. Se gaña xa non se lle escapa. Enfronte o Quiroga, que precisa os tres puntos para seguir na segunda praza.
Primeira División Galega Feminina
– S.C.D. Milagrosa – R.C. Deportivo B (Domingo ás 17 horas no Luis Gorgoso): as lucenses tentarán dar a sorpresa ante o todopoderoso líder. O filial deportivista tan só cedeu dous empates no que vai de liga.
Segunda División Galega
– P.M. Friol C.D. Lugo B – Unión Campestre (Domingo ás 15 horas na Reigosa): as lucenses, líderes invictas, no caso de gañar deixarían practicamente certificado o liderato. Enfronte, as de Oleiros que están situados nun cómodo sexto posto.