Domingo ás 18:30 horas no Anxo Carro. Esceario de luxo para a final da Copa Jorge Tato de equipos de Segunda e Terceira Rexional entre S.D. Burela e C.D. Brollón. Dous equipos con traxectorias distintas nesta Copa Deputación, pero que chegan á gran final coas mesmas gañas de levantalo trofeo.
A S.D. Burela logo de non poder mantela categoría a pasada temporada, comezou este curso en Segunda Autonómica con dúbidas, pero co paso das xornadas, sobre todo na segunda volta, convertiuse nun equipo moi solvente, que sacou adiante boa parte dos encontros e logrou un moi necesario ascenso a Primeira. E nesta competición copeira, aproveitando a gran inercia de xogo e resultados, plantouse na final cunha traxectoria case que inmaculada. Goleou ao Mondoñedo na Marosa, ao Celeiro en Viveiro, gañou en Boa Vista ao Folgueiro, na Veiga ao Cervo e nas semifinais, adxudicouse a tanda de penaltis ante un gran Fonsagrada. Para Abel, técnico burelao «a verdade é que fixemos unha copa espectacular, xogando case tódolos encontros fóra da casa e sacándoos adiante. Isto lévanos a afrontala final con moitas ganas, xa que o equipo está enchufado, ao que hai que sumarlle que se xogue no Anxo Carro«.
O adestrador do conxunto mariñán sentarase por derradeira vez no banquiño, logo de confirmarse a volta de Jaime, pero réstalle importancia a un posible doblete, «gañemos ou perdamos a temporada da S.D. Burela foi de dez, xa que non é doado ascender o ano despois de perdela categoría«. Consciente da dificultade do encontro do domingo, Abel prefire pensar só no seu equipo, «non deberíamos preocuparnos moito do rival e xogar como o fixemos toda a temporada. Si o logramos seguro que a Copa vén para Burela«.
O C.D. Brollón é sen dúbida o conxunto que mellor se defende desde os once metros. Salvo na primeira rolda, que venceu no campo dos Medos á S.D. Antas, as restantes eliminatorias resolvéunas desde o punto de penalti. Corgo, San Lázaro, Portomarín e Chantada Atlético sucumbiron ante o bo facer dos da Pobra do Brollón nas penas máximas. «O equipo chega con ilusión, como non pode ser menos. Logo de caer o ano pasado en semifinais, este ano voltamos a intentalo e logramos plantarnos na final. A xente chega cansada polas alturas ás que estamos, pero suplímolo co ánimo que nos transmite o noso maior activo, a afección«, apunta Chura, adestrador do C.D. Brollón. Para o técnico do cadro da Pobra, «para nós ao igual que para calquer equipo do noso nivel é un premio poder xogar no Anxo Carro. Paréceme un acerto que decidiran xogar alí a final e é un aliciente para este torneo. Haberá que adaptarse e pasar a impresión dos primeiros intres«. Do rival que se atoparán o domingo, Chura non escatima eloxios ao Burela, «preocúpame todo deles, aí están os seus números, pero é unha final a un partido e isto é fútbol. Pase o que pase rematará unha gran temporada e iremos tomar algo todos xuntos.»
ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .
Semifinais Copa Deputación (Preferente e Primeira Autonómica)
– S.D. O Páramo – Viveiro C.F. (Sábado ás 16:30 horas nas Rapadas): os locales, logo de eliminar ao Lemos nos penaltis, tentarán superar a un Viveiro que buscará unha nova final. Os de Chusky dependen da S.D. Compostela para manter ou non a categoría.
– Taboada C.F. – S.D. Outeiro de Rei (Domingo ás 18 horas na Medela): Dous equipos en forma disutan esta interesante semifinal. Os de Martín Murado veñen de superar ao Foz, mentras que o Outeiro fixo o propio en Cerdeiriños ante o Monterroso.
Semifinais Copa Deputación Fútbol Feminino
– S.C.D. Milagrosa – Peluquería Mixta Friol (Domingo ás 17 horas no Luis Gorgoso): logo da goleada das de Friol no encontro de ida, a volta semella un trámite, pero ben seguro que as lucenses quererán brindarlle cando menos un triunfo á súa afección.
– Antas S.D. – Ribadeo F.C. (Domingo ás 18 horas no Castro Seoane): eliminatoria encarrilada para as da Ulla, logo do triunfo por 1-3 na Mariña. As pupilas de Nacho apelarán á heroica para tentar remontala eliminatoria.