#Fútbol afeccionado #Primeira Futgal

O partido da xornada . . . Riotorto C.F. – S.D. Chantada: os de Juan Rodríguez examinan a fiabilidade copeira do cadro local

A Copa é un torneo especial. Tanto no fútbol profesional como no máis afeccionado. Parece que a ninguén lle vai a vida nela, pero a medida que os equipos avanzan eliminatorias, a importancia vai en aumento. Equipos como o Ribadeo, único que segue en liza de Preferente, que vén de realizar unha boa temporada, o Lemos, logo do ascenso non quererán deixar pasar a oportunidade de levantar un título que engalone as súas vitrinas. Calquera deles, terá que verse as caras cos nosos protagonistas desta semana: Riotorto e Chantada teñen na Copa Deputación un aliciente logo de rematala temporada regular cun sabor de boca agridoce.

O Riotorto, logo de rematala primeira volta de liga, como un dos candidatos ao ascenso, unha xeira de oito derrotas consecutivas condenou ao equipo a loitar pola permanencia. Co troco de obxectivo asumido, o plantel adestrado por Labrada foi quen de mantela categoría e ve na Copa unha oportunidade de rematar o ano do adeus do seu adestrador cun bo sabor de boca. Despois de vencer no derbi ao Sporting Pontenova nunha igualada quenda de penaltis, o Riotorto desfíxose con relativa comodidade do Chantada Atlético. Agora, visita a Veiga un dos mellores conxuntos de Primeira: a S.D. Chantada.



O conxunto chantadino, cun proxecto de canteira, fiel ao estilo do seu adestrador Juan Rodríguez, realizou unha gran campaña, na que chegou á derradeira xornada con opcións de ascenso. Quedou coa mel nos beizos. E malia que a temporada non deixou un mal sabor de boca no Sangoñedo, a Copa Deputación é o obxectivo para rematala campaña cun sobresaínte. Beneficiado polo compromiso do Viveiro na promoción de ascenso a Terceira, por mor do cal renunciaron á disputa do torneo copeiro, a S.D. Chantada fará o seu debut ante o Riotorto.

O último enfrontamento entre os dous equipos na Veiga tivo lugar na cuarta xornada da temporada recén rematada, e rematou con triunfo local por un tanto a cero con gol de Manolito.

Falamos con dous dos indiscutibles de ámbolos conxuntos: Christian (Riotorto) e Traste (Chantada).



QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

CHRISTIAN (RIOTORTO C.F.)

 – A copa. «Afrontámola sen presión ningunha, xa que, entre lesións e motivos persoais imos xustos de xente aos partidos, pero coa idea de pelexar en todos eles. Non nos plantexamos para nada chegar á final, a idea é competir, divertirse e tentar rematar a temporada con mellor sabor de boca e mellores sensacións que rematamos a liga».

 – O encontro ante o Chantada. «Será un partido duro, como o foron os dous que xogamos contra eles na temporada. Paréceme que son un moi bo equipo. Saben ao que xogan, con xente da casa e que levan moitos anos xogando xuntos, e iso axuda. Ogallá foran tódolos equipos así!. Quedaron moi preto do ascenso e logo de dúas semanas sen competir virán descansados e con gañas de facer un bo papel. Pero na Veiga somos fortes e imos poñérllelo complicado».

TRASTE (S.D. CHANTADA)

 – A Copa despois da liga. «Non puidemos poñerlle o broche de ouro a esta temporada co ascenso, polo que queremos rematar cunha alegría de verdade como sería poder disputala final. Afrontamos a Copa con moita ilusión, a todos nos gusta este torneo. Debemos adaptarnos rápido a unha competición diferente, na que teñen importancia os pequenos detalles. A partido único non hai marxe de reacción e todo se iguala. O feito de que levemos dúas semanas de descanso non é o ideal, pero tampouco é unha excusa. A mentalidade é a clave».

 – O Riotorto. «Vai ser un partido moi complicado. Xogar no seu campo despois de que pasaran dúas eliminatorias fará que os primeiros minutos sexan de moito ritmo e de empuxe local. Temos que asentarnos rápido no partido e mostrarnos sólidos para que non se sintan cómodos os seus atancantes, ademáis de estar atentos ao balón parado. Tentaremos controlalo partido a través do balón e mellorar o caudal ofensivo, xa que nos encontros da liga tivemos pouco presenza na área. Agardemos darlle continuidade ao traballo de toda a temporada, e que se vexa que Chantada ten gañas de Copa».

ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .

Promoción de ascenso a Terceira

 – Viveiro C.F. – U.D. Barbadás (Sábado ás 17:30 horas en Cantarrana): o cadro mariñán tentará facer bo o empate acadado en territorio ourensán e logo tocaralle agardar acontecementos. Para acadalo ascenso a Terceira precisa dos ascensos de Bergantiños e Alondras á categoría de bronce. Enfronte un Barbadás que demostrou no encontro de ida que non se vai rendir.

Copa Deputación Preferente e Primeira Autonómica

 – S.D. O Páramo – Ribadeo F.C. (Sábado ás 18 horas nas Rapadas): o conxunto adestrado por Fontal buscará dar a sorpresa ante o gran favorito para alzarse coa Copa. O Ribadeo, único conxunto da Preferente, eliminou á Sarriana e viaxa ao Páramo coa intención de plantarse en semifinais.

Copa Deputación Segunda e Terceira Autonómica

 – S.G. Comercial – S.D.C. Roupar (Domingo ás 18 horas no Rodríguez Lago 1): os xermadinos veñen a ser un dos conxuntos que mellor competición copeira están a realizar, e tentarán acadala súa praza na final ante unha Comercial que ven de superar tres eliminatorias na tanda de penaltis.

– Club Lemos B – S.D.C. San Lázaro (Sábado ás 18 horas no Luis Bodegas): o filial lemista, logo dunha discreta temporada, está a desquitarse na Copa. Plantouse en semifinais con todo merecemento e buscará a sorpresa ante un San Lázaro en plena forma. En oitavos o Guntín, e en cuartos o Palas foron as súas vítimas.

Copa Deputación Fútbol Feminino

 – Antas S.D. – P.M. Friol C.D. Lugo (Domingo ás 18:30 horas no Castro Seoane): a final da temporada pasada chega de xeito anticipado. As rapazas de Melendo buscarán poñer en apretos ás grandes favoritas. O Friol, logo dunha magnífica temporada, tentará poñer o colofón co título provincial.

O partido da xornada . . . Riotorto C.F. – S.D. Chantada: os de Juan Rodríguez examinan a fiabilidade copeira do cadro local

Diario dun mercado. Episodio 103

O partido da xornada . . . Riotorto C.F. – S.D. Chantada: os de Juan Rodríguez examinan a fiabilidade copeira do cadro local

O partido en imaxes: SD Antas-Lemos B

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *