Con tan só sete xornadas para o final de liga, o derbi mariñán deste domingo ás 17:30 horas no Pepe Barrera entre Ribadeo e Viveiro antóllase trascendental. Cos dous equipos na zona alta da Preferente, pero cos ribadenses aparentemente lonxe da hipotética pelexa polo ascenso, o conxunto visitante, segundo clasificado, afronta unha das saídas máis complicadas que lle restan para acadar o desexado salto a Terceira.
O conxunto adestrado por Rafa Casanova aínda non dixo a última palabra neste temporada. Sexto clasificado e lastrado polos malos resultados dos meses de novembro e decembro, o Ribadeo F.C. non puido mantelo ritmo dos catro equipos que o preceden, sen contar ao intratable As Pontes. De tódolos xeitos, os ribadenses son o mellor equipo da segunda volta, perdendo tan só un dos últimos doce encontros, no campo do Dubra. Un triunfo no derbi deixaría ao cadro local aínda lonxe, pero con opcións de tentar cando menos, alcanzar un posto na promoción de ascenso.

A historia do outro lado da Mariña é diferente. O Viveiro C.F. está a facer a mellor temporada desde que no ano 2006 descendeu de categoría. E neste último tramo de competición, os de Chusky non queren que se lles escape o segundo posto. Con tan só dous puntos de marxe sobre o Arzúa, a traxectoria do conxunto viveirense convida ao optimismo. Oito vitorias nos últimos dez encontros, con tan só unha derrota no campo do Xallas, no que posiblemente foi o peor encontro do Viveiro nesta temporada. A visita ao Pepe Barrera desta xornada, así como a vindeira en Cantarrana ante o Noia, cuarto na clasificación antóllanse cruciais.

Causarán baixa para o derbi da Mariña, os ribadenses Cube e Juanma, mentras que no Viveiro Dani Carnota, lesionado non será da partida, mentras que Aitor, xa adestrando co grupo, é dúbida.


O último encontro entre Ribadeo e Viveiro no Pepe Barrera tivo lugar o seis de novembro de 2016 e rematou con triunfo visitante por cero goles a un. O autor do tanto foi o hoxe xogador do As Pontes Dani Fernández de penalti. A pasada temporada, o derbi disputouse nas Valgas, polo mal estado do céspede do Pepe Barrera e o Ribadeo acadou a vitoria goleando ao Vieiro por tres a cero. Os goles foron de Santi, Miguel e Rafa.
Falamos con dous dos protagonistas do encontro, dous xogadores que compartiron vestiario e ben seguro se verán as caras no medio do campo este domingo: Santi (Ribadeo) e Iván (Viveiro).
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

SANTI (RIBADEO F.C.)
– O mellor equipo da segunda volta. «Levamos unha segunda fase de liga moi boa, pero apenas recurtamos puntos porque os equipos de arriba non perden. É complicado facer contas e máis aínda falar de promoción. Temos a ilusión de gañar o domingo e seguir metidos nese grupo de cabeza, e veremos ata onde podemos chegar».
– O derbi da Mariña. «Afrontámolo con moitas gañas. É un deses partidos que sempre che apetece xogar, nos que hai máis ambiente e nos que te enfrontas a moita xente coñecida polo que sempre intentas dar un plus e xa o disfrutas toda a semana».
– O Viveiro. «Xa vimos na primeira volta que xogan ben ao fútbol e non é casualidade que estén ahí arriba. Teñen moitos xogadores de calidade, pero se nós estamos ao noso nivel non nos consideramos inferiores a ningún equipo».
– A lesión. «Estou totalmente recuperado. O problema é que levo dous anos arrastrando outra nunha zona cercana que me curou mal e dame a lata aínda a día de hoxe. Pero a ilusión por xogar está por enriba de todo eso».
IVÁN (VIVEIRO C.F.)
– Un toque de atención. «A derrota en Santa Comba ante o Xallas foi dura pero creo que veu no momento indicado. Foi un aviso para darnos conta de que nesta categoría calquer rival che pode gañar un partido malia a diferencia na clasificación. Sen ir máis lonxe, este fin de semana, o Arzúa gañoulle ao Xallas nos últimos minutos, o que indica que nas últimas xornadas tódolos equipos apretan buscando os seus obxetivos. Ata se pode decir que nos veu ben a derrota para darnos conta que non vai ser nada fácil o que nos queda ata final de temporada».
– Un derbi especial. «Xoguei outros derbis como o Racing Vilalbés-Lugo nas categorías inferiores, pero os derbis na Mariña son especiais. A xente enche os campos e vívese de maneira distinta. Tiven a sorte de xogar outros Ribadeo-Viveiro e son partidos que a todos nos gusta xogar. Para min é o partido máis bonito da temporada. Non podo esquecer que o Ribadeo, despois dunha temporada en Terceira co Vilalbés na que apenas xoguei, apostou por mín, grazas a Fiz tamén que era o adestrador, e deume a oportunidade de disfrutar do fútbol alí. Conservo grandes amizades en Ribadeo e iso é o máis bonito do fútbol».
– O Ribadeo. «É un equipo de segundas voltas. Xa o experimentei xogando alí. Conta con xente veterana que sabe como vai isto, mezclada con outra máis nova que aporta ilusión e ganas de comerse o campo. Preocúpame o bloque en si, pero nun derbi todo se iguala e da igual en que momento chegue cada equipo, porque todos queremos os tres puntos para o noso peto».
– O ascenso. «A día de hoxe o principal rival do Viveiro é o propio Viveiro. Somos un equipo moi novo e moitos de nós non estivemos nunca nunha situación así, pero indo partido a partido nestas sete finais que nos quedan non dubido que podamos conseguir algo moi bonito para nós e, sobre todo para a nosa afección. Sen dúbida creo que sería unha maneira moi bonita de pechar o que xa é un temporadón deste equipo».
ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .
Terceira División
– Polvorín – C.D. Ribadumia (Domingo ás 18 horas na Cheda): un triunfo pode confirmar de xeito virtual a permanencia dos de José Durán na Terceira. Enfronte, o cadro pontevedrés, precisa un triunfo para abandonala zona de perigo.
Preferente Norte
– C.D. Castro – C.S.D. Arzúa (Domingo ás 12 horas no Arturo Pereiro): co descenso xa matemático, o conxunto chairego recibe a un Arzúa que marcha terceiro clasificado, a tan só dous puntos do Viveiro.
Primeira Autonómica
– S.D. Outeiro de Rei – Club Lemos (Domingo ás 16:30 horas no Municipal): co obxectivo de acadalo ascenso matemático, os monfortinos visitan un dos campos máis difíciles da categoría, ante un rival que tamén se xoga seguir nos postos de privilexio.
– C.D. San Ciprián – U.D. Xove Lago (Domingo ás 17 horas na Veiga): final pola permanencia para o conxunto de Lekumberri, que aínda que se atopa fóra dos postos de descenso sería o primeiro en perdela categoría en caso de arrastre. Enfronte, os veciños de Xove, que tras dúas derrotas, precisan un triunfo para alonxarse da zona perigosa.
Segunda Autonómica
– S.D.C. Roupar – S.D. Guitiriz (Sábado ás 18 horas no Novo): cuarto contra terceiro no grupo norte. Os de Diego Dopico gastarán a última bala para achegarse aos postos de ascenso. Os visitantes buscarán un triunfo que os manteña na pelexa de cheo con Folgueiro e Lourenzá.
– S.D. Oural – C.D. Guntín (Sábado ás 17 horas no Luis Pallín): quinto contra cuarto no grupo sur. Ámbolos equipos coas opcións intactas de inquedar aos tres de arriba. O que acade os tres puntos será un firme candidato a dar o salto de categoría.
Terceira Autonómica (Fase de Ascenso)
– Celta Barreiros – A.D. Matela (Domingo ás 17 horas no Cascabeiro): o cadro mariñán, moi reforzado no tramo final de liga, non se conforma con entrar no play off e buscará un marcador favorable para a volta. Os conxunto visitante, que non foi quen de acadalo ascenso directo, non quererá deixarse sorprender no Cascabeiro.
– S.C.D. Milagrosa – A.D. Catro Roldas (Domingo ás 17 horas no Luis Gorgoso): os lucenses, grandes favoritos desde o comezo para retornar a Segunda, terán que verse as caras cun Catro Roldas que ven de facer unha extraordinaria temporada.
– S.D. Antas – S.D. Castroverde (Domingo ás 17:30 horas no Castro Seoane): non chega no seu mellor momento o conxunto da Ullo ás eliminatorias polo ascenso, pero buscará retornar á senda do triunfo ante un Castroverde que estivo preto de acadalo pase directo.
– C.D. Río Sil – C.D. Sober (Domingo ás 17 horas na Carqueixa): derbi soberino entre conxuntos que remataron a competición moi igualados. Unha das eliminatorias de pronóstico máis incerto.