#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

O Mondoñedo, único equipo invicto e que conta os partidos por vitorias

Oito partidos, oito vitorias para un Mondoñedo que é líder en solitario no grupo norte daTerceira Futgal. Nesta xornada derrotou pola mínima ao Pol B nun encontro que xa tiña no horizonte o vindeiro choque fronte ao segundo clasificado, un Catro Roldas que goleou ao Roupar a domicilio. O Muimenta prolonga a súa boa xeira logo de derrotar ao Celeiro no Pichón.

No grupo sur, o Corgo colleitou a primeira derrota do curso. Foi pola mínima no campo do Rubián. O Taboada suma e segue e continua en praza de ascenso directo logo de vencer á Piringalla.

Analizamos cada partido no Tres en Raia Boas Mans Fisioterapia.

GRUPO NORTE

Un solitario gol de Nacho dalle o triunfo ao Mondoñedo diante do Pol B (1-0). Encontro moi disputado no Viñas da Veiga. Os locais non eran quen de trenzar xogadas e tiveron bastantes imprecisións. O Pol B, que sufriu a baixa de Antón por lesión, apenas sufriu en defensa e chegou á porta rival en contadas ocasións. O Mondoñedo gozou dun penalti para adiantarse no marcador que non aproveitou, e moi preto do intermedio nun erro defensivo dos visitantes Nacho adiantou aos mindonienses. Nada máis comezar o segundo tempo, os de Nico contaron con outro penalti a favor que Salah detivo. Os trocos revitalizaron ao Pol B que contaron con varias ocasións que non foi quen de aproveitar. Nos últimos intres, co Mondoñedo en inferioridade numérica, os locais tiveron opcións claras de sentenciar.

O Catro Roldas golea no feudo do Roupar (0-5). Os locais chegaron a este choque cun bo número de baixas e optaron por ceder o dominio ao rival para buscar saír á contra. O Catro Roldas recolleu o testigo, pero tardou máis de media hora en entender o que o choque requería. Co paso dos minutos os de Coto foron quen de xerar situacións de perigo sobre todo ao buscar situacións á espalda da liña de medios local. Samu abriu o marcador moi preto do descanso. Tras o intermedio o Roupar estirouse na procura do empate, pero o segundo gol do Catro Roldas, nunha boa xogada colectiva que rematou co tanto de Isra, rachou o encontro de xeito definitivo. Samu, que marcou dous, e Dopico completaron a goleada.

O Muimenta dobrega a un bo Celeiro no Pichón (3-1). Non foi o mellor partido na casa dos de Fran Veiga, en boa medida pola boa labor dos visitantes, sobre todo na primeira media hora. Os viveirenses dominaron a primeira fase do encontro, pero o primeiro gol local fixo que o Celeiro baixara os brazos. Froito diso só tres minutos máis tarde o Muimenta puxo terra de por medio. Antes do descanso Miguel recurtou distancias ao culminar unha contra. No segundo tempo Seijas marcou para o Muimenta ante a saída de José Luis. No último tramo, ámbolos conxuntos contaron con ocasións de gol.

Rioaveso e Abadín igualan nun choque entretido e parello (2-2). Choque de alternativas o disputado en Paraños. O Abadín comezou mellor e adiantouse cun remate de Bufy de cabeza á saída dunha falta lateral. Non tardaron os visitantes en facer o segundo, obra de Ferre nun balón á espalda da defensa. Foron os mellores minutos do Abadín, pero os locais reaccionaron antes do intermedio e recurtaron diferencias por medio de Losada. O segundo tempo tivo cor local. Os de Asier Lozano saíron mellor de vestiarios e lograron empatar grazas a un tanto de Noé, ex do Abadín. A reacción local freouse coa expulsión de Veiga por dobre amonestación e o encontro rematou en tablas.

A Comercial entra en zona de play off tras vencer ao Cazás (4-3). Foron mellor os locais, sobre todo ao comezo. Aarón, de cabeza, adiantou aos locais aos cinco minutos de xogo. O Cazás buscou a reacción sen acerto cara a porta rival e cumprida a media hora novamente Aarón marcou tras roubarlle un balón á liña defensiva rival. Bruno recurtou distancias, pero no segundo tempo o encontro entrou nun ida e volta que beneficiou á Comercial. Pablo e Aarón marcaron e deixaron e choque encarrilado para os de Manuel Prieto. Os xermadinos non baixaron os brazos anotaron dous goles nos últimos intres, obra de Bruno e Diego.

GRUPO SUR

O Rubián remata coa imbatibilidade do Corgo (1-0). Os visitantes manteñen o liderado, pero perden a súa condición de invictos logo de caer no feudo do Rubián. Os locais adiantáron nun penalti moi protestado polos de Abel Rochela, que optaron por colgar balóns á área rival. Brais puido anotar para os visitantes e os de Senén López tamén contaron con algunha opción para marcar. No segundo tempo, o Corgo contou cun penalti a favor para igualar o choque, pero Sebas errou no lanzamento. O propio Sebas contou con dúas boas opcións para marcar, aínda que non estivo atinado. Raúl e Rober contaron tamén con ocasións. O Rubián tivo que lamentar as lesións de Geri e Viti nun segundo tempo no que o Corgo buscou intensamente o empate. Os visitantes reclamaron penalti preto do final por man dun defensor na área.

O Taboada B segue en racha e vence á Piringalla con certa comodidade (1-3). Saída fulgurante do Taboada B que anotou dous tantos nos primeiros cinco minutos. Brian, cun golazo desde o medio do campo, e Anxo cun bo remate de cabeza tras centro de Pita, deixaron o encontro encarrilado para os de Jacobo Vázquez. Os locais colleron o dominio do balón, pero sen chegar a xerar situacións de perigo. No segundo tempo o partido resultou máis igualado. Os de Jony Lombardía recurtaron diferencias cun gran gol de Raúl, pero Sergio superou ao gardameta local no man a man e fixo o terceiro para sentenciar.

O Quiroga vence a un Bóveda en inferioridade numérica (2-0). Encontro marcado pola expulsión do gardameta visitante Bárbaro aos vintecinco minutos de xogo. Ata ese momento, os visitantes tiveron o encontro controlado. En superioridade, o Quiroga tivo o control do balón e xerou ocasións, aínda que os visitantes non lle perderon a cara ao partido. Manoliño abriu a lata xusto antes do descanso e Brian puxo terra de por medio ao pouco de comezar o segundo tempo. O Bóveda buscou recurtar diferencias e contou con algunha ocasión. Os de Cristian Penas reclamaron un penalti que o colexiado non sinalou.

sorpresas

O Incio suma a cuarta vitoria nos últimos cinco partidos no campo do Relámpago (3-4). Partido no que claramente os ataques foron superiores ás defensas. Ámbolos equipos cometeron erros que facilitaron os goles do rival. O Relámpago non estivo atinado e cometeu erros impropios dos de Melendo nesta temporada na que o rigor defensivo é unha das súas máximas. Dous tantos de Fran para os locais e Pombo e Urdi para os visitantes marcaron no primeiro tempo. No segundo tempo, o Incio foi mellor e logrou os tres puntos para consolidar a súa praza de promoción.

Río Sil e Carballedo asinan táboas nun festival de goles na Carqueixa (3-3). A mala saída ao partido do Carballedo aproveitouna á perfección o Río Sil. César convertiu dúas ocasións en gol, e os locais contaron con maís opcións para marcar. Os de David Guerra melloraron no último tramo do primeiro tempo, sen chegar a concretar as súas ocasións. No segundo tempo os visitantes lograron o empate con goles de Raúl e Cristian. Moi preto do final, o Carballedo deulle a volta ao marcador cun novo gol de Cristian. No desconto, un despiste nunha acción a balón parado propiciou o gol de Matamá para sumar un punto.

Foto de portada: Facebook Veteranos Futgal Grupo Lugo Provincial.

O Mondoñedo, único equipo invicto e que conta os partidos por vitorias

A Milagrosa vence no derbi lucense ante

O Mondoñedo, único equipo invicto e que conta os partidos por vitorias

O Mondoñedo, único equipo invicto e que